Aprobada a proposta do BNG para pavimentar e garantir a accesibilidade na rúa Fr. Lorenzo Mariño

Moción BNG para pavimentar e garantir a accesibilidade na rúa Fr. Lorenzo: A rúa Francisco Lorenzo Mariño é un dos principais accesos ao centro da parroquia de Aguiño e conta cun bo número de comercios e vivendas en ambas marxes da estrada polo que é unha rúa moi transitada. A pesar de ser unha rúa principal, non é accesíbel, rexístranse excesos de velocidade e o pavimento está moi deteriorado. O portavoz do BNG defendeu con esta iniciativa plenaria a necesidade de realizar unha actuación integral de mellora.

 

Malia que no ano 2016 se fixo unha reforma, por valor de 465.000 euros iniciada, para cambiar as lousas das beirarrúas, renovar a rede de saneamento e canalizacións non se atendeu a petición do BNG para recolocar postes e farois situados no medio das beirarrúas e asfaltala completamente. A falta dunha nova capa de asfalto fai que as beirarrúas estean máis altas que o pavimento, orixinando unha barreira insalvábel para as persoas con mobilidade reducida impedíndolles atravesar a rúa dun lado a outro e provocando serios problemas ás persoas que vaian con carros de crianzas ou de compra.

Pérez Barral, recriminou que o goberno local incumpre as súas obrigas para garantir a accesibilidade universal en todos os lugares do municipio, “o señor Ruiz, ademais dicir que vén moito por Aguiño, debería escoitar e atender as necesidades que lle formulan os veciños e veciñas”. É necesario deixar atrás o modelo do Partido Popular no que se desatende as parroquias para facer obras megalómanas no centro de Ribeira.

Asfaltado novo, accesibilidade universal e calmado de tráfico

Barral defendeu o modelo urbanístico do BNG por ser “recoñecido polos efectos positivos que implica” e por ter “un claro compromiso coa accesibilidade e a seguridade viaria para beneficio das persoas” mediante medidas como o calmado de tráfico e plataforma única. Esas medidas xa se están levando a cabo en moitos concellos gobernados polo Bloque e teñen unha aceptación moi boa por parte da veciñanza ao se garantir a accesibilidade e ao se reducir o ruído e os accidentes”.

Ademais da accesibilidade, o BNG propón adoptar medidas de calmado do tráfico e seguranza viaria porque a veciñanza lle trasladou as súas queixas polos excesos reiterados de velocidade en moitos lugares da parroquia de Aguiño que están a provocar de perigo e ruído.

Ante todas estas necesidades propuxemos realizar unha actuación integral de mellora dotando a toda a estrada dunha nova capa de asfalto; garantir accesibilidade universal para facilitar que todas as persoas poidan moverse libremente e sen obstáculos, prestando especial atención aos pasos de peóns así como a adopción de medidas de calmado de tráfico que supoñan a redución dos riscos por accidente, menos contaminación e ruído. Ademais de solicitar a súa titularidade para o Concello.

Aprobada por unanimidade

Outros asuntos:

A) Modificación do acordo plenario para ceder 96,19 metros cadrados para a comisaría de Policía. Aprobado por unanimidade

B) Ratificación do acordo plenario no que se solicitou o edificio onde está a UAD. Aprobado cos votos a favor de PP, PSOE, SR e abstencións de BNG e PBBI

C) Expropiacións de terreos para realizar a senda do rego Pedrín. Aprobado por unanimidade

D) Proposta para garantir a seguranza cidadá. Aprobado cos votos a favor de PP, PSOE, PBBI, BNG e abstención de SR

E) Proposta para dinamización cultural no Hospital da Barbanza. Aprobado cos votos a favor de BNG, SR, PBBI, PSOE e abstención do PP

F) Posta en valor do entorno do Faro de Corrubedo. Aprobada unha emenda cos votos a favor do PP e PSOE.

G) Mellora do camiño da Pedrosa en Carreira. Aprobado por unanimidade.

H) Mellora do mantemento e limpeza en San Roque. Aprobado por unanimidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.