Arquivo da categoría: Medio Ambiente

O BNG pide canalizar o aliviadoiro da EDAR desde o río Listres até o mar

O Concello de Ribeira vén de pór en funcionamento o sistema de depuración de augas residuais, tras pasar décadas carentes de depuración dos residuos urbanos. Esta importante obra de máis de 16 millóns de euros, está producindo molestias á veciñanza de varias zonas do municipio como poden ser a dos lugares do Touro, Castiñeiras e Areeiros. Este grave problema debe ser solucionado coa máxima dilixencia co fin de evitar molesitas, desde o BNG seguiremos traballando como fixemos, desde o momento un, para que se cumpran coas garantías de depuración sen causar problemas na veciñanzaAdemais disto que, repetimos, debe ser solucionado coa máxima celeridade e garantías para que as ninguén teña que soportar cheiros na súa vivenda, existe outro que non deixa de ser menos grave como é a localización do aliviadoiro de Areeiros.

O sistema de depuración de augas residuais, está formado por unha serie de tanques de tormenta que almacenan a auga en casos de copiosas chuvias ou dun aumento do caudal de residuos que se envían á Estación de Depuración Augas Residuais (EDAR). Cada un destes tanques conta con cadanseu aliviadoiro para expulsar, en caso de necesidade, o líquido que non poida albergar no seu interior.

No caso dos Areeiros o aliviadoiro non desemboca no mar, faino no río Listres (popularmente coñecido tamén como río Paxariños). Unha das características deste río é que leva moi pouca corrente, mesmo en determinadas épocas do ano case non leva auga ou chega a secar nos meses de máximas temperaturas. Esta circunstancia fai que, de se producir unha vertedura polo aliviadoiro durante un destes períodos, os residuos quedarían estancadas no rego fluvial e non irían parar ao mar. No caso de que se chegara a aliviar durante algunha época na que o río ten auga, habería que solventar outro problema; a nivelación do terreo pois o río en innumerábeis ocasións non ten saída ao mar por atoparse a praia a un nivel superior que a canle fluvial.

Outro dos motivos polos que queremos que se poida canalizar o aliviadoiro até o mar, ten haber co impacto e problema ambiental que se ocasiona, pois de ter que aliviar, non é o mesmo facelo nun río que ten pouco caudal que facelo no mar onde o problema ambiental causado sería moito menor. Ademais queremos que se canalice en condicións e que non afecte aos bancos marisqueiros pois deles dependen moitos postos de traballo.

É por todo isto que, en nome do Bloque Nacionalista Galego, o concelleiro Luís Pérez Barral solicitará dos membros da Corporación Municipal a aprobación seguinte acordo:

A) Que o Concello de Ribeira lle demande a Costas do Estado o permiso para que se poida realizar a canalización do aliviadoiro dos Areeiros até o mar.

B) Enviar o presente acordo plenario a Costas do Estado.

O BNG critica a falta de conservación do paseo do río Artes

O Concello de Ribeira fixo un importante investimento, a través de fondos europeos, para realizar un paseo fluvial polo río Artes. Esta senda é moi transitada por parte da veciñanza, sobre todo polas fins de semana.

O estado de conservación e mantemento que ten a día de hoxe non é o axeitado posto que a maleza e as herbas están tapando o camiño e case se fai intransitábel por algúns puntos sobre todo na parte máis próxima a Oleiros.

Desde o Bloque consideramos que este é un dos grandes problemas nos que reiteradamente cae o goberno local; realízanse obras que logo non se manteñen correctamente. Ante este feito o BNG solicitou que que o Concello de Ribeira proceda a facer os labores de mantemento e se rocen as marxes do paseo fluvial do río Artes.

O BNG traslada a necesidade de compatibilizar usos e preservación no parque natural

O BNG sumouse onte á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente nunha xornada de festexo mais tamén de reivindicación. Os concelleiros e concelleiras do BNG xunto coa deputada de Servizos Sociais da Deputación da Coruña a nacionalista Ánxela Franco, estivemos presentes na celebración do 25 aniversario da declaración do parque natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Desde o BNG aproveitamos a ocasión para pedirlle ao presidente da Xunta de Galiza e á Conselleira de Medio Ambiente melloras no parque natural como é a redacción dun Plan de Usos e Xestión (PRUX) que non só teña restricións, compatibilizando a preservación ambiental desta xoia natural co uso das terras por parte das veciñas e veciños que teñen propiedades no parque.

O BNG tamén aproveitou a nosa proposta de que os investimentos que se realicen teñan como primeiros beneficiarios os veciños e veciñas da zona, especialmente as persoas propietarias pois deben saber que ter un parque natural é algo positivo e non só ter restricións como acontece até o de agora.

O BNG reúnese coa veciñanza afectada polo futuro polígono industrial

Os concelleiros e concelleira do grupo municipal do BNG ribeirense, visitaron os lugares de Cudieiros, Lixó e Carballa en Palmeira, para escoitar as demandas da veciñanza ante a pretensión do goberno local de instalar alí o novo polígono industrial.

O BNG viu moita preocupación na veciñanza da zona ante a proximidade que terá o novo polígono industrial coas vivendas e terras de labranza. Ademais o futuro polígono afectaría gravemente aos regatos e río Lagares que desemboca en Coroso e bosque de ribeira. Os corredores ecolóxicos deben ser protexidos porque son patrimonio natural e alén deste rico patrimonio natural tamén temos que contar un rico patrimonio histórico entre os cales se poden contar co hórreo centenario máis grande e antigo de Palmeira e até 7 muíños.

Ante as queixas e preocupacións efectuadas polos veciños e veciñas, o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas, deu a palabra de que o BNG estará do lado da xente aínda que é consciente da necesidade de dotar a Ribeira de chan industrial onde poder asentar industrias e empresas, por iso se comprometeu a procurar unha alternativa satisfactoria para veciñanza e o sector empresarial.

O BNG anuncia que manterá reunións co tecido empresarial e seguirá en contacto coa veciñanza para poder casar os intereses de ambas partes. En verbas de Vázquez Cobas “sabemos que é preciso ampliar o chan industrial, por iso procuraremos unha alternativa que sexa viábel e non cause molestias a veciños e veciñas”.

O BNG quere que Ribeira se declare vila libre de circos con animais

A cuestión do respecto cara aos animais levou a que o pobo demande novas accións en diferentes eidos normativos. Esta mesma semana un circo que emprega animais quixo instalarse en Boiro a pesar da prohbición expresa por parte do concello boirense, nunha actitude intolerábel non fixeron caso das indicación e colocaron cartalaría e mesmo quixeron levantar o precinto policial que lle impedía a apertura. En Ribeira será a segunda vez que se debata esta cuestión, pois o BNG xa presentara en febreiro de 2014 unha iniciativa moi semellante que fora rexeitada por PP e IPR.

O uso de animais en espectáculos é, quizais, un dos aspectos máis surrealistas que teñen lugar no noso país, nomeadamente os circos, que ofrecen unha imaxe radicalmente distorsionada do que supón a fauna silvestre.

A vida destes animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio. As exhibicións de animais nos circos ofrecen tamén unha mensaxe educativa negativa. Aínda que os espectáculos circenses non amosen condutas de violencia explícita á vista do público espectador, os actos que os animais teñen que realizar durante toda a súa vida non son habituais nin naturais e, para obrigalos a se comportaren deste xeito, sométenos a métodos de adestramento baseados no castigo físico, a privación de alimento e ao illamento do resto dos seus conxéneres.

Os animais que viven nos circos están obrigados a permaneceren o resto da súa vida privados de liberdade, atados, engaiolados ou encadeados en camións de traslado, negando calquera posibilidade de satisfacción das súas necesidades etolóxicas e naturais. A natureza transitoria dos circos e a vida constante de confinamento, privación de estimulación e frustración da fauna, conduce os animais a estados neuróticos e comportamentos repetitivos “estereotipados”, como balancear a cabeza ou corpo, movementos circulares dentro das gaiolas e até automutilacións.

Estes trastornos psicolóxicos chegan a provocar reaccións violentas que poden causar graves riscos para as persoas en caso de accidente, un extremo que sucedeu en numerosas ocasións ao longo dos últimos anos. Un importante número de países e vilas de todo o mundo xa vetaron o uso de animais nos circos con base na súa protección e benestar, ao considerar que a súa exhibición e as condicións de vida supoñen unha crueldade, ao mesmo tempo que incrementan o tráfico ilegal de animais e a caza furtiva de especies protexidas.

Alén do anteriormente exposto os circos usan os animais como reclamo do público infantil. Desde o Bloque xulgamos que as crianzas, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respecto cara aos seres vivos e o seu contorno. Neste mesmo sentido, dicir que xa que Ribeira conta cunha canceira, o Concello de Ribeira debería realizar accións dirixidas a prmover a adopción dos animais que se atopan nesa instalación.

Por todo o anteriormente exposto desde o BNG propoñemos que en Ribeira se adopten os seguintes acordos:

A) Que o Concello de Ribeira non autorice nin promova ou ampare a instalación de circos nin establecementos feirais con animais no termo municipal.
B) Declarar o Concello de Ribeira, vila libre de circos e feiras con animais.
C) Que este concello non permita a instalación de publicidade de espectáculos circenses e feirais con animais no termo municipal.
D) Que o Concello de Ribeira promova a adopción de animais da canceira municipal.