O BNG esixe que a voceira do PP de Ribeira pida desculpas por poñer en dúbida aos traballadores de EXOGA

O Bloque Nacionalista Galego foi notificado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) de que a Xustiza acaba de darlle a razón ao cadro de persoal da empresa EXOGA. A xustiza declara improcedente os despedimentos executados pola empresa o pasado verán, condenando a readmisión e/ou indemnización dos mesmos. Os despedimentos foron a represalia que a empresa tivo contra aqueles que denunciaron o impago dos salarios.

Tras esta boa nova para os traballadores, o BNG de Ribera esixe unha rectificación por parte da voceira do PP, Herminia Pouso Maneiro, xa que puxo en dúbida a profesionalidade dos traballadores que naquel momento estaban realizando a obra da rúa Francisco Lorenzo Mariño.

A pesar de que a edil popular sabía que a empresa recibía os pagos por parte da Deputación da Coruña cuestionou a profesionalidade dos empregados de EXOGA e de maneira belixerante, no transcurso da sesión plenaria realizada o 13 de outubro de 2016, dixo que “os traballadores non poden estar facendo folga de brazos caídos a unha empresa que ten dificultades económicas”.

O edil do BNG que defendu a moción aprobada por unanimidade naquel momento, Luís Pérez Barral, pregúntase “será a señora Pouso capaz de pedir perdón ou seguirá amparando a actuación dunha empresa que se demostrou como incumpría a lexislación laboral?

O BNG tamén recrimina que a voceira do Partido Popular dixese que o BNG presentaba esa proposta no pleno “para quedar ben coa CIG”. En verbas do concelleiro nacionalista Pérez Barral “a resolución xudicial demostra que o BNG traballou para que se rematase cunha inxustiza, estivo sempre a carón dos traballadores e contribuímos para que a resolución da causa fose a favor do persoal mentres que o PP se puxo do lado dunha empresa incumpridora”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *