Arquivos da etiqueta: Ribeira

O BNG insta a Portos e a Mar a que se impliquen na posta en marcha da lonxa

A deputada nacionalista Montse Prado, acompañada do responsábel comarcal do BNG e o grupo municipal do BNG ribeirense, realizou unha visita á nova lonxa de Ribeira para coñecer o seu funcionamento e ver cal vai ser o sistema de traballo. Tamén tivo ocasión de se reunir co novo colectivo creado ante as inquedanzas de parte do sector, Sector Pesquero de Ribeira.

Tanto a visita á nova lonxa como a xuntanza con Sector Pesquero de Ribeira prodúcense a raíz de existir divisións no sector do mar pola posta en marcha da rula ribeirense e o cambio de modelo de funcionamento e do sistema de traballo.

Para a deputada Montse Prado é lóxico que cando mudas de casa haxa cambios pero denunciou como “a Consellería do Mar e Portos de Galiza están de perfil ante un posíbel choque de trens na posta en marcha da nova lonxa e a nós [BNG] preocúpanos que non haxa acordo entre as partes porque será nefasto para o sector e para Ribeira”.

Prado tamén apuntou que “Portos e Mar non poden investir máis de 15 millóns de euros para logo crear problemas e divisións no sector do mar. Desde o BNG sabemos que existen discrepancias entre Sector Pesquero de Ribeira e os xestores da nova lonxa polo modelo de xestión e as taxas, por iso Mar e Portos deben sentar co sector para propiciar un acordo que beneficie a ambas partes”.

O responsábel comarcal do BNG Luís Pérez fixo fincapé en que desde o BNG queremos evitar unha guerra aberta no sector do mar e por iso esiximos que “Portos e a Consellería do Mar se xunten coas dúas partes implicadas para diaolgar e conseguir que o sector estea o máis unido posíbel facendo que a lonxa de Ribeira siga sendo referente, porque con isto gaña o sector e gaña Ribeira”.

Fotografías das diferentes xuntanzas: Reunións co sector do mar

Orzamento 2017: cifras, datos e posición do BNG

Por que o BNG se abstivo?

Desde a asemblea do BNG considerouse que estes orzamentos conteñen eivas pero tamén medidas positivas para a veciñanza da localidade e por iso se tomou a decisión de absternos, sempre tendo presente o mellor para as veciñas e veciños de Ribeira.

>> Aspectos do Orzamento de 2017 que consideramos positivos:

Non hai incremento nas taxas e impostos como consecuencia da conxelación de prezos das ordenanzas fiscais aprobadas no pleno e a lixeira redución no imposto de vehículos “rodaxe” promovida polo BNG no ano anterior.

Mantense o importante investimento en política social cun orzamento total de 1,7 millóns de euros e un aumento de 70.000€ para o programa de axuda no fogar. Tamén se dedica 89.000€ para o Centro de Información á Muller que merece atención especial para loitar contra a violencia machista.

Inclúense propostas do BNG como as peonalizacións das rúas Rosalía de Castro, Galiza e Cristóbal Colón por valor de 174.000€, a 1ª anualidade para remodelar o centro social e crear un auditorio en Corrubedo por valor de 71.000€ ou o saneamento no lugar das Barrosas por valor de case 68.000€, as obras de saneamento e seguridade viaria que se realizarán na avenida Castelao de Aguiño por valor de 218.555€.
Alén do anterior hai que incluír as partidas orzamentarias do programa Ribeira Atlántica 2020 nos que o BNG participa e todas as obras de saneamento e obras de caracter social que o BNG apoia por seren beneficiosas para a veciñanza e o tecido empresarial e económico.

A biblioteca ten aumentado o horario grazas á presión exercida polo estudantado e o BNG, vanse ver melloradas as instalacións coa remodelación dos servizos. No orzamento tamén vai unha partida de 6.000€ para consolidar a Feira do Libro e haberá un aumento de aproximadamente 40.000€ nas partidas destinadas aos clubes deportivos.

O endebedamento está nuns límites soportábeis xa que non debe ser superior ao 110%. Os datos son os seguintes: no ano 2015 era do 57,22%; no ano 2016 era do 42,25% e no ano 2017 é do 48,08%

>> Aspectos do Orzamento de 2017 que consideramos negativos:

Consideramos como moi negativo a falta de transparencia e a participación dos grupos políticos da Corporación Municipal pois só tivemos 1 semana para poder estudar todos os documentos que conforman o Orzamento de 2017. Tamén existe unha falta de transparencia ao haber 818.500€ opacos que os grupos políticos non podemos fiscalizar. Desde o BNG criticamos a celebración do pleno ás 13:30h pois entendemos que debería ser ás 20:00h, como é habitual, para facilitar que a xente puidese acudir e escoitar as diferentes posicións dos grupos municipais.

Ribeira segue sen contar coa histórica demanda de chan industrial, consideramos que esta debe ser unha das primeiras medidas dun plan de emprego. Alén do chan industrial, o Concello de Ribeira segue sen contar cun plan de emprego, pois non se fixo ningún estudo que detecte as carencias, problemas, oportunidades e cara onde debemos ir para que Ribeira reduza as súas cifras de desemprego, precariedade e emigración sobre todo da mocidade.

O suposto Plan de Emprego Local que se intenta vender está distorsionado pois parte deses postos de traballo son os mesmos que se contratan anualmente de xeito temporal para a tempada estival (socorristas, técnicas/os de turismo, peóns de brigadas contraincendios, auxiliares de policía, etc). Inténtasenos pasar por un plan de emprego a contratación de 6 bolseiras ou bolseiros durante 6 meses e parece máis para camuflar as necesidades reais que teñen os servizos públicos que un plan de emprego (necesidades agravadas polos recortes e políticas do Partido Popular que impiden contratación de persoal).

Neste mesmo sentido a nosa proposta foi a de crear unha bolsa de prácticas ou contratos temporais dun ano e non de 6 meses para contribuír a que as persoas tituladas polas universidades galegas teñan experiencia de traballo, mellorando así a súa posibilidade de acceder aos primeiros traballos.

Debería haber máis accións decididas ao apoio e dinamización do comercio local e non só feiras. Non existen partidas que contribúan a consolidar e dinamizar o comercio de proximidade.

Non se tivo en conta a proposta que fixo o BNG para instaurar billetes a metade de prezo para persoas mozas, desempregadas e con mobilidade reducida. A proposta que se fai de ter un autobús entre a estación de autobuses e as Saíñas (rotonda do Lidl), está mal enfocada, non vai ser de utilidade, xa que non vai reducir o número de vehículos que entran ao centro urbano de Ribeira, nin mellora a mobilidade entre parroquias.

Existe un incremento do gasto en cuestións que o BNG xa tiña advertido, como por exemplo na innecesaria privatización do persoal deportivo aprobada por PP e IPR no seu día. A opción proposta polo Bloque que sería máis barata xa que se faría mediante a oferta pública de emprego. Outro exemplo é o aumento do contrato de Sogama no que se pagará 1,60% máis por tonelada de lixo, pagamos máis por queimar os residuos e non reciclaclos.

Tampouco existe unha política turística clara e definida, as accións que se fan son moi dispares e restan eficacia.
Con respecto ao medio natural, Illas Atlánticas e Parque Natural de Corrubedo hai que poñelo en valor, o patrimonio natural está completamente abandonado. O parque leva moitos anos sen contar cos documentos reitores e de xestión que tanta falta fan para que a veciñanza poida empregar os seus terreos. É prioritario que os investimentos que se realicen no parque teñan tamén como persoas beneficiarias aos propietarios/as de terreos do interior do parque natural, para que vexan que o parque natural é un beneficio e non só restricción.

Outros datos de interese:

No capítulo de gastos en bens e servizos correntes as amortizacións diminúen un 14,81% ao haber unha cancelación dun préstamo de 2006 e tamén 143.000€ menos grazas á axuda da Deputación da Coruña coa súa política de reducir a débeda con provedores e empresas.

Con respecto ao capítulo de investimentos reais hai un importante incremento, sobe un 241,94% (no ano 2016 foi un 18,24%). Aproximadamente o 93,33% dos investimentos fináncianse con recursos alleos (FEDER-EDUSI, préstamos, Deputación da Coruña e Xunta de Galiza), o 6,67% (29,85% 2016) restante dos investimentos financiase con fondos propios.

As políticas de tranformación emprendidas polo novo equipo (BNG-PSOE) na Deputación da Coruña FAN que os fondos que recibe Ribeira sexan de 1.316.268€ fronte aos 666.000€ co PP. A Xunta de Galiza tan só destina 109.182,30€, 45.000 menos que o ano 2016.

Que propostas ten o BNG?

O BNG seguirá traballando para que se teñan en conta as seguintes cuestións que consideramos moi beneficiosas para a veciñanza:

- Implantación dunha tarxeta de autobús a metade de prezo para persoas desempregadas, xubiladas, mocidade e persoas con mobilidade reducida.
- Creación de chan industrial.
- Elaboración dun Plan de Emprego Local que detecte as eivas, fortalezas e posibilidades coas que conta Ribeira co fin de crear postos de traballo e loitar contra a emigración xuvenil.
- Aumento dos fondos para dinamización do comercio local e axuda ao fomento do emprego estábel.
- Aumento na partida de mantemento para equipamentos públicos.
- Posta en valor do parque natural de Corrubedo, loitar para contar cun Plan de Usos e Xestión que permita que os propietarios e propietarias do parque natural poidan traballar as súas terras.
Facer que as persoas propietarias de terreos no parque natural teñan prioridade na obtención de fondos e postos de traballo que teñan relación co parque natural.
- Creación dunha comisión de vixilancia das obras que se realizan para evitar erros e problemas na súa execución.

O Orzamento de 2017 do Concello de Ribeira ascende á cantidade total de 28.596.464,18€ e foi aprobado cos votos a favor do PP, IPR e C’s, abstención de BNG, PSOE e 2 edís non adscritas, 1 voto en contra dun edil non adscrito.

O BNG e a empresa que xestionará a nova lonxa de Ribeira reúnense para falar do seu futuro

O Concello de Ribeira é o primeiro interesado en que a lonxa vaia ben e funcione xa que iso implicará o mantemento e a creación de postos de traballo. Ante unha infraestrutura de tal tamaño é preciso atraer novas descargas. Segundo a empresa que gañou a autorización temporal para xestionar a lonxa durante 3 anos + posibilidade dun ano de prórroga, chámase UTE Lonxa de Ribeira SL.

Os representantes informáronnos de que xa se están poñendo en contacto con outras confrarías da ría arousá e con empresas que poidan ter interese en descargar os barcos no porto ribeirense.

A empresa Lonxa de Ribeira está constituída por xente de Ribeira e con experiencia de traballo neste porto pesqueiro, mais están en plenas negociacións coa confraría de Ribeira para que se integre na sociedade e poida ser parte activa na xestión da rula, pois esta entidade representa a unha gran cantidade de mariñeiros, mariscadoras/es… e para o cal se vai ofrecer unha colaboración especial ante ese carácter de entidade representativa do sector pesqueiro.

Segundo comentaron desde a sociedade a apertura da nova lonxa implicará mellorar o control do peixe e marisco que se descarga no porto e tamén se cumprirá coa normativa hixiénico-sanitarias e cadea de frío, situación que agora non se dá. A realización dos diferentes procesos; descarga, peso, trazabilidade e informatización das poxas en tempo real implicará a contratación dunhas 30 persoas. No proceso de comercialización tamén estarán presentes as vendedurías.

Segundo puidemos saber no BNG, a empresa subirá do 1% ao 3% o que lle cobra á confraría ribeirense mais está disposta a contratarlle servizos a esta entidade por valor do 2% para que non supoña unha perda de recursos económicos para as persoas socias da entidade.

Con respecto ás persoas minoristas indicouse que se lle sube o prezo que pagan en 50€ máis ao mes e que van ter unha serie de servizos tales como espazos propios de traballo.

Desde o BNG criticouse, no Parlamento de Galiza, o escurantismo e a incapacidade de Portos de Galiza e da Consallaría do Mar de poñer andar unha instalación tras investir 15 millóns de euros nese macroedificio que implica uns custes de mantemento desorbitados. Do mesmo xeito pediuse a rebaixa do aparcadoiro para que poida ser rendíbel a súa apertura.

A concelleira e responsábel de asuntos marítimos Pilar Sampedro, explicou que no Bloque apostábamos por unha xestión mixta onde o 51% do capital fose público e o 49% restante fose o sector (confrarías, empresas exportadoras, vendedurías, etc) algo que se desbotou de vez sen tan sequera estudala por parte da Consallaría ou Portos de Galiza.

Finalmente, desde o BNG solicitamos que se proceda a abrir a nova infraestrutura canto antes, pois é preciso poñer en funcionamento un investimento de 15 millóns de € que por agora permanece pechado e sen uso.

O BNG advirte de posibles irregularidades nas probas de acceso á policía local

O Concello de Ribeira realizou no mes de febreiro as probas de selección de persoal para ocupar 12 postos de auxiliares de policía local cos que paliar, de maneira temporal, a falta de persoal neste corpo de seguridade.

En relación ás probas de selección, ao BNG de Ribeira chegoulle a queixa de que, concretamente, a proba escrita deste proceso estaba en castelán e que algunha das persoas solicitantes requeriu realizar a proba en galego. Esta petición foi denegada e non se lle facilitou a proba en lingua galega.

Este feito, de ser certo, estaría a supoñer unha grave situación de discriminación lingüística e unha vulneración de dereitos fundamentais, posto que o artigo seis da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística di:


1. Os cidadáns teñen dereito ó uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.
2. As actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada.
3. Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.


O BNG ribeirense xa rexistrara no mes de novembro de 2016 unha iniciativa solicitando que a Policía Local tivese a lingua galega como lingua vehicular para dar un cumprimento efectivo do artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Galiza e do apartado de administración local do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Ademais entendemos que se o Concello de Ribeira emprega o galego como lingua vehicular e habitual da administración tamén debe facelo a policía local que actualmente non a emprega nunca.

Nesa iniciativa recomendábase unha estratexia que se denomina oferta positiva, consistente na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración, neste caso un policía e o ou a cidadá. Coa oferta positiva desinhibimos o galego do interlocutor, permite que o galego saia da ocultación e facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o veciño ou veciña o desexa, eliminando a barreira rutineira pola que un veciño ou veciña lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder ou autoridade. Está na nosa man promover e fomentar o noso idioma, entendemos que lingua vehicular da Policía Local debe ser a mesma que a que emprega o Concello de Ribeira que é o galego.

En relación ao asunto desta inicitiva, o concelleiro Luís Pérez en nome do BNG require a seguinte información:
A) Solicitamos ver unha copia do exame que realizaron as persoas aspirantes aos postos de auxiliar de policía local.
B) 
É certo que só había exame en castelán?
C) Que persoas conformaban o tribunal cualificador nas probas de selección de 12 auxiliares de policía local de Ribeira?
D) É coñecedor o goberno municipal de se houbo persoas que pediron realizar o exame en lingua galega e se lle negou esta opción?
E) De ser certo, que medidas pensa tomar o goberno municipal para evitar este tipo de acontecementos?

O BNG escoita as demandas da veciñanza de Oleiros

O BNG segue coa campaña de participación veciñal Parroquias con Voz, como xa sabedes o grupo municipal nacionalista visita as parroquias para escoitar e recoller as demandas da veciñanza. Estas demandas serán trasladadas ao Concello de Ribeira para que sexan incorporadas ao Orzamento de 2017. Deste xeito a veciñanza vai poder condicionar parte dese Orzamento e protagonista na toma de decisións políticas. O BNG estivo na parroquia de Oleiros.

6ª xuntanza, Oleiros

A veciñanza de Oleiros mostrou moito descontento coa intención que pretenden o goberno de instalar un novo parque biosaudábel xa que o existente non se usa. Criticaron a falta de mantemento do parque das crianzas que si é moi utilizado. Neste mesmo eido solicitaron o arranxo dos parques de Lixó, Muíños e Salmón.

En materia de seguridade viaria reclamaron maior sinalización nos entornos frecuentados por crianzas e a recolocación das marquesiñas que dificultan o paso pola beirarrúa como por exemplo no lugar da Gándara.

Outro tema importante encadrado no debate da peonalización do centro de Ribeira foi que a parroquia de Oleiros carece de servizo de transporte público propio. A única liña que pasa polo núcleo da parroquia é a que vai a Noia, cun prezo elevado e cunha regularidade moi dispersa. Oleiros é unha parroquia envellecida e moitas persoas maiores precisan transporte público para desprazarse. Desde o BNG trasladouse a proposta do grupo nacionalista de querer subvencionar as viaxes a metade de prezo, idea que foi ben recibida.

Finalmente unha demanda que nos trasladaron é a necesidade de facer pequenas melloras de iluminación, mantemento e seguridade no centro social, así como a necesidade de mellorar a limpeza dos colectores de lixo.