Apertura da Casa da Xuventude todos os venres

A Casa da Xuventude abrirá o vindeiro venres 24 de maio para a prestación de espazos a actividades e obradoiros; co propósito de satisfacer as necesidades e aspiracións da mocidade do Concello.

Segundo anunciou a concelleira de Mocidade, Antía Alberte, despois dun “proceso de acondicionamento e da adquisición de mobiliario; estamos preparados para ofrecer o espazo para todas aquelas actividades multidisciplinares que favorezan o desenvolvemento persoal, social e profesional da nosa mocidade.”

A Casa da Xuventude está pensada para ser un punto de encontro inclusivo e dinámico onde cada mozo e moza poida atopar o seu lugar. A concelleira salientou que dende o goberno municipal “estamos abertos a calquera proposta para a realización de eventos, obradoiros ou charlas”.  A decisión de abrir tódolos venres – de 5 a 9 da tarde- responde ás demandas que recibiu a Concellería a través de redes sociais e logo de realizar un proceso de consulta mediante un pequeno formulario.

Algunhas das actividades que a Casa da Xuventude acollerá proximamente serán unha formación e obradoiro audiovisual, proposto pola Asociación Ribeira Crea, e un obradoiro de respostería creativa en inglés. “Agardamos que a Casa da Xuventude se convirta nun espazo que reflicta e celebre a diversidade e o talento da nosa mocidade.” concluiu Alberte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.