Luces e sombras no pleno, ao remate ameazas

- Aprobado por unanimidade a proposta do BNG para dotar dun acceso seguro o parque do Castro de Castiñeiras: o concelleiro Antón Parada Fernández defendeu unha necesidade que existe en Castiñeiras desde hai anos, mais que agora se agrava ao existir un parque infantil e unhas canchas deportivas na zona do Castro.

O BNG levou unha iniciativa que demandaba a veciñanza da zona como é a mellora da seguridade viaria construíndo unha beirarrúa a carón do porto para darlle acceso a esta área de lecer e tamén darlle altura ao valado das pistas para evitar que os balóns e pelotas escapen para fóra.
Proposta completa

- Proposta do BNG para poder empregar o superávit do concello en obras e servizos para a veciñanza: o voceiro do Bloque Xosé Vázquez Cobas argumentou esta iniciativa na necesidade de darlle resposta ás necesidades das persoas. Neste sentido criticou que o goberno do Partido Popular queira castigar aos concellos que teñen unha economía saneada obrigando á contención do gasto sen importar a situación económica de cada municipio, tratando por igual aos que están economicamente mal como aos que están nunha boa situación. Ribeira terá en 2017 arredor duns 2.200.000€ de superávit que as políticas do PP nos impiden usar e que o BNG quere empregar para satisfacer demandas sociais e mellorar os servizos públicos.
Aprobado cos votos a favor do BNG, PSOE, IPR, e 3 edís non adscritas/os e a abstención de PP e C’s.
Proposta completa

- Proposta para declarar Ribeira libre de circos e espectáculos con animais: A cuestión do respecto cara aos animais levou a que o pobo demande novas accións en diferentes eidos normativos. Este mesmo mes a veciñanza da Barbanza opoñíase á instalación dun circo con animais nas diferentes vilas onde se instalou. En Boiro a pesar da prohibición expresa por parte do concello de instalarse, nunha actitude intolerábel non fixeron caso das indicación e colocaron cartalaría e mesmo quixeron levantar o precinto policial que lle impedía a apertura. O concelleiro Luís Pérez Barral defendeu que aínda que os espectáculos circenses non amosen condutas de violencia explícita á vista do público espectador, os actos que os animais teñen que realizar durante toda a súa vida non son habituais nin naturais e, para obrigalos a se comportaren deste xeito, sométenos a métodos de adestramento baseados no castigo físico, a privación de alimento e ao illamento do resto dos seus conxéneres e en contínuo traslado.

Un importante número de países e vilas de todo o mundo xa vetaron o uso de animais nos circos con base na súa protección e benestar, ao considerar que a súa exhibición e as condicións de vida supoñen unha crueldade, ao mesmo tempo que incrementan o tráfico ilegal de animais e a caza furtiva de especies protexidas. En Galiza máis dun millón de persoas viven en vilas que xa prohiben o uso de animais en circos e espectáculos.

Alén do anteriormente exposto os circos usan os animais como reclamo do público infantil. Desde o Bloque xulgamos que as crianzas, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respecto cara aos seres vivos e o seu contorno. Neste mesmo sentido, dicir que xa que Ribeira conta cunha canceira, o Concello de Ribeira debería realizar accións dirixidas a promover a adopción dos animais que se atopan nesa instalación.

A pesar destes argumentos, IPR intentou misturar o debate comparando tomar leite ou comer carne co maltrato e o cativerio animal. A proposta foi desvirtuada mediante unha emenda do PP e rexeitouse cos votos de PP, IPR, C’s e 3 edís non adscritas/os, a abstención do PSOE (no ano 2012 apoiara a mesma proposta), ficando o BNG só na súa defensa.
Proposta completa

Condenamos a actitude do edil de IPR Juan Manuel Reiriz por ameazar ao noso compañeiro Luís Pérez Barral:

Desde Iniciativa Progresista de Ribeira (IPR) tentouse misturar o debate comparando o maltrato e o cativerio animal con consumir leite ou carne, algo fóra de todo sentido común e que o concelleiro Luís Pérez Barral cualificou como “argumentos trapalleiros”. Adxectivo que o alcalde obrigaría a retirar por “argumentos faltos de rigor” aducindo que podía ser ofensivo. Para quen non coñeza o significado de trapalleiro, a RAG di que é pouco formal, que fala moito e sen tino.

Unha vez rematado o pleno e xa fóra do concello, o concelleiro de IPR Juan Manuel Reiriz Lampón díxolle ao noso compañeiro Luís Pérez textualmente “se me cheghas a disir iso a min, espéroche á saída do pleno e douche unhas hostias”.

Este é o talante pseudodemocrático dunha persoa que é representante público e que ante a falta de argumentos, só pode ofrecer a forza bruta para ameazar e intentar intimidar a quen pensa diferente.
Desde o BNG denunciamos e reprobamos esta actitude, pois non se pode ameazar nin intimidar a ningunha persoa por pensar diferente. Desde o BNG expresamos o noso apoio ao compañeiro do BNG Luís Pérez porque en ningún momento lle faltou o respecto a ninguén e quen o coñece sabe da súa boa educación e do seu trato correcto.

- Outros asuntos:
- Proposta do BNG para que se realice unha beirarrúa na estrada da Graña ao seu paso por Carreira.
- Proposta do BNG instar a un propietario a poder unha árbore que invade parte dunha beirarrúa nas Abesadas.
- Proposta do BNG para adecuar a praza do monumento a Adeje.
- Corrección de varios erros detectados no Orzamento de 2017. Aprobado por unanimidade
- Devolución da fianza a Xesús María Lixó Axeitos polo contrato de mantemento do alumeado público. Aprobado por unanimidade
- Licitación para a concesión de varios postos no mercado municipal. Aprobado por unanimidade
- Arranxo da rúa Agustín Fernández Oujo. Tamén se tivo en conta unha emenda do BNG a esta iniciativa para crear un aparcadoiro gratuíto nunha finca desta rúa. Aprobado por unanimidade
- Apoio á Plataforma Vítimas do Alvia 04155 e instar ao goberno do Estado a que se abra unha comisión de investigación sobre o sinistro para depurar responsabilidades políticas. Aprobado por unanimidade
- Cesión dunha parcela a Cruz Vermella para que se poida empregar para cultivos. Aprobado por unanimidade
- Canalización e mellora no firme do camiño da Muralla en Aguiño. Aprobado por unanimidade
- Deuse conta tamén da situación sobre os cheiros que afectan á veciñanza de Castiñeiras. Esa información pode consultarse aquí.

2 Comments on “Luces e sombras no pleno, ao remate ameazas”

  1. Bo dia, se podedes propoñer no vindeiro pleno o uso do parque de arborismo situado no parque de San Roque,penso que tivo unha boa acollida por parte da xente xoven cando funcionou e descoñello se ten trabas para poder poñelo en funcionamento otra vez,grazas

    1. Moitas grazas Manuel, tes toda a razón, desde o BNG estamos continuamente denunciando a falta de mantemento e o abandono das instalacións e obras que se realizan. Faremos algo ao respecto diso para que se poida empregar.
      Saúdos! 🙂

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *