O BNG propón que a Policía Local aplique a oferta positiva en galego

O concelleiro Luís Pérez Barral, levará unha iniciativa ao Concello para que a Policía Local teña o galego como lingua vehicularUnha das tarefas que realiza a Policía Local ribeirense con certa asiduidade é a comunicación dos cortes viarios, desvíos provisionais, prohibicións temporais, etc.
Desde o BNG somos coñecedoras/es de primeira man de que esta comunicación realízase en castelán de maneira sistemática. Isto non supón ningún problema nin ilegalidade mais desde esta formación política entendemos que debería facerse en galego polos seguintes motivos:

A) Para dar cumprimento efectivo ao artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Galiza onde se di de maneira textual:

Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento

B) Para dar cumprimento efectivo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente polo Parlamento de Galiza no ano 2004. Dentro da área da administración local recóllese:

1.2.3. Establecer que todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (ofi cinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radios municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita

Alén do exposto, debemos promover un uso normalizado da lingua propia de Galiza en tódolos ámbitos e sobre todo naqueles onde o galego aínda está pouco presente como poden ser os corpos e forzas de seguridade, administración de xustiza, etc. Unha boa medida sería empregar o que se denomina oferta positiva. Consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración, neste caso un policía e o ou a cidadá. Coa oferta positiva desinhibimos o galego do interlocutor, permite que o galego saia da ocultación e facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o veciñou ou veciña o desexa, eliminando a barreira rutineira pola que un veciño ou veciña lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder ou autoridade. Está na nosa man promover e fomentar o noso idioma, entendemos que lingua vehicular da Policía Local debe ser a mesma que a que emprega o Concello de Ribeira que é o galego.

Xa que logo, ante o anteriormente exposto, solicito en nome do BNG:

Que a Policía Local de Ribeira empregue o galego como lingua vehicular nas súas comunicacións coa veciñanza (tanto verbais como escritas) sen prexuízo de que empregue o castelán naquelas situacións nas que sexa requerido.

Vídeo: O BNG propón que a policía local empregue o galego como lingua vehicular

One Comment on “O BNG propón que a Policía Local aplique a oferta positiva en galego”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *