BNG e IPR propoñen 24 de xullo e martes de entroido como festivos locais

A data do 27 de xullo de 2015 foi a dun día histórico para o Concello de Ribeira e a súa veciñanza. Tras máis de 20 anos de clamor popular, a Corporación Municipal aprobou declarar a partir de 2016 e de xeito permanente, agás que sexa domingo, o 24 de xullo, Día da Dorna, festivo local”. Esta moción presentada polo BNG contou cos votos favorables dos grupos municipais de IPR, C’s, PSOE e cos votos en contra do PP.

Trala declaración do 24 de xullo como festividade local, aínda queda un festivo local máis por asignar e a proposta do goberno municipal é concederllo ao día de Santa Uxía. Desde o BNG e IPR consideramos que a declaración de Santa Uxía como festivo e non o martes de entroido como é habitual provocará un grande prexuízo na hostalaría e comercio local ribeirense.

A proposta alternativa que presentamos conxuntamente o BNG e IPR é a de declararmos festividades locais o 24 de xullo, Día da Festa da Dorna e o martes de entroido. Os motivos desta escolla son evidentes; a Festa da Dorna é o maior festexo do municipio e cunha relevancia internacional, no que ademais de participar atrae a milleiros de persoas. Con respecto ao martes de entroido, debemos destacar que é unha data especial para moitas crianzas, pais e nais e unha multitude de asociacións e colectivos que celebran as murgas e participan do entroido dunha maneira moi relevante.

Ademais da grande participación social, é unha celebración consolidada desde hai 38 anos como un día de festexo na nosa vila, que conta cunha importacia a nivel comarcal e que provoca que centos de persoas da Barbanza se acheguen ata Ribeira durante as festas do entroido. A nivel económico o entroido supón unha oportunidade de traballo para as persoas que traballan na hostalaría ribeirense xa que achega unha boa parte da facturación anual.

Con respecto ao día de Santa Uxía, propoñemos que sexa honrada como patroa da cidade cos actos que se consideren necesarios no propio día, mais sen que sexa festivo. As festas populares e as orquestras poderían trasladarse á fin de semana, conseguindo así, un maior desfrute por parte dos veciños e veciñas.

Esta proposta, entendemos, tería máis aproveitamento social para a veciñanza que podería desfrutar moito máis as tres festas e tamén implicaría un maior rendemento para os cuantiosos investimentos que fai o concello nas distintas celebracións, o que provocaría un impacto positivo no comercio e hostalaría.

Ante todo isto, o BNG e IPR propoñemos:

Que o Concello de Ribeira declare como festivos locais o 24 de xullo, Día da Festa da Dorna e o martes de entroido.

Que as festas de Sta. Uxía se celebren na segunda fin de semana de setembro para que poidan ser máis desfrutadas e participadas pola veciñanza de Ribeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *