Aforro enerxético no alumeado de Nadal

O BNG de Ribeira, por medio do seu concelleiro Xosé Luís Groveiro, ven de reclamar diante do Goberno Municipal que teña en conta criterios de aforro enerxético á hora da instalación do alumeado de Nadal coa contratación de sistemas que utilicen tecnoloxías eficientes e de baixo consumo.

Directivas europeas e as súas aplicacións normativas estatais e autonómicas veñen de-mandando a implantación progresiva de medidas de promoción do aforro enerxético tanto no ámbito privado como nos diferentes servizos públicos.

O alumeado público, con ser un servizo esencial, supón non só un importante gasto para as arcas municipais senón tamén unha importante contribución á contaminación atmosférica que algúns estudos calculan no equivalente ó xerado pola metade do tráfico rodado dunha cidade como puidera ser o caso de Ribeira.

No tempo de Nadal é xa habitual que os Concellos contraten a instalación de alumeado público ornamental. É pois unha boa ocasión para, en aplicación das normativas referidas, se proceda, no momento da contratación, a seleccionar modelos de alumeado que apliquen tecnoloxías eficientes que supoñan un importante aforro enerxético. O Concello contribuiría tamén, con esta medida, a difundir na poboación o exemplo de que o aforro enerxético é cousa de todos e todas. Existen no mercado modelos que aplican lámpadas con tecnoloxía LED que, sen menoscabo da calidade estética, supoñen un importante aforro no gasto enerxético e no impacto ambiental conseguinte. Un hipotético maior custo de aluguer podería perfectamente ser compensado cunha máis racional distribución do tempo de uso e conexión.

Iniciativa Municipal:
2007-11-26aforro_enerx_nadal.pdf

Un comentario en «Aforro enerxético no alumeado de Nadal»

  1. Parecíame un pouco tardía a proposta pero vexo que a iniciativa xa é de novembro…enfín, non vos fixeron moito caso. Polo que levo visto o alumeado deste ano é cutre e con escaso acerto estético. Claro que co estado das rúas de Ribeira, se fora bonito quedaríalle como unha gravata a un porco.
    Posto a opinar é abraiantemente horrenda a combinación de elementos “novedosos”(cestos) cos tradicionais (papanoeles) así como a mistura anárquica de lámparas tradicionais cas electrónicas LED…sen nengún sentido. E os “retales” instalados sen xeito nas pistas dalgunhas parroquias? Sinto ser duro pero NON HAI POR ONDE COLLELO!!
    Penso que se se sentaran con alguén que tivera un pouco de bo criterio, con antelación, axustando os tempos de encendido e as datas e utilizando TODO LÁMPADAS ELECTRONICAS, se podería poñer un alumeado económico, moderno, decente, de bo gusto e para todos. Que alguén traduza estas últimas palabras que ó responsable do actual alumeado lle poden soar a chino.
    Noraboa pola iniciativa aínda que caera en saco rompido.

Responder a Cele Cancelar la respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.