O BNG reforza a transparencia e participación cun boletín informativo

O BNG reforzamos a nosa aposta pola transparencia e pola participación da veciñanza de Ribeira na vida política local coa distribución dun boletín informativo que se levará a todas as vivendas do municipio.

[Preme enriba da foto para velo completo]

Desde o BNG consideramos que chegado o ecuador do mandato convén darvos ás veciñas e veciños información de primeira man sobre as políticas que se levan a cabo por parte do goberno de Ribeira e das alternativas que promovemos no Bloque. Neste sentido, cremos que as peonalizacións de Ribeira son unha das políticas que o BNG defendeu no Concello de Ribeira e insistimos para conseguilas. Malia todo, as peonalizacións entendemos que non só deben ser restrinxir o tráfico rodado senón que deben vir da man dun aumento dos aparcadoiros gratuítos e do fomento o transporte público coa construción dunha estación de autobuses e a rebaixa nos billetes.

Para o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas, “con este boletín feito co esforzo e cos poucos recursos económicos dos que dispomos, dámoslle cumprimento a unha proposta electoral a de sermos transparentes e informar á xente” do mesmo xeito, lembrouse como no ano pasado se percorreron todas as parroquias co programa de participación “Parroquias con Voz”.

O responsábel de comunicación e concelleiro Luís Pérez Barral, explica que o boletín contempla problemas que son coñecidos pola veciñanza como poden ser a falla de mantemento de equipamentos públicos, problemas de suciedade ou iluminación. Outro apartado é o dedicado á mala planificación do goberno do PP en grandes obras como o mercado municipal que está ao “ralentí” medio baleiro ou os “bandazos” que dá o PP en proxectos clave como os do Ribeira Atlántica en edificios como o de Hesta Kurva. Pérez Barral explica: “ese edificio xa foi de todo, auditorio, conservatorio, centro de día, residencia… nin o alcalde sabe que vai facer nel”.

Finalmente, fronte os problemas que ten Ribeira e a mala planificación e goberno do PP, o BNG expón brevemente cuestións clave nas que traballa como son a creación de chan industrial e promoción de emprego, construción dunha estación de autobuses e rebaixa no transporte público, loitar para acadar unha maior transparencia e participación das veciñas e veciños, melloras no mantemento e limpeza ou en traballar para que as parroquias conten con máis actividades deportivas e culturais.

Vázquez Cobas: “agardamos que a xente lea con agarimo este traballo que facemos para darlle cumprimento ás promesas que facemos e vexan no equipo do BNG, unha alternativa seria de goberno para Ribeira”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *