O BNG oponse ao apagado dos controis de acceso á rúa peonil

Os concelleiros Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral diante do sistema de control de acceso á rúa peonil de Galicia. RibeiraO Bloque Nacionalista Galego de Ribeira coñecía, a través dos medios de comunicación, as intencións do goberno local de non poñer en funcionamento o sistema de control de acceso á rúa peonil de Galiza alegando que non existe necesidade do dito sistema. Lonxe da realidade, “non é inusual ver vehículos estacionados dentro da rúa peonil, nomeadamente entre a Praza de Compostela e o Museo Municipal, ou mesmo ver vehículos que saltan a prohibición de entrar na rúa peonil agás aqueles que accedan a garaxes, polo tanto o sistema que se instalou é necesario e debe poñerse en funcionamento” segundo comentou o edil Luís Pérez Barral.

Desde o BNG criticamos e calificamos de intolerábel a intención do goberno local de pretender deixar sen uso, e polo tanto inutilizado, un investimento de 81.000€ de cartos públicos – sufragados pola Deputación da Coruña – só para contentar a unhas poucas persoas críticas coa peonalización”. Os trámites de toda esta instalación comezaron en novembro de 2014 e foron demorándose cada vez máis até chegar ao punto actual. Desde esta formación xa avanzamos que non imos consentir esta mala praxe na xestión de fondos públicos.

Instamos ao goberno do Concello de Ribeira a que poña en funcionamento o sistema de control de acceso á rúa peonil de Galiza tan pronto como estea rematado, aumentando a seguridade das persoas que transitan pola rúa peonil e limitando o acceso a todas as persoas que non teñan permiso. No caso de que o goberno persistira na súa intención de manter o sistema de acceso apagado e sen uso, desde o Bloque informarase desta situación á Deputación da Coruña.

Por outra banda o voceiro nacionalista Xosé Vázquez Cobas foi claro e rotundo ante esta situación “queremos poñer en coñecemento do goberno local de que as cousas deben facerse ben e con criterio, coa participación dos grupos políticos e sen apaños nin improvisación, polo que de ser esta a actitude que vai imperar de cara plans futuros, o BNG ribeirense verase na obriga de repensar a súa postura”.

Por último, comunicamos que o BNG traballará na mellora da cidade gañando espazos para as persoas en detrimento dos vehículos porque redundará na calidade ambiental ao haber menos ruído e menos contaminación, aumentará a calidade de vida ao facer unha cidade máis accesíbel con hábitos de vida máis saudábeis e unha cidade viva e dinámica onde as persoas desfruten das súas prazas, rúas e comercios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *