Ribeira rebaixará o imposto de circulación un 3%

Resumo do pleno municipal do mes de outubro de 2017:

- Ordenanzas fiscais para 2018: o goberno do Partido Popular, tras perder a maioría absoluta en 2015 volta conxelar as taxas un ano máis, sabedor de que os grupos da Corporación Municipal non estarían de acordo en subirlle á veciñanza as taxas e impostos locais.

O BNG avogou sempre por baixar algúns impostos locais que estaban por riba da media e para o ano 2018 rebaixarase un 3% o imposto de vehículos de tracción mecánica, máis coñecido como o imposto de circulación, desaparecerán taxas e impostos que levan anos sen empregarse por estaren obsoletos e posibilitarase o fraccionamento do pagamento sen ter que abonar o 25% do total na primeira cota. Outra das novidades en materia deportiva é que unha persoa que queira inscribirse na Fieiteira poderá pagar a metade do mes e non o mes completo e o bono sube uns euros tendo como contraprestación a posibilidade de acceder a todas as actividades e instalacións agás algunhas de perfeccionamento.
Todas as taxas e impostos se refundirán nun único texto legal para mellorar a transparencia.
Aprobado por unanimidade

- Modificación do contrato do servizo de limpeza e recollida de lixo: no mes de agosto o Bloque solicitara unha xuntanza para falar dos problemas de recollida e limpeza que tiña Ribeira, no mes de setembro produciuse esta xuntanza e este mes aprobouse incorporar ao servizo as seguintes melloras por importe de 80.000€: 1 camión con maiores prestacións, 1 lavacontedores, 2 sopradoras, 1 baldeadora con mellor cisterna, 1 brazo para roza de cunetas, 1 varredora pequena para rúas estreitas e 1 tractor con pá frontal. A empresa debería pagar uns 125.000€ ao Concello en concepto de material non obsoleto, mais por acordo da Coporación apróbase mellorar o servizo facendo que esa contía se invista no material anteriormente mencionado e na substitución de contedores por valor de 40.000€, trámite que se aprobará no vindeiro mes.
Aprobado cos votos a favor de BNG, PP, IPR, C’s, 1 edil non adscrita e a abstención de PSOE e 2 edís non adscritos

- Pregunta do BNG sobre a mellora do firme das avenidas do Malecón e Carolinas: informouse que no primeiro trimestre de 2018 hai a intención de que se comecen as obras e rematar a remodelación da fachada do Malecón antes do verán de 2018. [Imaxe e + información]

- Solicitude do BNG para pedir o informe de Augas de Galiza da vertedura do río Listres: informouse que a vertedura produciuse por un fallo na tarxeta de control de vertedura do tanque de tormenta debido a un pico de tensión na rede eléctrica. O informe sobre a análise das augas residuais que se verteron xa se solicitou a Aguas de Galiza. [Vídeo]

- Iniciativa do BNG para realizar melloras no campo de fútbol da Trinidade de Oleiros.

- Iniciativa do BNG para realizar melloras de mantemento no paseo do Carreiro de Aguiño.

- Solicitude do BNG para cortar uns piñeiros que están levantando o firme da rúa Forcadiña en Aguiño.

- Iniciativa do BNG para dotar de beirarrúa a marxe dereita da rúa Xelmírez de Ribeira.

- Outros asuntos:
- Operación de préstamo para financiar as actuacións do proxecto Ribeira Atlántica 2020 previstas cun orzamento de 1.250.000€. Aprobado por unanimidade
- Instar á Xunta de Galiza para a Barbanza conte cun punto de encontro familiar. Aprobado por unanimidade
- Melloras no parque infantil de Palmeira. Aprobado por unanimidade
- Pasos de peóns na rúa Canarias. Aprobado por unanimidade
- Solicitude para que se limpen as pintadas de Ribeira.
- Instalación dun espello na rúa Lagarto con Lorenzo Mariño e outro na rúa Castelao con Manuel Murguía en Aguiño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *