O BNG interésase na Deputación pola obra Fr. Lorenzo Mariño fronte o desleixo do goberno local

O BNG de Ribeira a través do seu voceiro, Xosé Vázquez Cobas, interesouse polo atraso no remate da obra de mellora da seguridade viaria na Rúa Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, ante o desleixo e o esquecemento do goberno municipal.
O BNG confirmou, grazas ao persoal técnico da Deputación, que o retraso desta obra débese a que a empresa ten con problemas de solvencia. Esta situación xa fora levada polo BNG ao pleno de outubro onde se aprobara de maneira unánime apoiar a situación do cadro de traballadores de EXOGA, que non estaban cobrando a pesar de que a Deputación da Coruña lle efectuaba os ingresos correspondentes á empresa.

Puidemos saber que desde a Deputación da Coruña están tratando de evitar que haxa que resolver o contrato con esta empresa, xa que suporía alargarse no tempo ao seren procesos complexos e lentos. Trátase polo tanto de que se remate o tapado das gabias que quedaban pendentes da obra do ensanchado que houbo que facer a maiores por problemas na rede de suministros.

Finalmente desde o BNG trasladouse a necesidade de finalizar esta obra canto antes, xa que lles causa problemas a veciños e comercios. Tamén se lamentou que teña que ser o BNG quen faga as xestións oportunas cando debería ser o goberno municipal quen se interesara por esta problemática.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *