A peonalización de Ribeira terá pegada do BNG

A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego de Ribeira considera positivas as achegas propostas polo grupo municipal do BNG no concello para comezar un proceso de peonalización do centro urbano de Ribeira.

Desde o BNG entendemos que é unha aposta de futuro camiñar no aumento das rúas peonís de Ribeira, pois cremos que existen beneficios sociais e económicos evidentes. As zonas peonís teñen máis dinamismo o que favorece o comercio local, maior calidade de vida ao crearse grandes espazos para uso e desfrute da veciñanza e mellora da saúde ao promover os desprazamentos a pé e en bicicleta ou a mellora da calidade ambiental ao reducir a contaminación producida polos vehículos.

Consideramos que o proceso de peonalización que se vai emprender en Ribeira, ten unha fonda pegada do BNG. Esta formación política ten como un dos seus emblemas as peonalizacións, cuxo máximo expoñente é a cidade multipremiada de Pontevedra. Seguindo este modelo o BNG de Ribeira propuxo medidas que serán tidas en conta; rúas a 30km/h para un tráfico calmado no centro da vila, plataforma única para facilitar a accesibilidade universal e a plantación de árbores.

As rúas que se peonalizarán en 2017 son o comezo dun proceso de peonalización que, sen dúbida, redundará positivamente na veciñanza, no comercio local e no modelo de cidade que pretendemos construír desde o BNG, unha cidade pensada para as persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *