O Concello de Ribeira segue avanzando os traballos de urbanización da contorna do novo auditorio de Ribeira coa pavimentación da rúa Barbanza que se prevé abrir ao tráfico nas vindeiras semanas. Esta actuación únense á posta en marcha da reforma da praza do Centenario que permitirá resolver as humidades do aparcadoiro e converterase nun espazo renovado grazas a un novo modelo de cidade centrado nas persoas, na accesibilidade universal e nas zonas verdes.
Esta semana estanse realizando os traballos de pavimentación da rúa Barbanza que comunicará a zona dos Xulgados e a Policía Local coa Avenida da Constitución desconxestionando o tráfico na rúa Rodríguez Bautista. Para facilitar a mobilidade dos vehículos e de acordo con informes técnicos, o sentido da mesma para facilitará o fluxo de tráfico de cara a parte sur-oeste de Ribeira onde está o barrio das Avesadas.
Segundo informou o alcalde, Luís Pérez Barral, “a obra está na súa fase final, coa pavimentación da rúa xa que dende hai un tempo os servizos de saneamento, pluviais e rede de auga potable están finalizados”. Segundo Barral, unha vez rematen coa pavimentación plantaranse árbores e habilitaranse estacionamentos gratuítos.
Coa apertura e urbanización deste tramo final da rúa Barbanza hai que sumarlle a plataforma única desde a praza do Centenario cara a rúa Avesadas, xerando un espazo a modo de “adro” para o edificio do auditorio xa que actualmente a beirarrúa é demasiado estreita. Coa actuación unificaranse os pavimentos en toda a área, usando formigón puído nas zonas que soporten tráfico rodado e formigón lavado nas zonas peonís. Tamén se incluirá a dotación de nova iluminación pública, mobiliario urbano, así como a plantación de árbores.

