A rúa Cristóbal Colón será obxecto dunha renovación integral

Aprobouse por unanimidade esta proposta para solicitar unha subvención nominativa á Deputación da Coruña para a execución desta actuación.

O rexedor, Luís Pérez informou das particularidades do proxecto que contempla unha reordenación integral da vía, que incluirá a redución da calzada a un único carril de circulación nun sentido e a habilitación dunha franxa de aparcamento en liña no lado dereito. As beirarrúas ampliaranse considerablemente, alcanzando 2,20 metros na marxe esquerda e 3,60 metros no dereito alén da plantación de árbores que contribuirán á mellora estética e ambiental da rúa. Así mesmo, na actuación prevese o reforzo da iluminación eliminando esa aparencia actual de zona lúgubre garantindo unha contorna máis segura.

A magnitude e o impacto desta actuación requiren a colaboración interinstitucional para garantir o seu éxito. Por iso, é fundamental establecer un convenio coa Deputación da Coruña, que permita acceder a recursos financeiros que posibiliten a execución do proxecto. Este convenio de colaboración facilitará a realización da obra nos prazos previstos e consolida a boa cooperación entre o Concello de Ribeira e a Deputación da Coruña para realizar actuacións que benefician á veciñanza, actuacións que non serían posibles sen a axuda económica da institución provincial.

Pérez Barral rematou a introdución manifestando que a rehabilitación da rúa Cristóbal Colón “é unha necesidade urxente que responde a criterios sociais e económicos”, e engadiu “esta actuación mellorará significativamente a calidade de vida da poboación residente na zona, dinamizará a economía local e contribuirá ao desenvolvemento dunha Ribeira pensada nas persoas”.

O orzamento de execución por contrato é de 267.964,98€ e se financiará cunha subvención nominativa ao marxe dos programas de subvencións de concorrencia competitiva ou plans da Deputación, debido a tipoloxía e contía da actuación a realizar, polo importe de 214.371,98 euros, que supoñen o 80% de coeficiente de financiamento do orzamento total de execución por contrata. O compromiso da Corporación é de asumir o restante 20% do coeficiente de financiamento do orzamento total, con cargo aos fondos propios do Concello de Ribeira, ascendo a 53.593,00 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.