Xuntanza ante os problemas coa EDAR no Concello de Ribeira

O BNG, a través do seu concelleiro Luís Pérez Barral, participou da xuntanza que houbo onte no Concello de Ribeira entre as representantes da plataforma afectadas pola EDAR de Ribeira, a conselleira de Medio Ambiente, o director de Augas de Galiza e a directora de Acuaes.

Os membros da plataforma detallaron as incidencias e problemas que levan soportando desde agosto (cheiros, desbordamentos, verteduras, etc). Comentouse que nun primeiro momento había tubaxes que vertían augas fecais que non estaban conectados á rede, como o da praia dos Mosqueiros, denunciado polo BNG, e polos que se procedeu a conectar este punto de vertedura coa rede xeral de saneamento.

Falouse das verteduras que se producen no río Listres, feito ante o cal os representantes da administración local e galega, comprometéronse a solucionar sellando o aliviadoiro antigo polo cal se poden producir verteduras e alongar o novo para que non fique na praia.

O persoal técnico detallou algunhas das causas polas que se poden estar a producir os cheiros; presenza de augas residuais de industrias e as filtracións de auga salgada. Ante isto, comprometéronse a buscar solucións para evitar que se coe auga salgada da rede de sumidoiros e facer que as augas residuais sexan depuradas en orixe.

En relación a isto último, a conselleira de Medio Ambiente comprometeuse, xunto co Concello de Ribeira, a vixiar os parámetros de vertedura e a depuración das augas industriais para que as industrias depuren correctamente os residuos.

Informouse que desde hai uns cantos días, xa se envían os residuos de Ribeira e Palmeira cara a EDAR que estiveron temporalmente desviados ao Touro.

Acordouse realizar unha nova xuntanza a finais de abril ou a comezos de maio para falar da diagnose que está a realizar o persoal técnico para procurar unha solución. Nese momento mirarase sese poden facer actuacións que minimicen os problemas ou se hai que facer algunha actuación de maior calado.

Por parte do BNG, pedímoslle ás diferentes administracións que mantivesen informada á veciñanza dos pasos que se van producindo mediante a páxina web, bandos municipais e xuntanzas con representantes da EDAR.

O compromiso do BNG é que o sistema de depuración funcione correctamente sen causar molestias á veciñanza, polo que tal e como dixemos en reitaradas ocasións, non queremos que se recepcione a obra até que todo funcione correctamente.

Neste senso, tal e como levamos facendo, o BNG seguirá reclamando información periódica sobre as actuacións que se van realizando.

Imaxe: Carmela Queijeiro – La Voz de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *