O PP fica só no seu rexeitamento ás propostas de defensa da sanidade e dos festivos locais

Resumo dos temas tratados no pleno de setembro de 2017:

- Proposta do BNG para mellorar o servizo de Correos e instalación de caixas de correo: o voceiro do Bloque Xosé Vázquez Cobas, defendeu a necesidade de que Ribeira conte cunha quenda de tarde para atender a oficina de Correos posibilitando que a veciñanza poida achegarse pola oficina. Tamén explicou que é preciso que se volvan instalar caixas de correo nalgunhas zonas do casco urbano e parroquias, xa que nos últimos anos foron retirándose sen que se colocaran outras.
Aprobado por unanimidade

- Anteproxecto de modificación da lei de saúde de Galiza: no pleno debateuse a modificación que o goberno da Xunta pretende facer na lei de saúde. Esta modificación ten en contra a profesionais, plataformas en defensa da sanidade pública e a todas as forzas do Parlamento de Galiza agás o Partido Popular. O PP en Ribeira, igual que no Parlamento, tamén ficou só na defensa desta modificación.

De se aprobar a modificación pretendida, o concelleiro Luís Pérez Barral, asegurou que implicaría a perda das xerencias nos hospitais comarcais, o que conleva perda de capacidade organizativa e resolutiva. No caso do Hospital da Barbanza a imposibilidade de constituír unha área por si mesma, e por tanto de mellorar a calidade asistencial ás mulleres e homes da zona xeográfica afectada. 
Alén do anterior, xera unha serie de problemas como a menor dotación de especialistas nos hospitais comarcais o que provocaría máis desprazamentos e derivacións cara Santiago de pacientes que na actualidade son tratados no hospital comarcal.
Cabe lembrar que desde a chegada do PP á Xunta reducíronse 2.000 millóns de €, hai 2.000 profesionais menos, 700 camas pechadas e listas de espera que seguen medrando.
A proposta para demandar a paralización desta modificación e que a Xunta dialogue con profesionais, plataformas e restantes organizacións políticas, foi aprobada por BNG, PSOE, IPR, C’s e 2 edís non adscritas. Abstención dun edil non adscrito. Voto en contra do PP.

- Festivos Locais 2018: o goberno municipal decidiu unilateralmente rachar co acordo plenario aprobado en xullo de 2016, no que se dicía que o 24 de xullo día da Festa da Dorna e o martes de entroido fosen festividades locais, así como realizar as celebracións de Santa Uxía na segunda fin de semana de setembro.

Os diferentes grupos que integran a Corporación Municipal recriminóuselle ao Partido Popular querer xerar polémica e de sacar esta cuestión por cálculos electorais. Do mesmo, desde o BNG deixouse ben claro que non se está en contra de ningunha festividade, todo o contrario, o que se procura é facer que todas as festas sexan o máis celebradas e desfrutadas por parte da veciñanza e á vista quedou este ano co éxito das tres celebracións mencionadas.
A proposta conxunta tamén está avalada por ducias de comercios e servizos de hostalaría locais.

A medida presentada por BNG, PSOE, IPR, C’s e a edil non adscrita María José Brión para que fosen festividades locais en 2018 o 24 de xullo día da Festa da Dorna e o martes de entroido, foi aprobada cos votos a favor de BNG, 2 votos do PSOE, IPR, C’s e María José Brión. Abstención de Asier Casais (non adscrito) e Almudena Basoco (PSOE). Votos en contra do PP e Dolores Elorduy (non adscrita)

- Polígono industrial: aprobado por unanimidade que o Concello de Ribeira inicie os trámites para a execución dun novo polígono industrial en Ribeira na zona denominada como Pedras Vermellas.

Outros asuntos
- Conta Xeral 2016: é un informe que dá conta do patrimonio, da situación dos gastos, ingresos, beneficios e perdas, así como a execución dos orzamentos, entre outras cousas. O nivel de execución orzamentaria chegou até o 78% o que supón que o goberno municipal deixou sen executar un 22% dos cartos que orzamentou. Desde o BNG pedímoslle máis información ao goberno do motivo desta baixa execución e esiximos que non deixe cartos sen gastar.
Votos a favor de PP, IPR, C’s e 2 edís non adscritos. Abstención de BNG, PSOE e 1 edil non adscrito
- Aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora da tramitación de licenzas urbanísticas. É un texto que unifica todos os requisitos que hai que presentar para obter unha licenza urbanística.
Aprobado por unanimidade
- Modificación puntual do PXOM para evitar que cando un edificio se destina a un equipamento cultural, deportivo, educativo, sanitario ou administrativo teña que retranquearse.
Aprobado por unanimidade
- Dotar de beirarrúas un tramo entre a Rúa Cubeliños. Aprobado por unanimidade
- Cambio de sentido no tráfico da rúa Rafael Dieste. Aprobado por unanimiadade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *