Arquivo da categoría: Plenos Municipais

Aprobadas todas as iniciativas do BNG en materia de saneamento e a creación dun aparcadoiro gratuíto

Resumo do pleno de xullo de 2017:

- Aprobada a proposta do BNG para crear un aparcadoiro gratuíto no contorno das Carolinas-Coroso: o Bloque presentou esta proposta ante a falta de aparcadoiros e tras falar con comerciantes e veciñanza da zona. Ante os numerosos establecementos comerciais abertos na Avenida da Coruña, existe unha demanda de zonas de estacionamento onde deixar os vehículos mentres se realizan as actividades comerciais.
En opinión do BNG e das persoas que rexentan negocios nesta zona o número de prazas habilitadas para estacionar é moi escaso. Alén disto último, debemos ter en conta que a maioría das edificacións do contorno son antigas e carecen de aparcadoiros o que provoca que moitas veciñas e veciños teñan que deixar o coche na rúa.
Tal e como defendeu o concelleiro Luís Pérez, no BNG cremos que unha posibilidade para darlle solución a este problema sería habilitar como zona de aparcadoiro gratuíto algunha parcela preto da avenida da Coruña ou rúa Sidreiras. A parcela debería ser acondicionada firme, iluminación, árbores, sumidoiros para este fin. A creación deste aparcadoiro beneficiaría a toda a veciñanza, establecementos comerciais da zona e serviría para que nos meses de verán as persoas que se achegan até a praia de Coroso poida atopar de maneira sinxela un lugar onde deixar o coche.

Aprobado por unanimidade
Proposta completa

- Proposta do BNG para demandar incrementos na partida orzamentaria destinada a camiños rurais: o concelleiro Antón Parada defendeu a necesidade de que Galiza e Ribeira teñan os camiños rurais en bo estado de conservación, non só para previr os lumes forestais, senón tamén para manter un rural vivo e con futuro. O concelleiro nacionalista expuxo que o Plan marco de mellora de camiños rurais para 2016, que contaba cunha dotación para un ano de 19.998.100 de euros, redúcense os fondos dispoñíbeis en máis dun 60 por 100. A Consellaría do Medio Rural recorta a asignación indicativa de 13 euros por habitante de 2016, ao pasar agora a 10 euros por habitante para o período bianual, isto é, 5 euros por habitante e ano.

Aprobado cos votos a favor do BNG, PSOE, IPR, C’s, 3 edís non adscritas/os e a abstención do PP
Proposta completa

- Aprobadas 17 actuacións por valor de 674.000€, moitas delas a petición do BNG:

- Pozo de bombeo e saneamento nos Mosqueiros 55.056€ proposta polo BNG.
- Pavimentación do camiño de Pereiras e do acceso ao Hospital da Barbanza 36.226€ proposta polo BNG
- Lastrar o exterior do Centro Social de Oleiros 56.568€ proposta polo BNG – Renovación servizos en Parte ao Río 38.947€ proposta polo BNG
- Pavimentación e instalación de pluviais na rúa Vicente Risco 23.975€
- Pavimentación, saneamento e pluviais en Martín 68.304€
- Pavimentación de camiños en Deán Grande 54.910€
- Pavimentación e servizos na rúa Martín Códax 40.078€
- Pavimentación no lugar das Laxes, Vilar e Frións 56.321€
- Instalación de pluviais en Fafián 43.347€
- Instalación de pluviais na Revolta 13.517€
- Renovación de abastecemento na rúa Sálvora 56.463€
- Saneamento en Pedra do Pino 20.190€
- Pavimentación rúa da Muralla e Luís Pimentel 27.680€ł
- Ampliación saneamento rúa do Porto 17.720€
- Renovación praza Rafael Dieste 45.842€
- Adquisición do sistema de control de estacionamentos para policía local 19.223€

Outros asuntos:

- Aprobado cos votos a favor de BNG, PP, PSOE, IPR, C’S, 2 edís non adscritos e 1 voto en contra dunha edil non adscrita, a creación dunha oficina de Rehabilitación Municipal a partir de 2018.
- Aprobado solicitarlle a Portos de Galiza que realice melloras no porto de Corrubedo. Nesta proposta, aprobouse unha emenda do BNG para reclamarlle que non só sexa unha actuación puntual, senón que haxa un mantemento anual. – Aceptación da cesión da estatua Grip, valorada entre 400.000 e 500.000€, por parte de D. Chipperfield para instalar en Corrubedo. A proposta do goberno era aceptar a cesión por 10 anos, mais finalmente aprobouse a proposta do BNG de ampliar a cesión a 20 anos con posibilidade de prórroga por 10 máis. Aprobado cos votos a favor de BNG, PP, PSOE, IPR, C’s e en contra de 3 edís non adscritas/os.
- Subvención nominativa de 2.650€ á Federación Galega de Atletismo para a celebración dun Medio Maratón en Ribeira. Aprobado por unanimidade
- Adxudicacións dun posto na primeira planta e do restaurante-terraza do Mercado Municipal. Aprobado por unanimidade
- Traspaso de Costas para titularidade municipal o terreo do parque do castro en Castiñeiras. O BNG pediu que todas as obras que se realicen no lugar, teñan un control arqueolóxico ante posíbeis achados. Aprobado por unanimidade
- Mellorar a planificación da Feira do Libro a partir de 2018. Aprobado por unanimidade
- Aprobado por unanimidade demandar a limpeza á persoa propietaria dunha leira en Ribeira e mellora dun camiño en Aguiño.
- Solicitude do BNG para facer un muro de contención por afundimento da estrada na Fontenla en Carreira.
- Solicitude do BNG para pavimentar o tramo que dá acceso ao parque de Parteaorío en Carreira.
- Melloras integrais no complexo polideportivo da Fieitiera e na limpeza de sumidoiros.
- O Concello de Ribeira negociará coas persoas propietarias de terreos dos Túneles e Pedra do Home para pór en valor a zona. Aprobouse cos votos a favor do PP, PSOE, IPR, C’s, abstención de 3 edís non adscritas/os e en contra do BNG. Desde o Bloque estabamos a favor da proposta pero non se permitiu votar por puntos e a iniciativa contemplaba contratar brigadas municipais contra os lumes forestais, un modelo que o BNG non promove. No Bloque apostamos por un equipo unificado desde a Xunta e con mando único, con persoal profesional e con boas condicións de traballo, o mesmo que reclaman os traballadores/as dos servizos de extinción
- Toma posesión José M. Cardalda como concelleiro de C’s

Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para trasladar o aliviadoiro de Areeiros

Resumo do pleno do 26 de xuño de 2017

- Proposta do BNG para trasladar de localización o aliviadoiro do tanque de tormenta de Areeiros: O Concello de Ribeira vén de pór en funcionamento o sistema de depuración de augas residuais, tras pasar décadas carentes de depuración dos residuos urbanos. Esta importante obra de máis de 16 millóns de euros, está producindo molestias á veciñanza de varias zonas do municipio como poden ser a dos lugares do Touro, Castiñeiras e Areeiros. Este grave problema debe ser solucionado coa máxima dilixencia co fin de evitar molestias, desde o BNG seguiremos traballando como fixemos, desde o momento un, para que se cumpran coas garantías de depuración sen causar problemas na veciñanza. Ademais disto que, repetimos, debe ser solucionado coa máxima celeridade e garantías para que as ninguén teña que soportar cheiros na súa vivenda, existe outro que non deixa de ser menos grave como é a localización do aliviadoiro de Areeiros.

O sistema de depuración de augas residuais, está formado por unha serie de tanques de tormenta que almacenan a auga en casos de copiosas chuvias ou dun aumento do caudal de residuos que se envían á Estación de Depuración Augas Residuais (EDAR). Cada un destes tanques conta con cadanseu aliviadoiro para expulsar, en caso de necesidade, o líquido que non poida albergar no seu interior.

No caso dos Areeiros o aliviadoiro non desemboca no mar, faino no río Listres (popularmente coñecido tamén como río Paxariños). Unha das características deste río é que leva moi pouca corrente, mesmo en determinadas épocas do ano case non leva auga ou chega a secar nos meses de máximas temperaturas. Esta circunstancia fai que, de se producir unha vertedura polo aliviadoiro durante un destes períodos, os residuos quedarían estancadas no rego fluvial e non irían parar ao mar. No caso de que se chegara a aliviar durante algunha época na que o río ten auga, habería que superar outro problema; a nivelación do terreo pois o río en innumerábeis ocasións non ten saída ao mar por atoparse a praia a un nivel superior que a canle fluvial.

Outro dos motivos polos que queremos que se poida canalizar o aliviadoiro até o mar, ten haber co impacto e problema ambiental que se ocasiona, pois de ter que aliviar, non é o mesmo facelo nun río que ten pouco caudal que facelo no mar onde o problema ambiental causado sería moito menor. Ademais queremos que se canalice en condicións e que non afecte aos bancos marisqueiros pois deles dependen moitos postos de traballo.

É por todo isto que, en nome do Bloque Nacionalista Galego, o concelleiro Luís Pérez Barral solicitará dos membros da Corporación Municipal a aprobación seguinte acordo:

A) Que o Concello de Ribeira lle demande a Costas do Estado e Xunta de Galiza o permiso para que se poida realizar a canalización do aliviadoiro dos Areeiros até a zona de dominio marítimo-terrestre.
B) Enviar o presente acordo plenario a Costas do Estado.

- Outros asuntos:

- Solicitude do BNG para revisar e certificar o correcto cumprimento do contrato de limpeza de instalacións municipais por parte da empresa. Esta petición vén motivada ante a denuncia que trasladaron ao BNG de supostas faltas no cumprimento das condicións do contrato.
- Pregunta do BNG para saber se algunha empresa de telefonía solicitou permiso para instalar unha antena-repetidor en Palmeira. A veciñanza oponse á pretensión que existe de instalar unha antena preto das vivendas e a carón do campo de fútbol.
-Recoñecemento extraxudicial de creto, isto é pago de facturas de 524.102€ co informe en contra do servizo de intervención. O goberno destina estes cartos a imprevistos en diversas obras, o que amosa unha clara falta de previsión e unha mala xestión dos fondos públicos cando hai escaso tempo se aprobou o Orzamento de 2017. Desde o BNG cremos que isto se debe evitar e debemos facer unha boa planificación e xestión dos fondos públicos. A pesar disto aprobouse cos votos a favor de PP, IPR e 2 edís non adscritas, abstención dun edil non adscrito e voto en contra do BNG e PSOE
- Aprobación bases reguladoras do programa vivendas baleiras. É un convenio de colaboración coa Consellaría de Vivenda e Solo para intentar poñer en uso todas as vivendas baleiras que ten o noso municipio, unhas 3.000. Aprobado por unanimidade
- Renuncia do concelleiro de C’s Juan J. Chouza
- Transferencia de creto. Aumento de 40.000€ a clubes deportivos pasando de 80.000€ a 120.000€, 20.000€ nun convenio de colaboración co FEUGA para ter bolseiras/os universitarias/os en prácticas e 12.000€ de axuda para a confraría de Aguiño para a celebración da Festa do Percebe. Aprobado por unanimidade.
- Modificación da ordenanza reguladora de venda ambulante para que os permisos teñan unha duración de 5 anos no canto dun ano. Aprobado cos votos a favor de BNG, PP, IPR, 3 edís non adscritas/os e abstención do PSOE.
- Aprobado por unanimidade a convocatoria do Consello de Seguridade Local para analizar o aumento da delincuencia.
- Ampliación da beirarrúa nun tramo da rúa Fr. Lorenzo Mariño en Aguiño. Aprobado por unanimidade
- Limpeza do río Listres. Aprobado por unanimidade – Retirada duns postes na rua Luís Pimentel en Aguiño
- Arranxo do parque Rafael Diste. Aprobado por unanimidade

Luces e sombras no pleno, ao remate ameazas

- Aprobado por unanimidade a proposta do BNG para dotar dun acceso seguro o parque do Castro de Castiñeiras: o concelleiro Antón Parada Fernández defendeu unha necesidade que existe en Castiñeiras desde hai anos, mais que agora se agrava ao existir un parque infantil e unhas canchas deportivas na zona do Castro.

O BNG levou unha iniciativa que demandaba a veciñanza da zona como é a mellora da seguridade viaria construíndo unha beirarrúa a carón do porto para darlle acceso a esta área de lecer e tamén darlle altura ao valado das pistas para evitar que os balóns e pelotas escapen para fóra.
Proposta completa

- Proposta do BNG para poder empregar o superávit do concello en obras e servizos para a veciñanza: o voceiro do Bloque Xosé Vázquez Cobas argumentou esta iniciativa na necesidade de darlle resposta ás necesidades das persoas. Neste sentido criticou que o goberno do Partido Popular queira castigar aos concellos que teñen unha economía saneada obrigando á contención do gasto sen importar a situación económica de cada municipio, tratando por igual aos que están economicamente mal como aos que están nunha boa situación. Ribeira terá en 2017 arredor duns 2.200.000€ de superávit que as políticas do PP nos impiden usar e que o BNG quere empregar para satisfacer demandas sociais e mellorar os servizos públicos.
Aprobado cos votos a favor do BNG, PSOE, IPR, e 3 edís non adscritas/os e a abstención de PP e C’s.
Proposta completa

- Proposta para declarar Ribeira libre de circos e espectáculos con animais: A cuestión do respecto cara aos animais levou a que o pobo demande novas accións en diferentes eidos normativos. Este mesmo mes a veciñanza da Barbanza opoñíase á instalación dun circo con animais nas diferentes vilas onde se instalou. En Boiro a pesar da prohibición expresa por parte do concello de instalarse, nunha actitude intolerábel non fixeron caso das indicación e colocaron cartalaría e mesmo quixeron levantar o precinto policial que lle impedía a apertura. O concelleiro Luís Pérez Barral defendeu que aínda que os espectáculos circenses non amosen condutas de violencia explícita á vista do público espectador, os actos que os animais teñen que realizar durante toda a súa vida non son habituais nin naturais e, para obrigalos a se comportaren deste xeito, sométenos a métodos de adestramento baseados no castigo físico, a privación de alimento e ao illamento do resto dos seus conxéneres e en contínuo traslado.

Un importante número de países e vilas de todo o mundo xa vetaron o uso de animais nos circos con base na súa protección e benestar, ao considerar que a súa exhibición e as condicións de vida supoñen unha crueldade, ao mesmo tempo que incrementan o tráfico ilegal de animais e a caza furtiva de especies protexidas. En Galiza máis dun millón de persoas viven en vilas que xa prohiben o uso de animais en circos e espectáculos.

Alén do anteriormente exposto os circos usan os animais como reclamo do público infantil. Desde o Bloque xulgamos que as crianzas, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respecto cara aos seres vivos e o seu contorno. Neste mesmo sentido, dicir que xa que Ribeira conta cunha canceira, o Concello de Ribeira debería realizar accións dirixidas a promover a adopción dos animais que se atopan nesa instalación.

A pesar destes argumentos, IPR intentou misturar o debate comparando tomar leite ou comer carne co maltrato e o cativerio animal. A proposta foi desvirtuada mediante unha emenda do PP e rexeitouse cos votos de PP, IPR, C’s e 3 edís non adscritas/os, a abstención do PSOE (no ano 2012 apoiara a mesma proposta), ficando o BNG só na súa defensa.
Proposta completa

Condenamos a actitude do edil de IPR Juan Manuel Reiriz por ameazar ao noso compañeiro Luís Pérez Barral:

Desde Iniciativa Progresista de Ribeira (IPR) tentouse misturar o debate comparando o maltrato e o cativerio animal con consumir leite ou carne, algo fóra de todo sentido común e que o concelleiro Luís Pérez Barral cualificou como “argumentos trapalleiros”. Adxectivo que o alcalde obrigaría a retirar por “argumentos faltos de rigor” aducindo que podía ser ofensivo. Para quen non coñeza o significado de trapalleiro, a RAG di que é pouco formal, que fala moito e sen tino.

Unha vez rematado o pleno e xa fóra do concello, o concelleiro de IPR Juan Manuel Reiriz Lampón díxolle ao noso compañeiro Luís Pérez textualmente “se me cheghas a disir iso a min, espéroche á saída do pleno e douche unhas hostias”.

Este é o talante pseudodemocrático dunha persoa que é representante público e que ante a falta de argumentos, só pode ofrecer a forza bruta para ameazar e intentar intimidar a quen pensa diferente.
Desde o BNG denunciamos e reprobamos esta actitude, pois non se pode ameazar nin intimidar a ningunha persoa por pensar diferente. Desde o BNG expresamos o noso apoio ao compañeiro do BNG Luís Pérez porque en ningún momento lle faltou o respecto a ninguén e quen o coñece sabe da súa boa educación e do seu trato correcto.

- Outros asuntos:
- Proposta do BNG para que se realice unha beirarrúa na estrada da Graña ao seu paso por Carreira.
- Proposta do BNG instar a un propietario a poder unha árbore que invade parte dunha beirarrúa nas Abesadas.
- Proposta do BNG para adecuar a praza do monumento a Adeje.
- Corrección de varios erros detectados no Orzamento de 2017. Aprobado por unanimidade
- Devolución da fianza a Xesús María Lixó Axeitos polo contrato de mantemento do alumeado público. Aprobado por unanimidade
- Licitación para a concesión de varios postos no mercado municipal. Aprobado por unanimidade
- Arranxo da rúa Agustín Fernández Oujo. Tamén se tivo en conta unha emenda do BNG a esta iniciativa para crear un aparcadoiro gratuíto nunha finca desta rúa. Aprobado por unanimidade
- Apoio á Plataforma Vítimas do Alvia 04155 e instar ao goberno do Estado a que se abra unha comisión de investigación sobre o sinistro para depurar responsabilidades políticas. Aprobado por unanimidade
- Cesión dunha parcela a Cruz Vermella para que se poida empregar para cultivos. Aprobado por unanimidade
- Canalización e mellora no firme do camiño da Muralla en Aguiño. Aprobado por unanimidade
- Deuse conta tamén da situación sobre os cheiros que afectan á veciñanza de Castiñeiras. Esa información pode consultarse aquí.

O BNG consegue que Portos de Galiza vaia asfaltar o Malecón e as Carolinas

Resumo do pleno ordinario do mes de abril de 2017:

- O BNG consegue que Portos de Galiza vaia asfaltar o Malecón e as Carolinas: na actualidade a Avenida das Carolinas e a Avenida do Malecón son titularidade pública en mans de Portos de Galiza. Este ente público, que tantos terreos quere posuír, está deixando nunha situación de deterioro bastante acusado as vías das dúas avenidas mencionadas.

Desde o BNG consideramos que, se Portos de Galiza desexa ser titular dos terreos que que hoxe en día xa non teñen un uso portuario, non só debe selo para ter os beneficios que lle reporta o cobro de taxas á hostalaría pola colocación das terrazas, senón que tamén debe selo para cumprir coas súas obrigas de manter en bo estado de mantemento o firme da principal estrada de acceso ao casco urbano de Ribeira.

Cabe lembrar que o Concello de Ribeira xa corre co custo da limpeza e da iluminación desta zona por ser de interese xeral para a veciñanza do municipio. O concelleiro Luís Pérez Barral que defendeu a proposta dixo “pensamos que se Portos de Galiza quere ter a propiedade destas dúas avenidas, que son as dúas entradas principais a Ribeira, debe mantelas en condicións. No caso contrario debería cederlla ao Concello de Ribeira para que sexa esta institución a que teña a titularidade para poder mantela nunhas condicións óptimas para a seguridade viaria”.

Grazas ao traballo realizado polo BNG no Concello de Ribeira e co traslado desta demanda a Portos de Galiza, informóusenos de que antes de verán será amañado o firme de ámbalas dúas avenidas. Desde o Bloque congratulámonos de que así sexa, pois as veciñas e veciños de Ribeira merecen unhas estradas en boas condicións de seguridade.

- Mellora da seguridade viaria e da accesibilidade no Porto de Palmeira: a iniciativa do BNG presentada pola edil Pilar Sampedro Laranga, trataba sobre a velocidade excesiva pola que transitan os vehículos polo porto de Palmeira, polo paseo marítimo. Tendo en conta que no mesmo se atopa un parque infantil e unha pista de fútbol, así como bastante afluencia de persoas paseando polo mesmo, a excesiva velocidade dos vehículos fan correr un risco innecesario a xente que anda polo lugar.

O paso que hai dende o parque ao paso de peóns para cruzar ata a calzada é unha chapa de ferro torta que limita o movemento dos viandantes en dito acceso e carece de lonxitude suficiente como para que unha cadeira de rodas suba ou baixe por ela con normalidade. Debido a altura excesiva que hai na beirarrúa do paseo, as persoas maiores ou con algunha minusvalía física teñen moitas dificultades para acceder a mesma. Colocouse recentemente unha rampla ao comezo do recheo mais os que viven na Arrochela ou están no parque teñen que dar un rodeo para poder utilizalo aumentando a súa vulnerabilidade ante un posible risco, pois teñen que atravesar pola calzada para poder acceder a ela.

En base a todas estas necesidades, o BNG solicitou e realizarase:

1º Poñer pasos elevados no paseo marítimo para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a accesibilidade.
2º Poñer un paso na beirarrúa a unha altura próxima ao parque para que os veciños poidan acceder á mesma sen correr riscos.

- Outros asuntos:
- Prórroga do contrato con Ana Naya SL para a xestión do servizo público da escola infantil municipal. Aprobado cos votos a favor do PP, en contra de IPR, C’s e 2 edís non adscritos/as e a abstención do BNG, PSOE e 1 edil non adscrita.
- Convenio entre Ribeira e Porto do Son para solicitar un obradoiro de emprego con 20 prazas en total. Aprobado por unanimidade.
- Solicitude do BNG para mellorar a rede de saneamento e limpeza dunha estrada en Carreira.
- Melloras no parque infantil da Rochela en Palmeira. Aprobado por unanimidade
- Solicitada a retirada de postes na rúa Lagarto de Aguiño.
- Instalación de papeleiras na rúa do Frade.
- Colocación duns bancos no Faro de Corrubedo.

Orzamento 2017: cifras, datos e posición do BNG

Por que o BNG se abstivo?

Desde a asemblea do BNG considerouse que estes orzamentos conteñen eivas pero tamén medidas positivas para a veciñanza da localidade e por iso se tomou a decisión de absternos, sempre tendo presente o mellor para as veciñas e veciños de Ribeira.

>> Aspectos do Orzamento de 2017 que consideramos positivos:

Non hai incremento nas taxas e impostos como consecuencia da conxelación de prezos das ordenanzas fiscais aprobadas no pleno e a lixeira redución no imposto de vehículos “rodaxe” promovida polo BNG no ano anterior.

Mantense o importante investimento en política social cun orzamento total de 1,7 millóns de euros e un aumento de 70.000€ para o programa de axuda no fogar. Tamén se dedica 89.000€ para o Centro de Información á Muller que merece atención especial para loitar contra a violencia machista.

Inclúense propostas do BNG como as peonalizacións das rúas Rosalía de Castro, Galiza e Cristóbal Colón por valor de 174.000€, a 1ª anualidade para remodelar o centro social e crear un auditorio en Corrubedo por valor de 71.000€ ou o saneamento no lugar das Barrosas por valor de case 68.000€, as obras de saneamento e seguridade viaria que se realizarán na avenida Castelao de Aguiño por valor de 218.555€.
Alén do anterior hai que incluír as partidas orzamentarias do programa Ribeira Atlántica 2020 nos que o BNG participa e todas as obras de saneamento e obras de caracter social que o BNG apoia por seren beneficiosas para a veciñanza e o tecido empresarial e económico.

A biblioteca ten aumentado o horario grazas á presión exercida polo estudantado e o BNG, vanse ver melloradas as instalacións coa remodelación dos servizos. No orzamento tamén vai unha partida de 6.000€ para consolidar a Feira do Libro e haberá un aumento de aproximadamente 40.000€ nas partidas destinadas aos clubes deportivos.

O endebedamento está nuns límites soportábeis xa que non debe ser superior ao 110%. Os datos son os seguintes: no ano 2015 era do 57,22%; no ano 2016 era do 42,25% e no ano 2017 é do 48,08%

>> Aspectos do Orzamento de 2017 que consideramos negativos:

Consideramos como moi negativo a falta de transparencia e a participación dos grupos políticos da Corporación Municipal pois só tivemos 1 semana para poder estudar todos os documentos que conforman o Orzamento de 2017. Tamén existe unha falta de transparencia ao haber 818.500€ opacos que os grupos políticos non podemos fiscalizar. Desde o BNG criticamos a celebración do pleno ás 13:30h pois entendemos que debería ser ás 20:00h, como é habitual, para facilitar que a xente puidese acudir e escoitar as diferentes posicións dos grupos municipais.

Ribeira segue sen contar coa histórica demanda de chan industrial, consideramos que esta debe ser unha das primeiras medidas dun plan de emprego. Alén do chan industrial, o Concello de Ribeira segue sen contar cun plan de emprego, pois non se fixo ningún estudo que detecte as carencias, problemas, oportunidades e cara onde debemos ir para que Ribeira reduza as súas cifras de desemprego, precariedade e emigración sobre todo da mocidade.

O suposto Plan de Emprego Local que se intenta vender está distorsionado pois parte deses postos de traballo son os mesmos que se contratan anualmente de xeito temporal para a tempada estival (socorristas, técnicas/os de turismo, peóns de brigadas contraincendios, auxiliares de policía, etc). Inténtasenos pasar por un plan de emprego a contratación de 6 bolseiras ou bolseiros durante 6 meses e parece máis para camuflar as necesidades reais que teñen os servizos públicos que un plan de emprego (necesidades agravadas polos recortes e políticas do Partido Popular que impiden contratación de persoal).

Neste mesmo sentido a nosa proposta foi a de crear unha bolsa de prácticas ou contratos temporais dun ano e non de 6 meses para contribuír a que as persoas tituladas polas universidades galegas teñan experiencia de traballo, mellorando así a súa posibilidade de acceder aos primeiros traballos.

Debería haber máis accións decididas ao apoio e dinamización do comercio local e non só feiras. Non existen partidas que contribúan a consolidar e dinamizar o comercio de proximidade.

Non se tivo en conta a proposta que fixo o BNG para instaurar billetes a metade de prezo para persoas mozas, desempregadas e con mobilidade reducida. A proposta que se fai de ter un autobús entre a estación de autobuses e as Saíñas (rotonda do Lidl), está mal enfocada, non vai ser de utilidade, xa que non vai reducir o número de vehículos que entran ao centro urbano de Ribeira, nin mellora a mobilidade entre parroquias.

Existe un incremento do gasto en cuestións que o BNG xa tiña advertido, como por exemplo na innecesaria privatización do persoal deportivo aprobada por PP e IPR no seu día. A opción proposta polo Bloque que sería máis barata xa que se faría mediante a oferta pública de emprego. Outro exemplo é o aumento do contrato de Sogama no que se pagará 1,60% máis por tonelada de lixo, pagamos máis por queimar os residuos e non reciclaclos.

Tampouco existe unha política turística clara e definida, as accións que se fan son moi dispares e restan eficacia.
Con respecto ao medio natural, Illas Atlánticas e Parque Natural de Corrubedo hai que poñelo en valor, o patrimonio natural está completamente abandonado. O parque leva moitos anos sen contar cos documentos reitores e de xestión que tanta falta fan para que a veciñanza poida empregar os seus terreos. É prioritario que os investimentos que se realicen no parque teñan tamén como persoas beneficiarias aos propietarios/as de terreos do interior do parque natural, para que vexan que o parque natural é un beneficio e non só restricción.

Outros datos de interese:

No capítulo de gastos en bens e servizos correntes as amortizacións diminúen un 14,81% ao haber unha cancelación dun préstamo de 2006 e tamén 143.000€ menos grazas á axuda da Deputación da Coruña coa súa política de reducir a débeda con provedores e empresas.

Con respecto ao capítulo de investimentos reais hai un importante incremento, sobe un 241,94% (no ano 2016 foi un 18,24%). Aproximadamente o 93,33% dos investimentos fináncianse con recursos alleos (FEDER-EDUSI, préstamos, Deputación da Coruña e Xunta de Galiza), o 6,67% (29,85% 2016) restante dos investimentos financiase con fondos propios.

As políticas de tranformación emprendidas polo novo equipo (BNG-PSOE) na Deputación da Coruña FAN que os fondos que recibe Ribeira sexan de 1.316.268€ fronte aos 666.000€ co PP. A Xunta de Galiza tan só destina 109.182,30€, 45.000 menos que o ano 2016.

Que propostas ten o BNG?

O BNG seguirá traballando para que se teñan en conta as seguintes cuestións que consideramos moi beneficiosas para a veciñanza:

- Implantación dunha tarxeta de autobús a metade de prezo para persoas desempregadas, xubiladas, mocidade e persoas con mobilidade reducida.
- Creación de chan industrial.
- Elaboración dun Plan de Emprego Local que detecte as eivas, fortalezas e posibilidades coas que conta Ribeira co fin de crear postos de traballo e loitar contra a emigración xuvenil.
- Aumento dos fondos para dinamización do comercio local e axuda ao fomento do emprego estábel.
- Aumento na partida de mantemento para equipamentos públicos.
- Posta en valor do parque natural de Corrubedo, loitar para contar cun Plan de Usos e Xestión que permita que os propietarios e propietarias do parque natural poidan traballar as súas terras.
Facer que as persoas propietarias de terreos no parque natural teñan prioridade na obtención de fondos e postos de traballo que teñan relación co parque natural.
- Creación dunha comisión de vixilancia das obras que se realizan para evitar erros e problemas na súa execución.

O Orzamento de 2017 do Concello de Ribeira ascende á cantidade total de 28.596.464,18€ e foi aprobado cos votos a favor do PP, IPR e C’s, abstención de BNG, PSOE e 2 edís non adscritas, 1 voto en contra dun edil non adscrito.