Aprobada en Ribeira a comisión de seguimento para desbloquear a sede do Club de Remo

Resumo dos asuntos tratados no pleno ordinario de xaneiro do 2023 celebrado o 1 de febreiro de 2023

Iniciativa conxunta de BNG, PBBI, SR para a creación dunha comisión de seguimento para desbloquear a construción da sede de deportes náuticos: o Pleno da Corporación Municipal de Ribeira aprobou onte a creación dunha comisión de seguimento para desbloquear a parálise na que se encontra o proxecto para construír a sede de deportes náuticos na que acoller ao Club de Remo Náutico de Ribeira. A proposta contou cos votos a favor de PBBI, BNG, PSOE, SR e os votos en contra do PP.

A iniciativa presentada conxuntamente polo BNG, PBBI e SR no mes de setembro foi defendida polo portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, quen esgrimiu que a pesar do atraso co que se debate o tema, este equipamento deportivo segue sendo unha necesidade urxente para os deportistas que practican remo. “As instalacións actuais non reúnen os mínimos de seguridade nin de confortabilidade ao non dispoñer de auga quente, vestiarios, foso de adestramento, espazo para estudo, etc”.

Os grupos recriminaron a mala xestión e a incapacidade do goberno local para avanzar nos proxectos importantes do municipio, lembrándolle que moitas obras acumulan meses e anos de atraso ou sobrecustos insostibles, situación que exemplificaron coa estación de autobuses ou o novo auditorio.

Segundo Pérez Barral a creación dunha comisión de seguimento “é vital porque o Partido Popular leva co proxecto paralizado desde 2018. O único que fixo foi gastar tempo e recursos en facer sete proxectos sen chegar a materializar ningún deles”. Barral concluiu asegurando a insistencia e constancia do Club foi chave e que a comisión permitirá axilizar e fiscalizar cada paso para que Ribeira teña un equipamento destas características máis pronto que tarde.

Outros asuntos:

A) Recoñecementos extraxudiciais de crédito 1/2023 e 2/2023. Aprobado cos votos a favor de PP, abstención de PBBI, PSOE e votos en contra de BNG, SR.

O Goberno local levou a pleno facturas atrasadas por valor total de 236.724 euros que levan desde xaneiro, maio, xuño, agosto, setembro, etc. e que están sen aboar. Algunhas destas facturas correspóndense con servizos contratados polo Goberno municipal sen seguir os procedementos administrativos e legais pertinentes, situación pola cal, o departamento de Intervención, que é o organismo competente en materia de control e fiscalización dos fondos públicos, elabora dous informes desfavorables con carácter suspensivo “por omisión de trámites fundamentais”.

Devandito informe de Intervención tamén establece que existen persoas traballando no Concello de Ribeira sen que exista unha relación laboral ou funcionarial como é obrigatorio senón que estas persoas prestan os seus servizos e cóbranos mediante facturas que logo se pagan a pesar de que este tipo de feitos só poden empregarse en situacións específicas, concretas e non habituais tal e como delimita a xurisprudencia.

Por outra banda, dicir que a Lei de emprego público de Galiza, a Lei de Bases do réxime local ou o Estatuto básico do empregado público obrigan a que determinadas tarefas sexan asumidas directamente por funcionarios ou funcionarias. A pesar disto, o Goberno local, mediante un contrato de servizos, encargou a realización de informes urbanísticos, comprobación de obras e actividades, elaboración de proxectos de obras e dirección das mesmas, e funcións de inspección en materia urbanística. “Funcións todas estas que se encadran no ámbito daquelas que obrigatoriamente teñen que desempeñar funcionarios polo seu carácter permanente”.

Por se todo iso non bastase, o informe argumenta que non se acreditou que non se estea alterando o obxecto dos contratos para evitar a aplicación das regras xerais de contratación e de que os contratistas non teñen subscrito máis contratos menores que individual ou conxuntamente superen o límite cuantitativo do contrato menor (40.000€ en caso de obras e 15.000€ en caso de servizos). Tamén se di no informe que non se presentaron as oportunas propostas razoadas, detalladas e valoradas acreditando a necesidade de realizar eses contratos, previa consulta a tres empresarios con capacidade de obrar e que conten coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación, cando o importe do subministro, servizo ou obra exceda de 3.000 euros.

No caso de subministros inferiores a 500 euros, non se cubriron as autorizacións de gasto.

Por todo isto Intervención obriga a que estas facturas non se paguen até que non sexan levantados os reparos.

A proposta do Partido Popular foi que o Pleno lle aprobe os gastos que realizou sen ter crédito suficiente, saltándose os procedementos administrativos e legais pertinentes, provocando que empresas que fixeron traballos para o Concello de Ribeira leven meses sen cobrar.

Como dixo o portavoz do BNG, Luís Pérez, “tratarán de dicir que os culpables somos os grupos que votamos en contra por non querer aprobar as cuestións que vostedes fan de maneira irregular, saltándose o procedemento. Señor Ruiz, permítame que lle diga que os cartos públicos deben ser xestionados con minuciosidade e velando por que se cumpren os procedementos administrativos e legais. Por todo isto, o BNG non pode apoiar a aprobación destes gastos por teren os informes desfavorables de Intervención” concluíu.

B) Crédito extraordinario por valor de 1,3 millóns de euros para destinalos aos seguintes proxectos:

Rehabilitación da casa consitorial 751.645€ de fondos propios máis outros 2,8 millóns que dá o Estado español.
Compra dunha nave para o GAEM por valor de 225.799€ e a súa posterior rehabilitación por 146.854€.
Compra dun tractor para rozas 175.000€.
Compra terreo en Artes 60.700€ para poder construír, nun futuro, unha zona deportiva.

Aprobado cos votos a favor do PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

C) Código ético do Concello de Ribeira. Aprobado por unanimidade

D) Proposta para regular o espazo público e das terrazas. Aprobado cos votos a favor de BNG, PSOE, SR e abstención de PP e PBBI

Desde o BNG cremos que os veciños e veciñas de Ribeira desfrutamos da posibilidade de ter espazos hostaleiros nos que hai terrazas, nas que podemos gozar do espazo público e do aire libre. Isto non entra en contradición coa nosa crenza de que esa actividade debe estar ordenada para garantir a convivencia entre o uso do espazo público para a realización dunha actividade económica co dereito das persoas a se moveren polos espazos públicos. No BNG consideramos que hai posibilidade para todo tipo de actividades, para garantir o dereito de paso das persoas a se mover polas rúas e prazas con accesibilidade e para o desenvolvemento da importante actividade económica e social que se desenvolve nas terrazas da hostalaría.

Vemos con preocupación como proliferan os feches ‘semipernanentes’ que encapsulan as terrazas e, nalgúns casos, acaban por converterse nunha apropiación privada de espazo que é público, é dicir, espazo de todos e todas. Débese regular para que todo teña cabida permitindo a conciliación das terrazas cos dereitos que teñen as persoas a desfrutar dos espazos públicos e das persoas con mobilidade reducida a non teren obstáculos á hora de transitar polas rúas e prazas.

D) Proposta para creación dunha tarxeta municipal de transporte coa que bonificar as viaxes no transporte público. Aprobado cos votos a favor de BNG, PBBI, PSOE, SR e abstención de PP.

O pleno comezou cun minuto de silencio en lembranza a Magdalena Bringas, filla adoptiva de Ribeira que faleceu o 29 de xaneiro de 2023

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.