O BNG interésase polas demandas da veciñanza de Palmeira

O BNG segue coa súa campaña de participación veciñal Parroquias con Voz, onde o grupo municipal nacionalista escoita directamente as demandas da veciñanza de cada parroquia para que esta sexa protagonista na toma de decisións políticas e tamén de cara o Orzamento de 2017. Esta semana os concelleiros e concelleira do BNG ribeirense estiveron na parroquia de Palmeira para tomar nota das demandas das veciñas e veciños.

2ª asemblea, Palmeira

Na xuntanza-café que decorreu nun ambiente distendido na Casa do Mar, os edís do BNG recolleron demandas como a necesidade de pavimentación de diversos lugares, entre eles os accesos á praia da Corna, falta de limpeza e mantemento na zona do Miñoteiro, no parque de arriba e tamén dalgunhas fincas particulares que están “a monte” o que pode ocasionar riscos de lumes forestais no verán.
Por outra banda houbo queixas pola escaseza de iluminación e a penumbra que existe nalgunhas zonas onde se quitaron puntos de luz e tamén sobre a falta de accesibilidade dalgunhas beirarrúas.
Todas esta demandas foron recollidas polo BNG na súa campaña Parroquias con Voz e seranlle trasladadas ao Concello de Ribeira para que subsane estas deficiencias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *