O Concello de Ribeira adxudicou as obras do proxecto “Escola de Deportes Náuticos de Aguiño” cun orzamento de 1.210.000 euros e un prazo de execución de 14 meses. O obxectivo principal é a construción dun edificio para albergar unha escola municipal e a sede do Club de Remo Náutico de Ribeira. Esta adxudicación chega despois de varios meses de traballo nos que houbo que modificar o proxecto inicial “para evitar sobrecustos na obra ou para evitar a eliminación algún dos servizos que ofrecerá este equipamento deportivo” informaron fontes do Executivo local.
O edificio estará localizado na zona portuaria de Aguiño e terá unha superficie aproximada de 35,50×17,00 metros. No baixo haberá unha entrada, a recepción, espazo de almacenamento para embarcacións e foso de remo, mentres que o primeiro andar adicarase a un salón multiusos con despachos, baños adaptados, vestiarios e ximnasio con zona fitness e cardio.
O foso de remo permitirá o adestramento en condicións adversas e no inverno, mentres que a sala multiusos tamén permitirá a súa utilización como aula ou salón de conferencias.
Dende o equipo de goberno local reafirman o seu compromiso de seguir mellorando os fondos destinados á promoción do deporte ribeirense. “As remeiras e remeiros do Club de Remo Náutico de Ribeira levan tempo conseguindo éxitos e facendo un labor encomiable e precisan unhas instalacións decentes” explicou o alcalde Luís Pérez. “O labor que realiza este club, a pesar das precarias instalacións nas que adestran, fan que sexa de xustiza que teñan unhas instalacións axeitadas nas que poder desenvolver as súas actividades. Con esta adxudicación cumprimos coa nosa palabra e co traballo realizado ao longo dos últimos anos para materializar un proxecto que dotará á parroquia de Aguiño dunhas instalacións náuticas de primeiro nivel” concluíu Pérez Barral.