A veciñanza de Artes e BNG reclaman actuacións para mellorar a conexión de internet

A veciñanza de Artes recolleu un cento de sinaturas para instar ao Concello de Ribeira e á Xunta de Galiza a actuar ante as empresas de telefonía para mellorar a conexión a internet nas zonas rurais.

Os membros do BNG, Xosé Vázquez, Luís Pérez e Cruz Rivadulla acompañaron ao veciño que iniciou a recollida de sinaturas, Roi Paz, quen expuxo que hai moitas zonas que xa teñen instalada a fibra óptica pero que a zona do Outeiro en Artes mantense excluída da posta en marcha desta conexión malia levar tempo instalada. “Hai veciños e veciñas que levan meses reclamando ás diferentes compañías que poñan en marcha este servizo sen éxito, por iso é preciso que as Administracións se impliquen para resolver este problema” argumentou. Roi Paz agradeceu a implicación dos membros do BNG por facilitarlle o asesoramento necesario para levar a diante esta acción e por trasladar este asunto ao Concello de Ribeira.

Pola súa banda, o concelleiro nacionalista Luís Pérez Barral, mostrou o respaldo do BNG a esta acción que procura mellorar un servizo básico tan necesario como é o acceso a Internet. Pérez Barral defendeu que a poboación das zonas rurais debe contar con todos os servizos fundamentais como o saneamento, a auga, o lixo ou o alumeado pero tamén o acceso a internet de calidade, e debe telos do mesmo modo que os teñen os habitantes das zonas urbanas.

O BNG presentará unha iniciativa plenaria recollendo as demandas da veciñanza de Artes pero tamén doutras parroquias para que o goberno local actúe para garantir un servizo de internet de calidade. “O goberno local non pode mirar para outro lado, debe actuar ante as empresas porque é fundamental garantir un servizo de calidade nun momento no que cada vez hai máis educación a distancia e xornadas de teletraballo.

O Partido Popular permanece inmóbil ante a fenda dixital que hai no concello e ante o feito de que haxa empresas que reciben subvencións para instalar a fibra óptica pero que logo non a poñen en funcionamento ou que cobran máis caro por un servizo de peor calidade nas áreas rurais.

Ante esta situación, o BNG esíxelle ao Concello de Ribeira e á Xunta que establezan contacto coas compañías telefónicas para que aumenten o despregamento da fibra óptica e que o poñan en funcionamento de maneira inmediata alí onde xa está instalado para garantir un servizo de calidade en igualdade de condicións para toda a veciñanza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.