O BNG pide documentación e o calendario das actuacións para erradicar os cheiros da EDAR

O sistema de depuración de augas residuais co que conta Ribeira, non é o sistema que tería escollido o Bloque Nacionalista Galego, mais a pesar diso, o compromiso desta organización é achegar propostas tendentes a que o sistema de depuración funcione correctamente sen causar molestias á veciñanza. Reiteramos o compromiso do BNG coa veciñanza afectada, e o permanente traballo e interese polo tema, non imos descansar até que todo estea en perfecto estado.

Na actualidade a veciñanza de diversos puntos do municipio está soportando cheiros de maneira intermitente, focalizándose o epicentro do problema na zona de Areeiros e, en menor medida aínda que non por iso menos importante, outros puntos como son Aguiño e O Touro.

Desde o Bloque temos asistido a diversas reunións, concretamente a dúas, con responsábeis de Augas de Galiza, de Acuaes e diverso persoal técnico da EDAR. Nestas xuntanzas informouse de que habería que agardar ao verán de 2018 para podermos ter unha solución para estes olores. Concretouse tamén que se realizarían pequenas melloras antes do estío que paliarían as molestias que a veciñanza padece.

A segunda xuntanza desenvolveuse en maio deste ano e a día de hoxe o BNG segue sen ter documentación nin información sobre o calendario de actuacións a realizar e o seu desenvolvemento temporal. Isto impide que exerzamos o noso labor de fiscalización, control e supervisión destes traballos. Esta falta de información tamén a sofre a veciñanza que sofre os cheiros desta infraestrutura.

En base ao anteriormente exposto, o BNG solicita:

Que o Concello de Ribeira, nos facilite documentación onde se recollan todas as actuacións que se van realizar para solucionar os cheiros que provoca o sistema de depuración de residuos urbanos, así como o seu desenvolvemento temporal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *