Iniciados os trámites para sancionar á empresa de alumeado

Resumo dos temas tratados no pleno de novembro de 2017:

- Penalización e sanción empresa alumeado público: o pleno do Concello de Ribeira acaba de aprobar de maneira unánime abrir un expediente de penalización á empresa Ferroser encargada de executar o cambio de farois no municipio.

Existen moitas queixas por parte da veciñanza de Ribeira polos apagóns e fallos nas fases, esta situación levou a que o BNG tamén lle trasladase ao goberno municipal en diversas ocasións a necesidade de atallar o problema e mesmo sancionar se se estaba incumprindo as condicións do contrato.

A penalización pola demora no cambio de farois é dun total de 9.976€, mais hai aberto outro expediente sancionador a Ferrovial polos apagóns e fallos nas fases, nomeadamente o de fin de ano.

- Proposta do BNG para eliminar as plantas exóticas invasoras: o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas, defendeu que neste concello hai traballo que facer tanto no apartado de conservación das especies autóctonas en perigo de extinción, como no de eliminación dos elementos estraños ao noso ecosistema, como son as especies exóticas invasoras (EEI). Incidiu especialmente as que poden afectar ás condicións ambientais, a cadea trófica e os ciclos de nutrientes. Tarefa para a cal é precisa a implicación da veciñanza.

Se queremos evitar impactos moi graves no futuro destas especies exóticas invasoras (EEI) que na actualidade xa son unha ameaza que despraza as especies autóctonas dos nosos ecosistemas debemos actuar de xeito programado” explicou Vázquez Cobas.

Vemos como só se actúa en contadas ocasións na illa de Sálvora ou no parque natural de Corrubedo, queremos que as accións de erradicación de espcies alóctonas se estanda por todo o municipio, para non só protexer a flora e fauna autóctonas de hoxe, senón tamén a do futuro”.

Aprobado por unanimidade

- Proposta do BNG para exixir que se garantan medidas de protección ás mulleres vítimas de violencia machista: a concelleira Pilar Sampedro Laranga defendeu esta iniciativa na que pedía que o Concello de Ribeira garantise a correcta atención ás vítimas vítimas de violencia machista así como instar á Xunta de Galiza a que poña os recursos necesarios para erradicar con este problema. O BNG propón destinar o 1% dos Orzamentos da Xunta, 90 millóns de € para un problema que afecta ao 52% das mulleres. Para os integrantes do PP esta cantidade “era demasiado” e non vían con bos ollos destinar “tantos cartos”,  malia esta opinión a proposta foi aprobada por unanimiadade.

Despedida do concelleiro Xosé Antón Parada Fernández

 Na sesión plenaria o noso benquerido compañeiro Xosé Antón Parada, despediuse do resto de integrantes que compoñen a Corporación Municipal debido a que uns problemas de saúde impídenlle seguir desempeñando o seu traballo institucional. Desde o BNG trasladámoslle todo o noso recoñecemento, cariño e admiración por ser un home incansábel e defensor do ben común. Involucrado co nacionalismo e coa loita por mellorar Gaiza desde os 15 anos, este veterano do Bloque continuará traballando con nós, pois seguirá sendo membro do BNG e do Consello Local. Temos a certeza de que seguirá realizando un traballo brillante desde outros ámbitos.

- Outros asuntos:

- Pregunta do BNG sobre se existía intención por parte dalgunha empresa de instalar unha antena en Palmeira. O goberno local informou de que na actualidade non había ningunha solicitude.
- Proposta do BNG para instar á Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa a que non exclúa a lingua galega no faro de Corrubedo. O concello comprometeuse a solicitar que este ente público non exclúa a lingua propia de Galiza na atención que preste a futura empresa que xestione o faro de Corrubedo. O prego recollía a necesidade de prestar atención só en castelán e inglés, vulnerando o dereito legal de que persoas galegofalantes poidan ser atendidas no seu idioma.
- Instalación dun pozo de bombeo no lugar dos Mosqueiros en Castiñeiras. Obra solicitada polo BNG e a veciñanza do lugar para rematar coas verteduras que se producían na praia. Aprobado por unanimidade
- Proposta do BNG para mellorar a sinalización viaria nos accesos á rúa peonil de Galiza que eviten o paso inadecuado de vehículos e especificando as horas de carga e descarga. Aprobado
- Pregunta do BNG para pedir explicacións ao goberno local da negativa a integrarse na Xunta pro devolución do pazo de Meirás da que forman parte 70 concellos e diversas institucións e entidades. Lembrámoslle ao goberno local que Ribeira vírase obrigada a pagar 1000 ptas de 1939 para darlle ao ditador Franco para sufragar o agasallo forzoso.
- Realización dun estudo para detectar puntos do municipio que carecen de alumeado público ou están en penumbra. Aprobado por unanimidade
- Aprobado por unanimidade para demandar da Consellaría de Educación máis medios para a detección e tratamento da dislexia.
- Amaño do asfalto da rúa Pimentel de Aguiño.
- Cesión duns 26.381 metros cadrados para a Comunidade de Montes de Artes para uso forestal.
- Aprobado por unanimidade a dotación de beirarrúas para Pé do Corniño en Carreira
- Petición para abrir a rúa Canteiros permitindo o paso de vehículos
- Aprobado pintar un paso de peóns en cada acceso do cemiterio municipal de Ribeira
- Proposta do BNG para solidarizarse coas persoas que defenden a democracia ante a alarmante involución democrática do Estado español ao vulnerar dereitos fundamentais da cidadanía catalá aplicando o artigo 155 da CE. Rexeitada cos votos en contra de PP, PSOE, C’s, IPR e edís non adscritas/os. Votos a favor do BNG

Lembrade que podedes consultar os textos completos das mocións, solicitudes e preguntas do BNG no noso apartado transparencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *