Alegacións á EDAR

Situación da EDAR en Aguiño


A estación depuradora de augas residuais (EDAR) que se pretende instalar en Aguiño ocupará un espazo de 25.000 m2 e terá capacidade para 80.000 habitantes equivalentes.

Está por ver se facer unha gran depuradora e trasladar alí as augas residuais de Oleiros, Palmeira, Ribeira, Castiñeiras, Carreira e Aguiño é a mellor solución. É unha mágoa que non se estudiara a posibilidade de facer pequenas depuradoras en cada parroquia. Acostuman a ser menos problemáticas e máis fáciles de controlar.

A ubicación que aparece no Anteproxecto tampouco é moi afortunada: en Pinisqueira (preto de vivendas e dunha area de lecer) a proposta do grupo de goberno, que tomou a decisión en solitario e de costas ao resto dos grupos, polo menos ao BNG, e tamén á cidadanía.

Así quedou patente na reunión celebrada o luns, día 11, na Casa do Mar de Aguiño. Máis dun cento de persoas alí reunidas dixeron carecer de información e mostráronse preocupadas pola ubicación da depuradora en Aguiño; afirmaron estar “queimadas” porque cando foi do traslado da fábrica de fariña tamén se lles dixo que non cheiraría e, según dixeron, determinados días e sobre todo polas noites os cheiros son insoportables.

Disto dedúcese que o Goberno Municipal non está facendo o control que debería desta fábrica, que sí ten sistemas para control dos cheiros, pero se non se usan non serven de nada.

Mostráronse incrédulos, seguramente pola mala experiencia que viven, cando lle dixemos que se teñen producido moitos avances e que unha depuradora de última tecnoloxía e con un adecuado mantemento, as molestias que deberían ocasionar terían que ser mínimas. Do mesmo xeito, cando funcionan mal producen moitos problemas.

A irresponsabilidade do goberno na aplicación da normativa vixente en materia de verquidos é a que está ocasionando esta alarma social; que se incrementa coa falla de información e de consenso á hora de localizar a EDAR. Se escoitaran outras opinións a estas alturas non teriamos que estar presentando alegacións e aforraríase tempo, traballo e cartos.

Ademais o goberno ten que acostumarse a contar co resto dos grupos e coa cidadanía, sobre todo para as cousas que inflúen de maneira tan decisiva nas súas vidas, como nesta ocasión na de Aguiño. En todo caso, nós si que nos comprometemos a facer un seguimento deste tema e a reunirnos cos veciños e veciñas de Aguiño para darlle a información que precisen, tantas veces como sexa necesario.

PLENO MUNICIPAL

As alegacións que se levaron ao Pleno e coas que nós concordamos, e mesmo propuxemos incluír tamén a da Ameixida que non estaba, son as seguintes:

1. Que na Ameixida, a ubicación prevista nesta zona se separe o máximo da casas, incorporándoo (o bombeo) na explanada portuaria.

2. Que en Castiñeiras, o bombeo que está previsto no paseo marítimo, se ubique na explanada portuaria.

3. Que en Listres, o bombeo e tanque de tormentas, debe respectar o entorno, e debe mellorarse coa construción de zonas verdes e instalacións deportivas.

4. Que a EDAR de Couso sexa trasladada a unha nova ubicación que se marca nun plano adxunto (ao Polígono de Couso, a carón dunha fábrica de fariña alí instalada).

Pero temos que manifestar que non estamos de acordo co procedemento seguido polo Goberno do PP:

 Con que non se estudiaran outras fórmulas para o saneamento integral (como por exemplo, facer pequenas depuradoras máis próximas aos núcleos).

 Con que se escollera esa primeira localización de Pinisqueira para a EDAR ao chou e ás nosas costas e dos veciños/as (e mesmo que logo dixeran que esa ubicación fora un acordo de todos os grupos, algo absolutamente falso).

 Con que se veña ao Pleno sen a proposta de alegación ou un borrador da mesma.

 Tamén nos parece unha falla de respecto que o Grupo de Goberno se tomara a licencia de adiantar na prensa o noso posicionamento no Pleno celebrado hoxe, antes de coñecelo.

Todas estas razóns nos parecen máis que suficientes para votar en contra. Pero por respecto aos veciños e veciñas e polo noso compromiso con eles/as, e só con eles/as, decidimos optar pola abstención. Votar a favor sería respaldar a nefasta actuación do Grupo de Goberno neste tema.

Memória:
memoriaedarribeira.doc
Plano:
planoedarribeira.pdf

Nova no Correo Galego

Un comentario en «Alegacións á EDAR»

  1. Eu son de Aguiño e onte estiven no Pleno. Tamén estiven na reunión do luns. Non sei como o alcalde pode decir que falou coa xente de Aguiño. Quen son eses “representantes cualificados” cos que di que falou? Eu non os coñezo. Dende logo nin o Alcalde, nin a concelleira do PP, por certo, eu tamén sentín vergoña allea o luns polo seu comportamento, nin eses representantes “cualificados” nos informaron de nada. E os únicos que viñestes alí a dar a cara sodes, para o Alcalde, “expertos en radicalizar as cousas”? Vaiche boa…! Grazas por todo. Saúdos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.