Arquivos da etiqueta: Barbanza

Galiza Nova e BNG reivindican unha Galiza diversa no día LGTBI

Un ano máis, desde Galiza Nova e o BNG queremos amosar o noso recoñecemento ás persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI). O 28 de xuño é unha xornada de reivindicación para nós e debe selo para todos/as. Día de loita porque hoxe aínda non se acadou unha normalización social de respecto á liberdade e diversidade sexual das persoas e mesmo sectores da dereita e relixiosos pretenden limitar dereitos e dar pasos atrás.

É necesaria a implicación das institucións e dos poderes públicos e da sociedade en xeral para acadarmos unha normalidade plena mediante políticas de sensibilización, condena de actos discriminatorios, educación afectivo-sexual, pulo polo respecto á liberdade individual da escolla sexual, etc. Estes motivos levan a Galiza Nova e ao BNG a manifestarmos publicamente que traballamos e defendemos os dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais, pulando pola igualdade de dereitos e a normalización social de todas estas opcións de vida que aínda padecen discriminación social.

Neste ano queremos facer máis visíbel que existe unha Galiza diversa, é por isto que imos facer unha serie de murais polos concellos da Barbanza que conciencien á poboación de que é necesario avanzar no respecto e a tolerancia cara a diversidade para que calquera persoa poida amosar libremente a súa sexualidade sen prexuízos. É preciso reivindicarmos unha Galiza diversa na que non haxa discriminación por razón de orientación sexual e que se poida vivir en igualdade e respecto cara a diversidade.

O BNG da Barbanza renova o Consello Comarcal para consolidar un proxecto nacional ao servizo da xente

Dentro do proceso de renovación orgánica iniciado o pasado 28 de febreiro na XV Asemblea Nacional, a Asemblea Comarcal do BNG do Barbanza reuniuse este mércores, 9 de marzo, para elixir o novo Consello Comarcal.Consello Comarcal. Marzo 2016

A única candidatura presentada está encabezada por Ma Cristina Andrade González, concelleira na Pobra do Caramiñal, seguida do tamén concelleiro, neste caso de Ribeira, Luís Pérez Barral, e foi aprobada por unha ampla maioría xa que só se contabilizaron dúas abstencións e ningún voto en contra. Segundo a cabeza de lista, “trátase dunha candidatura integradora, onde se atopan persoas que xa participaron no anterior Consello Comarcal e novas incorporacións que garanten unha renovación efectiva. Unha candidatura disposta a traballar conxuntamente, en harmonía, por un proxecto común: consolidar e estender o proxecto nacionalista, poñendo de manifesto que o nacionalismo é a única alternativa en defensa dos intereses dos galegos e galegas”.

Cristina Andrade manifestou que para contribuír á renovación do proxecto do BNG e consolidar a confianza da sociedade en dito proxecto, este Consello Comarcal avoga pola participación activa de toda a militancia e persoas achegadas ao nacionalismo, mellorando as canles de comunicación, interna e externa, que permitan un intercambio fluído de información, opinións e propostas e unha maior visibilización do traballo social e institucional que se desenvolve.

Así mesmo, Cristina Andrade afirmou que nesta nova etapa, o BNG da comarca continuará traballando na defensa dos intereses e dos dereitos das maiorías sociais, colaborando cos distintos colectivos, e tamén na defensa dos nosos recursos e das nosas xentes, especialmente da mocidade, amplamente representada neste novo Consello Comarcal. A normalización da lingua galega e a promoción da nosa cultura e o patrimonio, material e inmaterial, serán outro eixo fundamental. E, desde logo, a consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres, a loita contra a violencia machista así como a normalización social da diversidade sexual van estar presentes nas iniciativas comarcais.

Para finalizar, a nova responsábel comarcal, transmitiu o agradecemento persoal e do conxunto da militancia ao responsábel saínte, Severino Romero, polo traballo realizado.

Candidatura:

1. Mª Cristina Andrade González, 2. Luís Pérez Barral, 3. Raquel Suárez Regades, 4. Adolfo Muíños Sanchez, 5. Ramiro Ouviña Ouviña, 6. Elvira Blanco Perez, 7. Carlos Blanco Ansoar, 8. Tobías Betanzos Rego, 9. Ana Rosa López Davila , 10. Xosé Antonio Vázquez Cobas, 11. Pablo Ferreirós Vidal, 12. Adelina Ces Quintans, 13. Xose Manuel Casal Sabín, 14. Hadriana Ordóñez Otero, 15. Santos Saborido Chouza, 16. Raquel García Abuín, 17. Daniel Ermo Sanches, 18. Francisco Xabier Santamaría Blanco

Suplentes

1. Amparo Cerecedo Sánchez, 2. Agustín Pérez, 3. Vicente Paz Carou, 4. Silvia Varela Rodriguez, 5. Vicente Hermo Santamaría , 6. Antonio Olveira Silva , 7. Pilar Sampedro Laranga , 8. Áurea Santiago Andrade , 9. Xosé Antón Parada Fernández , 10. Rosana Pérez Fernández

Galiza Nova inicia unha campaña contra a precariedade laboral e o desemprego da mocidade

Desde Galiza Nova criticamos a brutal precarización das condicións de traballo e o empobrecemento dos salarios da mocidade galega, esiximos salarios dignos e o fin dos contratos precarios.

Actualmente existen tres tipos de contratos ou convenios que as empresas, amparadas polos gobernos do Estado e da Xunta do Partido Popular, utilizan para explotar a mocidade galega. Son os contratos de prácticas e de formación, e os contratos de bolsas de empresa.

Os contratos de formación e de prácticas sérvenlle as empresas para contratar xente nova en precario para que realice traballo cualificado a cambio de salario cero ou por un salario moi inferior ao fixado por convenio.Elvira Blanco e Luís Pérez

Así, mentres os mozos reciben un salario miserento, as empresas aproveitan beneficios fiscais como a redución do 50% da cota da Seguridade Social polo contrato, porcentaxe que pode aumentar ata un 50% adicional se o contrato se asina con beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Por outra parte, dende Galiza Nova tamén alertamos de que cos tipos de contratos de bolsas de empresa, por medio de universidades, feuga ou fuac, moitas empresas incumpren as bases da convocatoria e están a contratar traballadoras a custo cero para cubrir baixas ou vacacións de persoas empregadas, sobre todo no verán.

Queremos tamén lembrar que o 50% da mocidade galega está desempregada, supondo un total de 8.700 persoas da comarca que non teñen emprego. Pola contra, os que si teñen emprego, teñen que facerlle fronte tamén ás estatísticas: o 97% das novas contratacións son temporais, e unha de cada tres mozas que teñen emprego traballan a tempo parcial.

En canto á emigración xuvenil, non só temos que reclamar a volta das máis de 100.000 persoas mozas (2000 só no Concello de Ribeira) emigradas dende a chegada de Feijóo, emigradas en busca das posibilidades de vida que lles negan no País, senón que temos que denunciar que a Xunta de Galicia segue a fomentar a fuga da mocidade con programas como o Galeuropa, no que o goberno galego abre concurso para a mocidade traballar gratis para empresas doutros países da Unión Europea.

Confírmanse así as incapacidades das políticas do Partido Popular na Xunta na creación de emprego e especialmente de emprego xuvenil.

GALIZA NOVA ESIXE MEDIDAS URXENTES:

– Fin dos contratos precarios. Os contratos en formación para estudantado e as prácticas laborais deben estar remuneradas ao 100%.
– Derrogación das últimas reformas laborais do PPSOE.
– Derrogación do atraso de idade de xubilación, que ademais de ser inxusto coas persoas maiores, atrasa o acceso ao traballo da mocidade.

– Prohibición das Empresas de Traballo Temporal e dos contratos precarios para potenciar as oficinas de emprego públicas que actualmente só conseguen o 4% dos contratos.

– Impulsar a creación dunha rede municipal e/ou comarcal de empregabilidade para xente moza. Coordinación co Servizo Público de Emprego na xestión das ofertas de traballo, evitando que sexan as ETT’s as que xestionen a oferta laboral a modo de mercaderes de escravas.

– Eliminación das horas extras e redución da xornadas laboral a 35hs semanais, para avanzar nas condicións de vida dignas e ampliar os postos de traballo.

– Posta en marcha pola Xunta de Galiza dun Plan Galego de Emprego Xuvenil dirixido á inserción laboral da xente nova e adaptábel á realidade de cada concello, ao tempo que se guíe o traballo cara a sectores estratéxicos de cada zona do País, e que incorpore:

1. Programa de inserción laboral para xente moza, que acompañado dunha titorización específica de cada persoa, esta reciba unha renda durante o período de formación laboral, ao tempo que se guíe a forza de traballo aos sectores estratéxicos para o desenvolvemento da economía galega.
2. Promoción de novos espazos de actividade para a xeración de emprego potenciando sectores de actividade que prioritariamente creen emprego entre a mocidade.
3. Iniciativas para a recuperación de novas e novos investigadores/as que emigraron, para que poidan desenvolver o coñecemento e investigación nos secores estratéxicos galegos.
4. Programas de orientación, recualificación, formación e aprendizase para mocidade desempregada.
5. Potenciar o emprendemento a través de empresas de economía social e local.

Potenciar a creación de bolsas destinadas a titulad@s superiores en colaboración coas universidades, para executar proxectos de especialización, exportación e innovación da economía local vinculados a sectores produtivos da bisbarra (conserva, mar, cultura, turismo, etc).

Apoiar proxectos emprendedores de xente moza a través do acompañamento do desenvolvemento desde o inicio, creando espazos gratuítos de coworking para a mocidade, onde convivan diversas culturas profesionais coas que obter sinerxias.

Crear un servizo de seguimento da mocidade desempregada, coa finalidade de garantir e procurar a súa introdución no emprego.

Actuación dos concellos na liña de dar saídas laborais acaidas á realidade socioeconómica, garantindo o mantemento da poboación en espazos rurais.

– Axudar ao desenvolvemento de proxectos e iniciativas de mocidade da Barbanza para a creación e/ou mantemento de explotacións agro-gandeiras e de agricultura ecolóxica, e favorecer aqueles proxectos libres de transxénicos.

Vídeo: Galiza Nova inicia campaña contra a precariedade laboral e o desemprego da mocidade