A falta de diálogo do PP bloquea a adxudicacion da depuradora de Couso e Corrubedo

PP e PBBI evitan protexer a fabrica de Cerqueira coa declaración BIC

Resumo dos temas tratados no pleno ordinario de maio de 2021

Proposta do BNG para declarar BIC a fábrica de Cerqueira: a actual fábrica de Cerqueiras está situada na Rúa Manzanares, no barrio de Banda ó Río, o núcleo orixinario da vila. Dito barrio sempre estivo vencellado cara ao mar e a día de hoxe aínda conserva parte da súa estrutura orixinal mariñeira, berce das primeiras salgaduras e fábricas de Ribeira. Na actualidade a fábrica de Cerqueira segue en plena actividade e está catalogada coa tipoloxía de edificación illada, ben conservada que presenta un importante interese arquitectónico polo que o BNG vai propoñer que o Pleno de Ribeira apoie a proposta para declarala Ben de Interese Cultural.

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, argumentou que “por desgraza” na parroquia de Santa Uxía de Ribeira non se conservan demasiadas mostras dese pasado ligado ao mar nin da arquitectura popular galega. Cobas enumerou unha importante cantidade de edificacións tradicionais derrubadas para construír outro tipo de edificacións, entre as que destacou a perda arquitectónica e patrimonial do secadeiro de Colomer ou da antiga casa consistorial de comezos do século XX obxecto dalgunha reforma coa ampliación feita nos anos corenta e derrubada nos anos setenta. “Outras edificacións que xa non se conservan en Ribeira e que destacaban polo seu uso industrial ou comercial son edificios o dos talleres Nervión, o cine Rosalía de Castro e moitos outros establecementos comerciais e vivendas particulares tradicionais que poderiamos mencionar” apuntou.

“Obviamente non podemos recuperar o que se perdeu pero si temos na nosa man a posibilidade de conservar e manter o que aínda segue en pé, contribuíndo a manter viva a identidade orixinaria da nosa vila” afirmou Pérez Barral. Por iso desde o BNG queriamos protexer a fábrica de Cerqueira polo valor patrimonial e industrial que ten. Esta industria sitúase hoxe no bordo do parque de Pedra Pateira, mantendo a estrutura orixinaria, ao pé do mar. Conserva ademais a súa característica cheminea de ladrillo e a edificación anexa de pedra tal e como foi construída. Toda a instalación conserva o valor da arquitectura propia das conserveiras galegas e lembra a tradición mariñeira e conserveira de Ribeira.

Da conserveira Cerqueira hai novas, cando menos, desde o ano 1890 e como di Xoán Carmona Badía, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC) no seu libro, “Las Familias de la Conserva”, ao falar dos Cerqueira: “la fábrica de Ribeira, que es con la de Vigo la única que ha seguido de forma estable hasta el día de hoy gestionada por la empresa, la compraron al conservero arousano Adelino Guillán de Dios en el año 1945 y pasó a dedicarse a la fabricación de mejillón y otros moluscos. Los Cerqueiras canalizaron hacia ella sus principales inversiones durante la segunda mitad de los cuarenta, de forma que en 1950 el valor de su maquinaria e instalaciones superaba al de su matriz viguesa”.

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, asegura que con esta proposta, “pretendíase contribuír a manter a identidade única dunha fábrica situada no corazón da vila, garantindo a preservación da súa arquitectura singular e, ao mesmo tempo, permitindo que a súa actividade de transformación dos produtos do mar e de xeración de emprego sigan adiante”.

Todos os grupos da Corporación destacaron a importancia da proposta presentada polo BNG pero PP e PBBI evitan protexer a fabrica de Cerqueira coa declaración BIC. O señor Ruiz fixo a súa propia interpretación da Lei de patrimonio cultural de Galiza tratando de meter medo. O señor Ruiz dixo que a lei obriga a prohibir a concesión de licenzas durante un ano a 100 metros arredor da fábrica, cuestión que o texto legal non obriga. Para reducir o grao de protección que propoñía o BNG, o PP presentou unha emenda, apoiada polo PBBI, que edulcora e minimiza a protección deste patrimonio industrial, polo que desde o BNG seguiremos insistindo para conseguir a máxima figura de protección e Cerqueira sexa declarada BIC como ben patrimonial industrial.

Somos coñecedores do pouco que lle gusta á dereita protexer o patrimonio e fica ben visíbel que nos trinta anos de goberno do PP en Ribeira non houbo nin hai protección dos edificios tradicionais, non se protexeron novos bens e mesmo se fixeron ataques como os feitos na igrexa parroquial de Ribeira cunha pasarela que a une cos edificios de detrás.

Votos a favor da proposta orixinal do BNG: BNG, PSOE, SR
Emenda presentada polo PP que reduce o grao de protección: votos a favor de PP e PBBI

O PP perde a votación para adxudicar a EDAR de Couso e de Corrubedo: o goberno local sacara a licitación a xestión das depuradoras, de maneira privada, por un total de 4.265.534€ e a empresa que saíu gañadora foi “Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense” por ofrecer un prezo de 3.368.919€ o que supón unha rebaixa do 21%.

Este punto non foi aprobado por contar só cos votos a favor do PP, as abstencións de PSOE e SR e os votos en contra de BNG e PBBI.

Desde o BNG sempre dixemos que o saneamento e a correcta depuración dos residuos debía ser unha prioridade ao crermos que é imprescindíbel facer unha correcta depuración das augas residuais que preserven a riqueza e patrimonio do mar. Debemos entender que do mar dependen moitos postos de traballo e debemos ser capaces de evitar verteduras contaminantes.

O sistema de depuración que hoxe está implantado nunca tivo o apoio do BNG, nunca, porque sempre fomos defensores e defensoras doutro modelo diametralmente oposto ao que presentou o Partido Popular. Tamén pedíamos unha depuradora específica para o polígono de Xarás cuestión que en 2008 conseguimos na Xunta e que o PP non foi quen de executar e vemos como temos que soportar como se dan verteduras que contaminan a nosa ría e que esixiremos depurar responsabilidades e investigar a última vertedura acontecida en outubro. O concelleiro do BNG, Luís Pérez Barral, requiriulle ao goberno local que se faga todo o posíbel para depurar, nunca mellor dito, as responsabilidades desa vertedura e que os responsábeis paguen as sancións correspondentes que contempla a lexislación ambiental.

No Bloque sempre apostamos por outro modelo de depuración, o modelo defendido por nós era o de facer máis dunha depuradora e distribuídas nas valgadas naturais do territorio. Ese modelo foi rexeitado pola maioría do Partido Popular incluíndo o voto de membros que hoxe integran as filas do PBBI. Estes votos decantaron a balanza por un modelo de depuración que trouxo abundantes cheiros na súa posta en marcha e unha importante suba nos recibos que pagan os veciños e veciñas. Ese incremento prodúcese, en boa medida, por ter que trasladar os residuos durante 13 kms e 7 tanques de tormenta. Cómpre destacar que o BNG foi o único grupo que emendou a taxa de saneamento para tratar de frear ese tarifazo que finalmente repercute nos petos de todos os veciños e veciñas facendo que paguen as decisións tan nefastas adoptadas polo Partido Popular á hora de escoller un modelo de depuración caro e ineficiente.

Con respecto á xestión, o BNG defende que a xestión debe ser municipal e directa. Esta proposta permitiría garantir unhas condicións laborais mellores para o persoal que atenda estas dúas instalacións. Entendemos que o mantemento e os custes de mantemento da propia infraestrutura realizaríanse con maior precisión e faríanse todas as limpezas periódicas necesarias para evitar cheiros e que o sistema deixe de funcionar. O mantemento debe ser un dos puntos clave posto que un mal coidado da infraestrutura causará problemas á veciñanza e tamén ao medio natural.

Desde o BNG pedimos aplicar unha rebaixa da taxa de saneamento que repercuta en beneficio de empresas e familias de Ribeira. Pérez Barral explicou na súa intervención que, xa que a empresa fai unha rebaixa de moi importante no prezo final (896.615€), esta contía debería ser destinada directamente a rebaixar os recibos da veciñanza. Entendemos que hai moitas persoas e negocios que están pasando por unha situación delicada a nivel económico e todo canto se lle poida reducir e fraccionar os impostos e taxas municipais sería unha importante axuda.

En base a todo o exposto e a que este non é o modelo escollido polo BNG, que nunca tivo o apoio do BNG, e a xestión dunha infraestrutura vital para o noso medio mariño sempre debería ter xestión pública e directa e non unha xestión privatizada, o BNG votou en contra.

 

Outros asuntos:

Modificación da taxa de saneamento. Votos a favor do PP, PSOE, SR e votos en contra de BNG e PBBI.

Petición do Concello de Ribeira á Xunta, Deputación da Coruña e Portos de Galiza para solicitar a cesión e propiedade das seguintes terreos e estradas: Porto de Aguiño, Malecón e Carolinas, DP-7308 do Porto de Ribeira ao Lugar de Martín (Rúa Romero Ortiz), DP-7307 de Ribeira a Aguiño por Castiñeiras, DP-7306 de Aguiño a Carreira pola Graña, DP-7305 de Ribeira a Aguiño por Carreira.
Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

Aprobado por unanimidade solicitar que o Concello de Ribeira sexa membro da asociación “Megalithic Routes” para formar parte da Ruta europea da cultura megalítica.

Aprobado por unanimidade mellorar a sinalización do petróglifo Pedra de Santiaguiño sita en Corrubedo.

Aprobado cos votos a favor de PP e PSOE acelerar a aplicación do Plan de Accesibilidade  Universal de Ribeira 2016-2026.
Desde o BNG, PBBI e SR votouse en contra por haber unha proposta máis ambiciosa sobre a mesa pero rexeitada polo PP. Desde o Bloque expuxemos que a falta de planificación e a falta proxecto do Partido Popular para Ribeira provoca que a veciñanza teña que padecer atrancos e obstáculos que, no caso das persoas con mobilidade reducida, persoas con carros, etc son insalvábeis.
Desde o BNG defendeuse a necesidade de que todas as obras que se fagan teñan un criterio de plataforma única sempre que sexa posíbel porque isto facilita moito a vida das persoas maiores, as persoas con mobilidade reducida, crianzas e en xeral para todas as persoas porque evita ter que subir e baixar o beiril das beirarrúas, etc. En todo caso, consideramos conveniente, destinar unha partida específica a reducir as barreiras arquitectónicas que hai no municipio, con especial incidencia algunhas beirarrúas e pasos que hai nas parroquias.

Aprobado por unanimidade demandar que a Xunta vacine os mariñeiros da frota galega. Aprobado cos votos a favor de PBBI, BNG, PSOE, SR e abstención do PP

Renuncia da concelleira Ana Isabel Ruiz Reiriz (PP).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.