O Concello de Ribeira adxudicou un proxecto para a mellora de ecosistemas e enclaves naturais do Concello mediante a conservación da biodiversidade no Río Artes e o Monte de San Alberto. O presuposto de licitación é de 72.848,20 euros e executarase nun prazo de 3 meses.
O proxecto contempla a plantación de árbores autóctonas e traballos silvícolas co propósito de conservar os hábitats terrestres, restaurar os ecosistemas degradados e conservar a biodiversidade. Tamén se levarán a cabo actuacións de eliminación e control de especies exóticas invasoras.
No río Artes realizaranse rozas manuais e favorecerase a expansión da masa forestal coa fin de conservar o hábitat dos bosques de Ribeira; o cal funciona como corredor ecolóxico ao comunicar o Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán coa maioría dos demais espazos naturais do concello.
As actuacións propostas no monte de San Alberto están dirixidas á eliminación de especies invasoras de escaso valor ecolóxico como é o eucalipto; establecendo posteriormente unha masa arbórea de especies frondosas autóctonas adaptadas ao monte. Asimesmo levaranse a cabo rozas co obxectivo de previr os incendios forestais.
O propósito do proxecto é o de “favorecer a conservación dos hábitats terrestres e conservación de especies, restaurando o ecosistema forestal degradado, aumentando a biodiversidade do monte e eliminando as especies exóticas invasoras.” explicou a concelleira de Medioambiente Antía Alberte