Arquivo da categoría: Ensino, cultura, lingua e deporte

O BNG esixirá no Parlamento mellorar a conexión de internet para o IES Leliadoura

O IES Leliadoura de Ribeira conta na actualidade cunha conexión a Internet fornecida a través dun Radioenlace alimentado por un centro alleo ao instituto que ocasiona graves prexuízos ao alumnado e ao profesorado do centro. E é que, este mecanismo, malia mellorar a precaria conexión existente con anterioridade, non evita os cortes constantes na rede que se prolongaron durante varios días en diversas ocasións. Neste senso, malia que no Concello de Ribeira se está a levar a cabo a instalación de fibra óptica dentro do contrato Escolas Conectadas de Galiza de Red.es, non se prevé a chegada desta conexión ao Leiladoura malia que nel se imparten, entre outros, o ciclo de Informática e de Administración, para alén de contar coa maior parte dos módulos de ESO e Bacharelato incluídos no Proxecto Abalar. Desde o claustro do profesorado, o alumnado e a ANPA veñen reclamando melloras na conexión a Internet que suporía ampliar a cobertura de fibra apenas 300 metros a respeito das previsións actuais.

En base a este problema, a deputada nacionalista Olalla Rodil tras coñecer os problemas que está a ocasionar os cortes e a baixa velocidade da conexión á internet deste centro preguntaralle ao goberno da Xunta de Galiza:

A) Vai instalarse fibra óptica no IES Leliladoura de Ribeira?
B) De non ser así, por que razón non se conectará o centro á fibra óptica?
C) Prevé a Xunta mellorar a conexión á rede do centro dalgunha outra maneira para garantir unha cobertura acaída ás necesidades docentes e do alumnado?
D) Cantos centros de ensino melloraron a súa conexión a Internet no marco do contrato Escolas Conectadas de Galicia de Red.es? Cantos abranguerá este

Finalmente a deputada do BNG pedirá que o Parlamento Galego inste a Xunta de Galiza a desenvolver as medidas necesarias para conectar o IES Leliladoura de Ribeira á fibra óptica no marco do contrado Escolas Conectadas de Galiza de Red.es.

O BNG advirte de posibles irregularidades nas probas de acceso á policía local

O Concello de Ribeira realizou no mes de febreiro as probas de selección de persoal para ocupar 12 postos de auxiliares de policía local cos que paliar, de maneira temporal, a falta de persoal neste corpo de seguridade.

En relación ás probas de selección, ao BNG de Ribeira chegoulle a queixa de que, concretamente, a proba escrita deste proceso estaba en castelán e que algunha das persoas solicitantes requeriu realizar a proba en galego. Esta petición foi denegada e non se lle facilitou a proba en lingua galega.

Este feito, de ser certo, estaría a supoñer unha grave situación de discriminación lingüística e unha vulneración de dereitos fundamentais, posto que o artigo seis da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística di:


1. Os cidadáns teñen dereito ó uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.
2. As actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada.
3. Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.


O BNG ribeirense xa rexistrara no mes de novembro de 2016 unha iniciativa solicitando que a Policía Local tivese a lingua galega como lingua vehicular para dar un cumprimento efectivo do artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Galiza e do apartado de administración local do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Ademais entendemos que se o Concello de Ribeira emprega o galego como lingua vehicular e habitual da administración tamén debe facelo a policía local que actualmente non a emprega nunca.

Nesa iniciativa recomendábase unha estratexia que se denomina oferta positiva, consistente na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración, neste caso un policía e o ou a cidadá. Coa oferta positiva desinhibimos o galego do interlocutor, permite que o galego saia da ocultación e facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o veciño ou veciña o desexa, eliminando a barreira rutineira pola que un veciño ou veciña lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder ou autoridade. Está na nosa man promover e fomentar o noso idioma, entendemos que lingua vehicular da Policía Local debe ser a mesma que a que emprega o Concello de Ribeira que é o galego.

En relación ao asunto desta inicitiva, o concelleiro Luís Pérez en nome do BNG require a seguinte información:
A) Solicitamos ver unha copia do exame que realizaron as persoas aspirantes aos postos de auxiliar de policía local.
B) 
É certo que só había exame en castelán?
C) Que persoas conformaban o tribunal cualificador nas probas de selección de 12 auxiliares de policía local de Ribeira?
D) É coñecedor o goberno municipal de se houbo persoas que pediron realizar o exame en lingua galega e se lle negou esta opción?
E) De ser certo, que medidas pensa tomar o goberno municipal para evitar este tipo de acontecementos?

O BNG solicita a limpeza do complexo deportivo da Fieiteira

Veciños e veciñas de Ribeira, usuarias e usuarios habituais do Complexo Deportivo da Fieiteira, téñense posto en contacto co Bloque Nacionalista Galego para expresar o malestar que existe ante a falta de limpeza nos vestiarios desta instalación deportiva de titularidade municipal.

O Complexo Deportivo da Fieiteira é o de maior tamaño do termo municipal, polo que recibe unha gran afluencia de xente, tanto persoas que acoden a practicar deporte como de persoas que acoden a ver as probas deportivas que nestas instalacións se desenvolven. Isto fai que sexa necesario ter en perfectas condicións de mantemento e hixiene as instalacións e, nomeadamente, os vestiarios que empregan as usuarias e usuarios que acoden a practicar deporte ou a realizar as probas deportivas, competicións, campionatos e partidos, etc que habitualmente se desenvolven.

Entendemos que é labor do Concello de Ribeira vixiar, garantir e sancionar – de incumprir as condicións – que a empresa cumpra coas obrigas do contrato que ten pola prestación do servizo de limpeza.

Ante todo o exposto, o edil Luís Pérez, en nome do BNG vén de solicitarlle ao Concello de Ribeira que manteña en boas condicións de hixiene e mantemento o Complexo Deportivo da Fieiteira, nomeadamente, os vestiarios.

O BNG propón que a Policía Local aplique a oferta positiva en galego

O concelleiro Luís Pérez Barral, levará unha iniciativa ao Concello para que a Policía Local teña o galego como lingua vehicularUnha das tarefas que realiza a Policía Local ribeirense con certa asiduidade é a comunicación dos cortes viarios, desvíos provisionais, prohibicións temporais, etc.
Desde o BNG somos coñecedoras/es de primeira man de que esta comunicación realízase en castelán de maneira sistemática. Isto non supón ningún problema nin ilegalidade mais desde esta formación política entendemos que debería facerse en galego polos seguintes motivos:

A) Para dar cumprimento efectivo ao artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Galiza onde se di de maneira textual:

Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento

B) Para dar cumprimento efectivo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente polo Parlamento de Galiza no ano 2004. Dentro da área da administración local recóllese:

1.2.3. Establecer que todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (ofi cinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radios municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita

Alén do exposto, debemos promover un uso normalizado da lingua propia de Galiza en tódolos ámbitos e sobre todo naqueles onde o galego aínda está pouco presente como poden ser os corpos e forzas de seguridade, administración de xustiza, etc. Unha boa medida sería empregar o que se denomina oferta positiva. Consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración, neste caso un policía e o ou a cidadá. Coa oferta positiva desinhibimos o galego do interlocutor, permite que o galego saia da ocultación e facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o veciñou ou veciña o desexa, eliminando a barreira rutineira pola que un veciño ou veciña lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder ou autoridade. Está na nosa man promover e fomentar o noso idioma, entendemos que lingua vehicular da Policía Local debe ser a mesma que a que emprega o Concello de Ribeira que é o galego.

Xa que logo, ante o anteriormente exposto, solicito en nome do BNG:

Que a Policía Local de Ribeira empregue o galego como lingua vehicular nas súas comunicacións coa veciñanza (tanto verbais como escritas) sen prexuízo de que empregue o castelán naquelas situacións nas que sexa requerido.

Vídeo: O BNG propón que a policía local empregue o galego como lingua vehicular

Aprobado o regulamento de verteduras e unha ordenanza para mellorar a accesibilidade

Moción do BNG en contra da merma dos coeficientes redutores da pesca: O vello modelo sobre o réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores/as do Mar, completamente desfasado, tivo que ir modificándose para actualizar os coeficientes redutores aplicábeis á pesca, incluíndose novas actividades que estaban excluídas como o marisqueiro, os percebeiros, bateeiros, etc. Este criterio foi substituído por un novo baseado no tipo de buque, sen chegar aínda ao fondo da cuestión: o dereito a reducir a idade mínima de xubilación naquelas actividades profesionais de natureza penosa, tóxica, perigosa e insalubre nas que se acusen elevados índices de morbilidade ou sinistralidade, así como aquelas que impliquen unha continua separación familiar e alonxamento do fogar.Concelleira nacionalista, Pilar Sampedro

Aínda así, coa nova normativa até finais do 2015, a frota galega que faena en augas internacionais (cefalopodeiros, palangreiros, arrastreiros, etc) estaban considerados “conxeladores” polo que se lles aplicaba o coeficiente máximo de 0,40. Isto é, que con 25 anos enrolado un tripulante tería dereito a se xubilar aos 55 anos.

O pasado ano, o Goberno español (Dirección da Mariña Mercante), modificou a aplicación destes coeficientes, de xeito que agora só considera buques “conxeladores” as embarcacións de máis de 70 m de eslora e capacidade superior ás 1.000 toneladas “TRD”. O resto, de menores dimensións, son considerados buques “fresqueiros” sen teren en conta nin a actividade, nin a zona de pesca, nin as condicións de vida a bordo. Segundo explicou a concelleira nacionalista Pilar Sampedro “pretenden aplicárlles unha rebaixa no coeficiente de 0,40 ao 0,25-0,35, o que evidencia unha absoluta miopía por parte deste departamento de “secano”.

Esta medida afecta básicamente a Galiza, primeira potencia pesqueira do Estado, e cun tipo de frota que é, a que resulta penalizada. Segundo a Pilar Sampedro en en Ribeira vanse ver afectadas unhas 17 embarcacións con base no porto ribeirense polo que o número de afectados é elevado, iso sen contar cos mariñeiros ribeirenses enrolados en embarcacións con porto base noutros lugares”.

Con esta medida vense afectados os traballadores da frota palangreira, a frota cefalopodeira e o resto da frota arrastreira que non alcance as novas condicións establecidas por Madrid con independencia de onde pesque. Prexudícase así a milleiros de mariñeiros galegos que verían aumentada a súa vida laboral.

Por iso, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal, a adopción do seguinte ACORDO;

A) Manifestar o apoio deste Concello ás tripulación embarcadas en buques que faenan en augas internacionais, e reclamar do Goberno español a retirada da orde interna da Dirección da Mariña Mercante de modificación dos coeficientes redutores para os conxeladores.
B) Revisar de oficio todas as pensións que se resolveron co actual procedemento para impedir a discriminación a respecto dos que historicamente se lle recoñeceu o 0,40. Restituír a legalidade e o sentido común.
C) Solicitar unha revisión profunda do caduco modelo baseado na zona e o tamaño da embarcación para ir a un novo que incentive as condicións reais das actividades profesionais da pesca, recoñecendo aquelas que teñen maior penosidade, perigosidade , sexan insalubres e provoquen sinistralidade e altas morbilidades.
D) Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do Goberno español e grupos parlamentares do Parlamento de Galiza e Congreso dos Deputados.
Aprobado por unanimidade

Modificación das ordenanzas fiscais para 2017: conxelación de todas as taxas para o 2017, rebaixarase un 1% o impostos de tracción mecánica, aprobáronse as  emendas do BNG para elevar até os 25 anos a bonificación  a mocidade con pai e nai no desemprego e tamén elevar a bonificación por Carnet Xove. Outra das novidades é que os prezos da Fieiteira redondearanse para evitar andar cobrando con céntimos. O pádel é unha das actividades que baixan de prezo debido á oferta existente noutros concellos.
Aprobado por unanimidade

Regulamento de Verteduras do Concello de Ribeira: este importante documento que regulará os parámetros, condicións e xeito de vertedura de augas residuais á rede municipal. Tamén se recollen sancións ante infraccións leves de ata 15.000€, graves ata 60.000€ e moi graves ata 100.000€. Finalmente, resúltanos rechamante que tras estar exposta ao público para poder presentar alegacións, este importante documento só recibiu emendas por parte do BNGEste regulamento será a ferramenta que permitirá que o Concello loite contra posíbeis cheiros e verteduras contaminantes que se produzan ademais de regular as verteduras en orixe e someter todo a un control rigoroso.
Aprobado por unanimidade tras incorporar as emendas do BNG

Solicitude do BNG para a revisión e limpeza da rede de saneamento: comunicouse no Pleno que se lle mandará ao Grupo de Emerxencias Municipais limpar aqueles puntos onde haxa obstrucións e que se revisará toda a rede de saneamento.
Solicitude do BNG para a posta en valor da fonde de Carreiriña: farase unha limpeza e acondicionamento da zona para que a veciñanza poida desfrutar desta fonte.
Pregunta do BNG en relación á antiga escola de integración xitana: por agora non se ten pensando un uso para darlle, mais adecentarase e desbrozarase a parcela.

Reclamación do 4º xulgado para Ribeira: a Corporación Municipal sacou adiante por unanimidade unha proposta para esixir que Ribeira conte cun 4º xulgado que permita reducir a grande carga de traballo que soporta. Namentres isto non sexa así, se reforce o persoal dos 3 xulgados xa existentes tal e como pediu o Bloque.

Outros asuntos:
-Aprobación da ordenanza reguladora para a instalación de ramplas de accesibilidade para negocios e edificios residenciais na cal o BNG.
-Incorporación dunha parcela no lugar de Aldea en Castiñerias ao inventario municipal. – Deuse conta da situación dos cheiros que se están producindo en diversos puntos do municipio e as accións que se van levar a cabo.
-Convenio de colaboracón con institucións penitenciarias: para que se poidan facer traballos comunitarios en Ribeira. Aprobado por unanimidade
-Nivelaranse as tapas de sumidoiros situadas estrada que vai cara o centro recreativo de Artes que estaban baixas e provocaban molestias nos vehículos.
-Melloras na rúa Pedriñas de Carreira. Aprobado por unanimidade – Tapar un buraco que existe en Laxe. Aprobado por unanimidade
Paso do grupo de C’s ao concelleiras/os non adscritas/os de María José Brión e Asier Casais. Votos a favor de PP, PSOE e 3 concelleiras/os non adscritas/os. Abstención de BNG, IPR e C’s