O traballo do BNG provoca un xiro social no Orzamento de Ribeira

O traballo do BNG provoca un xiro social ao Orzamento de Ribeira. Imaxe: Xoel CruxeirasA veciñanza do Concello de Ribeira tras máis de 20 anos de mandatos do Partido Popular, decidiu que houbese un goberno en minoría, onde o traballo e consenso dos grupos municipais fose determinante para poder sacar proxectos adiante.

Neste sentido, o BNG sempre tivo unhas liñas vermellas claras. Reiteradamente repetimos que se non se cumprían estes requisitos non se apoiaría o Orzamento nin ningún outro proxecto. Esas liñas vermellas podemos resumilas en tres:

A) Aumento do investimento de servizos sociais e en emerxencia social.
B) Mellora na transperencia e participación, tanto dos grupos políticos como da veciñanza na toma de decisións.
C) Redución de impostos e taxas para facilitar a vida das persoas que máis sofren a crise económica.

A falta de maioría absoluta, diversos factores sociais e o intenso traballo realizado polo grupo municipal nacionalista, propician que o Orzamento do 2016 sufra profundos cambios, xa que logo o Orzamento de 2016 non é só do Partido Popular, senón que é o Orzamento de todo o Concello Ribeira.

Moitas das demandas efectuadas polo BNG vense cumpridas ao conseguir que se recollan neste Orzamento un bo número delas, para exemplificar aí van algúns datos:

A contía total de Servizos Sociais é de 1.700.000€, 404.000€ máis que en 2015, só axuda no fogar conta con 100.000€ máis que no ano anterior. A reivindicación anual do BNG de crear un fondo de emerxencia social vese cumprida ao contempal 90.000€.

O BNG ten loitado para que as persoas que ingresan a Renda de Inserción Social de Galiza (RISGa) teñan unha redución no imposto de lixo e auga que a partir deste ano é do 50%.

Contémplase a nosa proposta de reducir o imposto de circulación (imposto vehículos tracción mecánica) e bonificacións e fraccionamento nos pagos doutras taxas.

As subvencións e achegas que se lle fan a asociacións culturias e deportivas increméntase de xeito considerábel. Destacamos que o noso traballo en colaboración coa Confraría da Dorna permite incrementar a súa achega até os 27.000€, algo de xustiza para o maior festexo da nosa cidade, a Festa da Dorna.

No apartado de investimento, as obras esixidas polo Bloque son as que levan as maiores partidas orzamentarias, tales como:

O campo de fútbol de Carreira conta cunha consigna de 263.000€ e o remate do Centro Social da mesma parroquia ten 266.000€.

Melloras en accesibilidade por valor de 100.000€ para erradicar barreiras arquitectónicas e facer unha cidade máis igualitaria.

Malia que resta moito por facer en temas de transparencia e participación xa se ten andado un importante camiño, algo que o BNG conseguiu aprobando medidas como o regulamento de participación veciñal, o rexistro de bens locais e agasallos ou a retransmisión e gravación das sesións plenarias.

Finalmente o cambio no goberno da Deputación da Coruña fixo que conseguíramos atraer máis financiamento para Ribeira, tanto é así que a institución provincial convertiuse na institución que que máis fondos achega ao Orzamento ribeirense.

Todas estas razóns fan que o BNG non vaia impedir que se leven a cabo políticas que consideramos serán beneficiosas para a xente. Sentímonos orgullosas e orgullosos de ter propiciado un cambio na política local, de que o Orzamento leve moita pegada das propostas do BNG e de virar a atención cara as necesidades das persoas. Este Orzamento remata coa era dos Orzamentos centrados no asfalto e o cemento, poñendo a súa atención nas persoas e as súas necesidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *