O BNG advirte de posibles irregularidades nas probas de acceso á policía local

O Concello de Ribeira realizou no mes de febreiro as probas de selección de persoal para ocupar 12 postos de auxiliares de policía local cos que paliar, de maneira temporal, a falta de persoal neste corpo de seguridade.

En relación ás probas de selección, ao BNG de Ribeira chegoulle a queixa de que, concretamente, a proba escrita deste proceso estaba en castelán e que algunha das persoas solicitantes requeriu realizar a proba en galego. Esta petición foi denegada e non se lle facilitou a proba en lingua galega.

Este feito, de ser certo, estaría a supoñer unha grave situación de discriminación lingüística e unha vulneración de dereitos fundamentais, posto que o artigo seis da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística di:


1. Os cidadáns teñen dereito ó uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.
2. As actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada.
3. Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.


O BNG ribeirense xa rexistrara no mes de novembro de 2016 unha iniciativa solicitando que a Policía Local tivese a lingua galega como lingua vehicular para dar un cumprimento efectivo do artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Galiza e do apartado de administración local do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Ademais entendemos que se o Concello de Ribeira emprega o galego como lingua vehicular e habitual da administración tamén debe facelo a policía local que actualmente non a emprega nunca.

Nesa iniciativa recomendábase unha estratexia que se denomina oferta positiva, consistente na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración, neste caso un policía e o ou a cidadá. Coa oferta positiva desinhibimos o galego do interlocutor, permite que o galego saia da ocultación e facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o veciño ou veciña o desexa, eliminando a barreira rutineira pola que un veciño ou veciña lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder ou autoridade. Está na nosa man promover e fomentar o noso idioma, entendemos que lingua vehicular da Policía Local debe ser a mesma que a que emprega o Concello de Ribeira que é o galego.

En relación ao asunto desta inicitiva, o concelleiro Luís Pérez en nome do BNG require a seguinte información:
A) Solicitamos ver unha copia do exame que realizaron as persoas aspirantes aos postos de auxiliar de policía local.
B) 
É certo que só había exame en castelán?
C) Que persoas conformaban o tribunal cualificador nas probas de selección de 12 auxiliares de policía local de Ribeira?
D) É coñecedor o goberno municipal de se houbo persoas que pediron realizar o exame en lingua galega e se lle negou esta opción?
E) De ser certo, que medidas pensa tomar o goberno municipal para evitar este tipo de acontecementos?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *