A Corporación de Ribeira esixe o mantemento de sucursais e persoal a Abanca nun pleno silenciado

O Pleno da Corporación Municipal de Ribeira reuniuse o 18 de maio de 2021 para aprobar a moción presentada pola Plataforma de veciñas e veciños de Palmeira para esixir que Abanca manteña aberta a sucursal da entidade en Palmeira e non reduza o persoal das oficinas.

Desde o BNG congratulámonos da unanimidade suscitada para pedirlle á entidade bancaria que non reduza os servizos que presta na parroquia de Palmeira pero temos que lamentar que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, apoiado polo PBBI, impediu que os voceiros das diferentes formacións políticas puidesen tomar a palabra para defender a necesidade de conservar os servizos financeiros no rural.

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, recrimina a actitude do señor Ruiz ante o que cualificou de “atropelo democrático” pois, impedir que os representes da veciñanza e os representantes públicos poidan falar nun pleno vai contra todos os principios democráticos e normas vixentes.

En relación ao feche de sucursais, temos que ter presente que na crise financeira que estourou no ano 2008 supuxo, ademais do rescate bancario con fondos públicos (que non se recuperaron, pois o propio Banco de España dá por perdidos máis de 42.000 millóns de euros), unha reestruturación bancaria que trouxo unha maior concentración e centralización do sector, unha destrución e precariedade laboral e un empeoramento dos servizos e das condicións para particulares e para pequenas e medianas empresas.

Esa concentración bancaria supuxo en Galiza uns índices superiores á media estatal e europea e as entidades están a aproveitala para reducir progresivamente a rede de oficinas ao tempo que empeoran as condicións, buscando o máximo beneficio económico a costa das persoas consumidoras e das e dos traballadores, que sofren constantes ERE e precariedade.

Coa pandemia tamén se está a obrigar á clientela, con independencia das súas condicións ou habilidades persoais, a empregar a banca virtual, abusando especialmente das persoas maiores e converténdoas en vulnerábeis financeiramente ao obrigalas practicamente a que terceiras persoas xestionen as súas contas. Nesta nova crise estamos asistindo a unha nova fase de fusións na que continúa o aumento da concentración bancaria e a redución da oferta, o que amosa o fracaso do rescate anterior e das medidas impulsadas e que estamos nun momento que trae máis abusos, máis perda de oficinas, máis destrución de emprego e un empeoramento aínda maior da atención e das condicións.

A decisión de fechar a sucursal de Palmeira vai provocar un grave prexuízo ás veciñas e veciños, que terán que desprazarse ou verse na obriga de depender doutras persoas para operar de xeito dixital, se dispoñen dese recurso.

Por todo iso, o BNG apoia as demandas da veciñanza de Palmeira e, ademais, imos demandar no Parlamento de Galiza realizar todas as accións precisas diante da dirección de ABANCA para evitar o peche das oficinas de Palmeira e de Escarabote, polo que supón de perda de servizos para a poboación deses lugares e tamén de postos de traballo. Solicitaremos ademais, exercer as súas competencias exclusivas en materia de consumo para garantir que ABANCA preste servizos bancarios de calidade, co persoal, instalacións e horarios precisos e que non supoñan a conculcación dos dereitos da poboación, en especial da máis vulnerábel.

A nivel local, o BNG reclamará que Ribeira retire os cartos públicos da entidade bancaria de seguir adiante co feche da sucursal de Palmeira e coa redución de persoal nas oficinas.

TEXTO APROBADO POR UNANIMIDADE POLA CORPORACIÓN MUNICIPAL: Escrito veciñanza Palmeira en defensa da sucursal bancaria

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.