A asociación cultural Altofalante concede o Altofalante do Ano 2025, a título póstumo, a Xosé Antón Parada Fernández

A Asociación Cultural Altofalante outorgou o premio Altofalante do Ano 2025, a título póstumo, a Xosé Antón Parada Fernández, nun acto celebrado a poucas semanas de concluír o ano e que serviu tamén para pechar unha etapa de reactivación da entidade tras varios anos sen poder facer entrega deste recoñecemento.


Durante o acto, Silvia Varela, tesoureira da A. C. Altofalante, aproveitou a ocasión para conmemorar o 20 aniversario da asociación, creada no verán de 2005 cun claro compromiso coa normalización da lingua galega, a cultura e a memoria histórica, situando sempre Galiza no centro das súas accións. Varela destacou o significado do premio, que recoñece o traballo daquelas persoas que durante anos foron a voz das problemáticas de Ribeira e do país.

Pola súa banda, Cruz Rivadulla, concelleira do BNG en Ribeira, salientou o labor incansable de Xosé Antón Parada na defensa do galego e na promoción da cultura galega, facendo especial fincapé na súa última achega intelectual, a tradución do Código de Hammurabi. Un traballo que, segundo sinalou, amosa a súa firme convicción de que a través do galego tamén se pode acceder ao coñecemento universal. A edil quixo tamén destacar a súa profunda vocación polo ensino e o vínculo co seu alumnado do IES da Pobra do Caramiñal.

O voceiro do BNG en Ribeira, Luís Pérez, puxo en valor dúas cualidades fundamentais da figura homenaxeada: a súa sabedoría e a súa bondade. Segundo afirmou, Xosé Antón entendía o coñecemento como unha ferramenta para transformar o mundo e mellorar as condicións de vida da xente, así como a política como unha vía para trasladar as inquedanzas da cidadanía ás institucións. Pérez destacou tamén o seu firme compromiso coa mocidade, a renovación de ideas e o seu traballo constante a prol de Ribeira, Moaña, o seu alumnado e Galiza, concluíndo que o mellor tributo é continuar defendendo as causas polas que el loitou.

O acto foi pechado por David Casais, presidente da A. C. Altofalante, quen fixo entrega do galardón Altofalante do Ano e dun ramo de flores, recollidos polo fillo de Xosé Antón Parada e pola súa compañeira de vida. Casais anunciou tamén o seu nomeamento como membro de honra da entidade e subliñou unha traxectoria vital marcada polo compromiso político e social dende a adolescencia, participando activamente en organizacións como a UPG, ERGA, BNG, CIG ou a propia A. C. Altofalante.

Durante o acto lembráronse tamén palabras pronunciadas por Xosé Antón Parada no seu último pleno na corporación municipal de Ribeira: “Non pensen que van acabar co nacionalismo, porque algún día Galiza será ceibe”, unha frase que resume o espírito e a loita dunha figura clave do nacionalismo galego contemporáneo.