A IV Xornada de Pesca de Ribeira analiza os retos do sector con Europa no horizonte

A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira acolleu a IV Xornada de Pesca, organizada pola OPP83-Sociedade Cooperativa do Mar Santa Uxía, un encontro xa consolidado que reuniu a máis de cen participantes entre expertos, profesionais, alumnado e representantes institucionais.

Na apertura interviron o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, o director xeral de Pesca Sostible, Ramón de la Figuera, a directora da Escola Náutico-Pesqueira, Gloria Santalla, e a xerente da OPP83, María José Casais, quen resumiu o espírito da xornada: “O futuro da pesca debe construírse desde a sostibilidade, atendendo á realidade do territorio e coa mirada posta nas novas xeracións”.

Pérez Barral salientou a importancia do sector para Ribeira manifestando que “o concello non se entende sen o mar”. A lonxa de Ribeira sitúase entre as máis importantes do Estado: terceira en volume de descargas (19.642 t en 2024) e quinta en facturación (40 millóns de euros). Estes datos confirman que somos un porto de referencia, pero detrás das cifras hai algo moito máis: “o traballo, o esforzo e a dignidade de milleiros de profesionais do mar e das súas familias. Non podemos esquecer que o sector achega arredor do 33% do PIB local, nin que xera miles de empregos directos e indirectos”.

O rexedor falou de futuro sinalando que se precisa máis participación nas decisións, máis apoio á innovación, “máis compromiso co relevo xeracional e máis respecto polo coñecemento das xentes do mar, especialmente ás confrarías e ás entidades produtoras. Só así poderemos garantir un futuro sostible para o sector, no que a economía, a cultura e a identidade mariñeira de Ribeira sigan vivas”.