Elvira Blanco, nova concelleira do BNG en Ribeira

Resumo do pleno de xaneiro de 2018


- O BNG demanda medidas de aforro, revisión da rede e campañas de consumo responsábel de agua: o voceiro do Bloque, Xosé Vázquez Cobas, defendeu unha iniciativa para que a empresa concesionaria da rede e subministración de auga faga unha revisión de toda a rede para detectar e reparar as perdas. “No concello de Ribeira vemos como ano tras ano aumenta o consumo de auga, tamén a factura, de maneira exponencial xa que nos meses de verán é cinco veces maior que no inverno pola chegada de visitantes e turistas” argumentou Cobas. Mesmo se deixan correr centos e centos de metros cúbicos de auga potábel, da rede municipal que chega até o depósito situado detrás do campo de fútbol de Ventín, por exemplo. Aprobado por unanimidade
Proposta completa


- O PP confirma que o guindastre será de servizo privado: o edil do BNG Luís Pérez Barral presentou unha iniciativa plenaria para que o equipo de goberno respondese se tiña previsión de contar cun servizo de guindastre privatizado ou se optaba pola xestión pública. O BNG xa criticara a mala xestión do equipo encabezado por Manuel Ruiz ao provocar perdas económicas para o concello e tamén por botar man dunha empresa de fóra do municipio.


O BNG fixo público que debido á mala xestión do PP, as arcas públicas perden con cada servizo de guindastre 26€ por servizo prestado e de 100€ por cada servizo anulado. O PP afirmou que opta pola xestión privada e que sacará a concurso. Desde o BNG entendemos que se debería apostar pola municipalización do servizo.
Proposta completa


- Emendas do BNG ao proxecto de reforma do Malecón: para o Bloque é imprescindíbel a construción dunha dársena estación de autobuses intermodal (terrestre e marítimo) con billeteiras e servizos acaídos, posto que Ribeira leva décadas sen un servizo funcional. Cómpre lembrar que o BNG tamén propón redución do billete de bus para mellorar a mobilidade. Tamén debe ser unha prioridade reducir a sinistralidade e perigosidade limitando a velocidade a 30km/h, a eliminación dunha estrada que partiría en dous un miradoiro cara o mar e o aumento das zonas verdes coa plantación de especies que se adapten ao noso clima oceánico, que proporcionen sombra. Neste sentido non vemos adecuada a plantación de palmeiras. 

 

A idea do BNG é dotar a Ribeira dunha zona verde convertendo a praza das Heroínas de Sálvora nunha Alameda que albergue un monumento a súa memoria.
Proposta completa

- Elvira Blanco Pérez, nova concelleira do BNG: É natural de Olveira. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela e é licenciada en bioloxía. Actualmente é membro do Consello Nacional do BNG, responsábel local do BNG en Ribeira e responsábel de Galiza Nova na Barbanza.


Blanco substitúe a Xosé Antón Parada que renunciou á súa acta por mor de problemas de saúde que lle impedían continuar exercendo as tarefas do seu cargo. Parada continúa sendo militante do BNG e membro activo do Consello Local do BNG. Desde o BNG dámoslle os parabéns e as grazas polo traballo desenvolvido. O noso recoñecemento, cariño e admiración por ser un nacionalista incansábel e defensor do ben común e das causas xustas.


- Apoio á manifestación e reivindicación da Plataforma SOS Sanidade Pública: a concelleira nacionalista Pilar Sampedro Laranga defendeu en nome de SOS Sanidade Pública unha moción na que se recollía o apoio á manifestación que se vai realizar o 4 de febreiro en Santiago de Compostela para dicir NON á reforma da Lei de Saúde que promove o PP. A reforma pretende entre outras cousas, dar máis peso aos hospitais de cabeceira en detrimento de hospitais máis pequenos como os comarcais provocando desprazamentos e derivacións innecesarias. Do mesmo xeito tamén se incidiu na importancia de parar os recortes aplicados polo PP que destrúen a calidade asistencial e dotacional da sanidade pública galega, provocando listaxes de agarda, saturación e falta de recursos. Para acudir á manifestación haberá bus desde Ribeira (contactar coa plaforma da sanidade pública da barbanza). Máis motivos: “Por que nos manifestamos o 4 de febreiro?
Aprobado cos votos a favor do BNG, PSOE, C’s, IPR e edís non adscritas/os. Voto en contra do PP
Proposta completa


- Outros asuntos: – Denominación da Casa de Cultura de Aguiño “Manuel Ayaso” e denominación do Conservatorio de Ribeira “Enrique Paisal”. Aprobado por unanimidade. Neste punto tamén houbo unha emenda que foi aprobada para denominar unha praza en Ribeira “Xoán Fernández”.
- Expediente de recuperación de terreo público unha parcela en Aguiño. Aprobado por unanimidade
- Revisión prezos do contrato de abastecemento de auga potábel e saneamento. Votos a favor de PP en contra do BNG
- Delegación das competencias para a realización das probas de selección de policías locais na Xunta de Galiza. Esta medida ten como fin que sexa a Xunta e non o Concello de Ribeira quen convoque e faga a proba de selección. Aprobado por unanimidade
- Solicitude de prórroga na cesión dos terreos para a nova comisaría de policía en Ribeira. Aprobado por unanimidade
- Melloras de mantemento nas beirarrúas das rúas Castelao (Aguiño), Cervantes (Ribeira) e preto do tanque de tormenta da EDAR en Castiñeiras. Aprobado por unanimidade
- Modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) para permitir o voto telemático dos membros da Corporación Municipal en casos de baixas e permisos de maternidade e paternidade. Aprobado por unanimidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.