Aprobadas todas as iniciativas do BNG en seguridade viaria

Resumo dos temas debatidos no pleno do mes de novembro de 2016.

- Transferencia á Xunta de Galiza e gratuidade da AP-9: o concelleiro Luís Pérez Barral presentou unha iniciativa destinada a que o Concello de Ribeira se posicione a favor do traspaso da autoestrada do Estado a Galiza. Coa aprobación desta iniciativa, apóiase a proposta do BNG aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza na IX lexislatura.

Grupo Municipal do BNG Ribeira. Imaxe: Marcos Creo La Voz de GaliciaA concesionaria recada 300.000€/diarios en peaxes, na súa historia leva recadados 2.200 millóns de € sen que isto repercuta nunha mellora no mantemento e seguridade. Mentres os galegos e galegas temos os salarios máis baixos do Estado temos que pagar a autoestrada máis cara, todo isto mentres o goberno do PP pretende rescatar as ruinosas radiais madrileñas. Desde o BNG entendemos que este agravio non pode continuar até 2048 ano ao que o último goberno de Aznar lle ampliou a concesión.

Consulta a proposición completa aquí: Transferencia e gratuidade da AP-9
A iniciativa foi aprobada polos votos a favor de BNG, PP, PSOE, IPR e edís non adscritos, abstención de C’s

- Creación dunha plataforma de madeira pola estrada do miradoiro da lagoa de Vixán: o concelleiro Xosé Antonio Vázquez Cobas defendeu a necesidade de crear unha senda de madeira na estrada DP-7306 de Carreira á Graña, xa que esta estrada carece de beirarrúas. O propósito desta iniciativa é mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e minimizar o risco para as persoas que transitan por esta zona.
Alén da iniciativa do BNG aprobouse unha emenda na que se insta á dirección do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán para que complete a ruta de sendeirismo que descorre polo campo de Trumiáns en Artes. Aprobado por unanimidade

- Limpeza do pombal de Palmeira: a concelleira nacionalista Pilar Sampedro Laranga, solicitou do goberno local unha limpeza e adecuación deste ben patrimonial situado na horta do crego de Palmeira onde hai un colchón e lixo.

- Melloras da seguridade viaria en Palmeira: a edil Sampedro Laranga tamén solicitou en nome do Bloque que se revise a iluminación no entorno do paso de peóns diante do edificio salmón onde era a antiga fábrica de Baquero xa que pola noite é unha zona mal iluminada e que pon en perigo ás persoas que desexan atravesar a estrada por este paso de peóns. Do mesmo xeito solicitou a instalación dun espello no cruce que vai da praia da Insuela e o hotel Riazor xa que é un cruce carente de visibilidade.

- Limpeza e maior vixilancia para o entorno de Fafián: o edil Luís Pérez Barral explicou que a veciñanza que vive na zona de Fafián púxose en contacto co BNG para poñer en coñecemento as queixas sobre o lixo que se pode atopar nesta zona. Hai residuos de todo tipo, perigoso e non perigoso (xiringas, preservativos, botellas de plástico, papel de aluminio, etc).
Moito deste material é vertido, aparentemente, por toxicómanos/as que se inxectan drogas neste lugar, unha situación que produce intranquilidade na veciñanza, sobre todo porque existe un pequeno parque infantil na rúa Novoa Santos e travesía de Fafián.
Os feitos consideramos que se deberían poñer en coñecemento da Unidade de Atención a Drogodependentes (UAD) e que a policía local e nacional frecuentasen un pouco máis este barrio ribeirense, así como aumentar a limpeza e a vixilancia policial.

- Aprobación por unanimidade de todos os grupos dunha declaración institucional polo 25 de novembro Día Internacional da Eliminación da Violencia Machista.  Podes lela aquí: Declaración Institucional 25N

- Outros asuntos:

- Adaptación da lexislación vixente da Festa da Dorna como Festa de Interese Turístico de Galiza. Aprobado por unanimidade
- Expediente de modificación de crédito para poder pagar a multa de 206,535€ aos bateeiros que se viron afectados por un foco de contaminación provocado pola rotura do emisario de augas residuais do Touro. O Concello de Ribeira intentará pasarlle o importe desta factura á concesionaria que leva o servizo de auga. Votos a favor de PP, PSOE, IPR, C’s e edís non adscritos/as e abstención do BNG.
- Adhesión do Concello de Ribeira á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Esta medida ten como obxectivo delegar as competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística a esta axencia da Xunta. Votos a favor de PP, BNG, PSOE, IPR e 2 edís non adscritos, abstención de C’s e 1 edil non adscrito.
- Melloras en materia de accesibilidade no barrio das Abesadas. Aprobado por unanimidade
- Adhesión do Concello de Ribeira ao programa “Emprende en 3” para facilitar a comunicación telemática das empresas coas institucións do Estado. Aprobado por unanimidade
- Aprobación dunha subvención de 5.000€ á asociación de empresarias/os de Ribeira para a realización dunha campaña de nadal. Aprobado por unanimidade – Acordo para reunirse o concelleiro encargado do alumeado público e os grupos políticos para debater posíbeis melloras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *