Veciñanza de Aguiño solicítalle ao BNG melloras en seguridade viaria

O BNG prosegue coa campaña de participación veciñal Parroquias con Voz, onde o grupo municipal nacionalista visita as parroquias para escoitar e recoller as demandas da veciñanza. Estas demandas serán trasladadas ao Concello de Ribeira para que sexan incorporadas ao Orzamento de 2017. Deste xeito a veciñanza vai poder condicionar parte dese Orzamento e protagonista na toma de decisións políticas. O BNG estivo na parroquia de Aguiño.

5ª xuntanza, Aguiño

As veciñas e veciños de Aguiño que se achegaron á xuntanza trasladáronlle aos concelleiros nacionalistas a necesidade de ampliar o programa de Axuda no Fogar xa que, houbo varias persoas que estaban en lista de agarda. Ante esta demanda o BNG proporá aumentar a partida destinada a este fin no Orzamento de 2017.

Na xuntanza tamén se falou da necesidade de que se asfalte a estrada Francisco Lorenzo Mariño xa que a súa situación actual supón un risco para a seguridade dos vehículos que transiten por ela. Nesta mesma materia tratouse de que hai que tomar medidas para calmar o tráfico e reducir a velocidade da rúa Castelao, xa que na actualidade os vehículos transitan a unha elevada velocidade co conseguinte perigo para as persoas que empregan a casa da cultura, o auditorio e os campos de fútbol, nomeadamente mozas e mozos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *