A concurso o proxecto de expropiación do Parque da Barbanza

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO SACA A CONCURSO A REDACCIÓN DO PROXECTO DE EXPROPIACIÓN DOS TERREOS NOS QUE SE VAI DESENVOLVER O PARQUE EMPRESARIAL DO BARBANZA POR 80.000 €

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 15 de outubro nas oficinas de Xestur A Coruña, empresa pública adscrita á Consellería de Vivenda e Solo

A Consellería de Vivenda e Solo saca a concurso a redacción do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento do Parque Empresarial do Barbanza, que se emprazará entre os municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal. As empresas interesadas deberán presentar as súas propostas ata o 15 de outubro ás 14:00 horas nas oficinas de Xestur A Coruña, empresa pública adscrita á Consellería de Vivenda e Solo, situadas nas Ronda de Nelle nº 12 bis, 1ª. Toda a documentación sobre este concurso pode consultarse na propia sede de Xestur ou na páxina web www.xesturcoruna.com.

O proxecto de expropiación deberá conter a relación de fincas afectadas polo desenvolvemento deste parque, a identificación dos propietarios e a superficie das fincas. O prazo para elaborado este documento é de 2 meses. Unha vez elaborado, se iniciará a tramitación da expropiación coa exposición pública deste documento para presentación de posibles alegacións.

O proxecto do Parque Empresarial do Barbanza foi declarado de incidencia supramunicipal polo Goberno galego a principios deste mes de setembro. Esta declaración vén motivada pola magnitude da actuación – que se desenvolverá sobre 1 millón de metros cadrados – e porque dará resposta ás necesidades de solo produtivo na comarca do Barbanza, detectadas no estudio de viabilidade medioambiental, técnica e económica no que se analizaron 10 millóns de metros cadrados de terreo.

Neste momento, o Proxecto Sectorial e o correspondente Informe de Sustentabilidade Ambiental (ISA) do Parque Empresarial do Barbanza permanecen en exposición pública. As persoas interesadas poden consultar a documentación e presentar posibles alegacións na sede central da Consellería de Vivenda e Solo en Santiago de Compostela e nos concellos de Ribeira e a Pobra ata o 22 de outubro. O obxectivo de que o Proxecto Sectorial deste parque estea aprobado no primeiro trimestre de 2009.

O investimento total previsto nesta actuación é de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se dedicarán á urbanización e 4,1 millóns se empregarán na adquisición de terreos.

Características do parque

O Parque Empresarial do Barbanza desenvolverase sobre unha superficie total de 1.008.928 metros cadrados entre os municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. Da superficie total, 541.520 metros cadrados serán de uso empresarial e industrial, 311.824 metros cadrados para espazos libres, 124.198 metros cadrados para a rede viaria e 31.386 metros cadrados para equipamentos.

Tamén incluirá naves modulares para os pequenos empresarios que queiran instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terán un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serán adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

Ademais, o futuro Parque Empresarial do Barbanza contará cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contará con espazos comúns de novas tecnoloxías, estará situado nunha parcela de uso dotacional público e será adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

O Parque Empresarial do Barbanza está incluído no Proxecto Galiza Suma, que supón a construción de parques empresariais estratéxicos e ben dimensionados, cunha alta calidade arquitectónica e tecnolóxica, con dotacións e servizos propios do século XXI.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.