A veciñanza de Palmeira recolle sinaturas contra a instalación dunha antena

As veciñas e veciños de Palmeira compareceron en rolda de prensa para explicar a inquedanza que existe na parroquia polo emprazamento no que se pretende instalar unha antena de telefonía, preto do campo de fútbol e das vivendas.

Na mencionada zona xa existe outra antena, mais a que se pretende instalar agora vai ser moito máis potente e non se está tendo en conta a opinión da veciñanza para a súa colocación. Tanto as veciñas e veciños de Palmeira como o BNG consideramos que pode situarse nun lugar máis afastado e reducir as radiacións electromagnéticas que poden prexudicar a saúde.

Sobre a repercusión das ondas que desprenden os emisores de telefonía móbil, tal e como explicou o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas, a Organización Mundial da Saúde (OMS) adoptou o denominado principio de precaución e recomenda unha política de xestión de riscos aplicada en circunstancias cun grao de incerteza científica, o que representa a necesidade de emprender accións para un risco potencialmente grave sen necesidade de agardar os resultados das investigacións científicas.

Vázquez Cobas indicou que o Bloque apoia a reivindicación e demandas da veciñanza que xa está recollendo sinaturas para evitar que a antena se instale nese emprazamento. Do mesmo xeito considera indecente que o goberno municipal non defenda os intereses da veciñanza e se posicione do lado da empresa. 

Por outra banda, parece que pode haber conflito de intereses xa que o concelleiro de Participación Cidadá e tenente alcalde Emilio Outeiral, tamén é presidente da Sociedade Fillos de Palmeira, onde xa fixo unha reunión para alugar o terreo para poder instalar a antena sen que se explicitase para que era o alugueiro da finca na orde do día enviada ás persoas socias. Ademais do anterior, o goberno local non se compromete a retirar a outra antena unha vez se instale a nova moito máis potente que a anterior, polo que habería dúas antenas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *