O BNG pide que se axilicen os trámites para crear chan industrial

Desde hai décadas o empresariado de Ribeira non dispón de chan industrial no que poder instalar e/ou ampliar as súas instalacións, do mesmo xeito, empresas que desexen instalarse no municipio tampouco dispoñen de espazo onde poder facelo.

O Partido Popular leva gobernando Ribeira desde 1991, é dicir, levan 26 anos no poder sen facer un só metro cadrado de chan industrial. O goberno do PP non ten un proxecto de futuro para Ribeira, feito que se demostra nos sucesivos vaivéns e cambios de criterio para localizar o futuro chan industrial que provocan que haxa empresas que xa non desexen asentarse en Ribeira.

Desde o BNG sempre fomos moi claros no asunto, Ribeira precisa chan industrial sen demora e durante o breve período de tempo que a Xunta tivo un goberno de PSOE-BNG, fixéronse todos os trámites para facer unha gran área empresarial na Barbanza, proxecto que non se executou por ser dun goberno diferente ao PP. Hoxe lamentamos como en Ribeira non se está xerando emprego e as empresas marchan pola incompetencia do goberno municipal e tamén do que preside neste intre a Xunta de Galiza.

A última mentira do goberno local é a de que apareceron uns restos arqueolóxicos que xa estaban sinalados en todos os proxectos e planos. Con esta desculpa o goberno de Ruiz Rivas pretende agochar a súa falta de xestión e desleixo.

Ante estes feitos, o BNG exixe que se aceleren os trámites para que Ribeira conte dunha vez con chan industrial no que poder asentar empresas e, por conseguinte, xerar emprego que evite que a nosa mocidade teña que emigrar. Seguiremos traballando para conquerir esa realidade en colaboración e apoio á Asociación de Empresarios e Empresarias de Ribeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *