A Asociación Sagres envía un convite a Touriño

Nota de prensa da Asociación Sagres

“A Asociación Sagres, en Defensa do Litoral felicita ao presidente do goberno galego polas medidas de protección da costa, entre elas, a creación de novas áreas de mariña protexidas e a recuperación de Cortegada. Pero tamén desexa que non se destrúan as zonas que están protexidas e en pleno rendemento pesqueiro, como é o caso de Aguiño.

Por iso se sorprende que sexa precisamente agora cando mellores e maiores medidas de protección ambiental se están a tomar (a Lei de Medidas Urxentes de Potección do Litoral, unha normativa creada para frear a deterioración das nosas costas, a Lei de impacto paisaxístico) que Medio Ambiente queira construír unha macrodepuradora e unha piscifactoría, sen estudos de impacto ambiental, de sostibilidade, de correntes mariñas, de monotorización e incumprindo as garantías mediambientais, socioculturais, urbanísticas, técnicas e biolóxicas e que poría en perigo un hábitat natural de especial sensibilidade, e a industria de pesca e marisqueo artesanal que vive de sempre aquí.

Un proxecto que de levarse a cabo será devastador para esta zona, referente galego e europeo da pesca tradicional e o marisqueo, que vén de ser demostradamente sustentable e que dá traballo digno a toda a poboación de Aguiño.

Recordan así mesmo que a Terra non entende de fronteiras e que este lugar é o corredor natural entre o Parque Nacional das Illas Atlánticas e o LIC Corrubedo, e onde habitan especies mariñas protexidas pola directiva Habitat (entre outras, o delfin mular e a marsopa común), os arrecifes rochosos somerxidos para os que a Comunidade Europea reclama atención prioritaria (Código 1170 da Directiva 92/43/CEE) e en terra especies ameazadas, en concreto a Omphalodes littoralis, segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Propoñen unha depuración medioambientalmente posible, unha depuración que non afecte á degradación da calidade das augas pola contaminación orgánica, química e bacteriolóxica e pola que se asegure, de acordo cos estudos que aínda non se fixeron, o mellor emprazamento para garantir o mínimo impacto e unha rápida dilución no medio receptor.

Isto só será posible se cada pau aguanta da súa vela e se realizan os estudos preceptivos e necesarios, ou por mellor dicir se se fai unha depuración por parroquias e non elixindo un punto, polo demais ata agora primixenio, para convertelo no punto negro da ría.
Disque hai que depurar para non seren declarados zona C, parécenos ben. O que non entendemos e que nós sendo zona A, vaiamos ser os elixidos para instalar un punto negro na ría.

Nós que fomos capaces, coas nosas mans e cos nosos barcos, a parar un desastre coma o do Prestige, non imos permitir que nos convertan nun gran vertedoiro.

Por todo isto invita a Emilio Pérez Touriño a visitar a zona para que se faga eco da preocupación dos veciños e mariscadores e medie neste asunto.”

2 comentarios en «A Asociación Sagres envía un convite a Touriño»

  1. Falades moito e obrades pouco. Neste caso a política debería quedar a un lado e a parte humana debería ser a que falara e obrara. Polo tanto, os políticos sodes neste caso os que dunha forma importante nos podedes axudar. Porque este non é un Prestige. Este é o noso futuro, dos nosos fillos e dos nosos netos. Política aparte. As cousas que ben comenzan, ben rematan. Co conto de que algunha das fábricas máis importantes da zona dan moitos postos de traballo, mírase para outro lado á hora de que a mesma depure os seus residuos como debería (é moito máis fácil cambiar as tuberías das casas cercanas para que os residuos non molesten ós habitantes e cheguen sen problema ó mar, pois poñer unha depuradora a funcionar na propia fábrica e costear o bo funcionamento igual non lle resulta tan rentable) E non fai falla dar nomes…A xente de Aguiño estamos dispostos a todo. NON estamos dispostos a ser o váter da comarca por culpa de simple e vergonzoso amiguismo e polo tanto a perder o noso medio de vida.

  2. Ola María, quero agradecer antes de nada a túa participación. Con respecto ao que comentas, creo que hai que empezar dicindo que a política é o goberno do pobo. Polo tanto, os nosos gobernantes teñen a responsabilidade de tomar decisións. Esas decisións, se son afortunadas, repercuten de xeito positivo na cidadanía. Se non o son, as consecuencias poden ser tremendas.

    Polo tanto, a política non pode quedar a un lado, como dis, xa que o que denuncias en Aguiño ou o feito de que non se aplique a normativa de verquidos a unha determinada empresa é debido a que quen nos goberna non tomou ou non está tomando a decisión correcta. En todo caso, hai que dicir que se en Ribeira hai unha normativa de verquidos, se se fixo unha canalización independente para o polígono ou se determinadas empresas teñan depuradora é grazas a un intenso traballo do BNG.

    Con respecto a EDAR, quero lembrar tamén que estivemos aí dende o principio, propiciamos a creación dunha comisión que logo se converteu en asociación que, por certo, fixo e segue facendo un moi bo traballo.

    Nós seguiremos aí ata o final porque queremos a mellor depuración para as augas residuais do noso concello, algo que a EDAR proxectada consideramos que non resolve.

    Saúdos

Responder a maría Cancelar la respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.