O BNG logra un concello máis transparente, nun pleno no que aproba todas as iniciativas

O BNG coa Revolução dos Cravos- Rexistro e regulamento sobre agasallos e doazóns: “Os veciños e veciñas do Concello de Ribeira deben ter nos seus cargos públicos e nas administracións públicas un espello de responsabilidade, austeridade e honestidade” segundo o voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas. Tendo como base estes principios estamos seguros e seguras de que se reforzará a confianza na integridade, obxectividade e imparcialidade das institucións públicas. Desde o BNG seguimos traballando na mellora da transparencia e cremos que a veciñanza debe coñecer que doazóns recibe o concello por seren propiedade de toda a veciñanza do municipio. A creación dun rexistro público suporá mellorar a transparencia e a loita contra posíbeis casos de corrupción. Cremos que debe existir un maior control e transparencia tamén sobre os agasallos que reciben os concelleiros e concelleiras. Esta transparencia e control será un xermolo para evitar suspicacias e xerará maior seguridade na custodia daqueles que, polas súas características, pasen a formar parte do patrimonio municipal. Do mesmo xeito contribuirá a evitar “perdas” de patrimonio público como a do traxe de gala tradicional galego que fora doado ao concello sen que se coñeza o seu paradoiro.

O BNG conseguiu o apoio unánime da Corporación Municipal para elaborar un regulamento de agasallos e doazóns, así como facer un rexistro público e accesíbel na web municipal.

- Paso seguro para a senda fluvial do río Artes: O paseo do río Artes discorre por un longo treito entre as parroquias de Artes e Oleiros, nesta última parroquia no lugar da Gándara o paseo interrómpese pola estrada AC-550. Neste punto non existen beirarrúas nin paso de peóns habilitado para atravesar a estrada que ten un elevado tránsito de vehículos a unha limitación de velocidade considerábel (70km/h). Se os e as camiñantes que van polo paseo dirección Oleiros desexan atravesar a estrada atópanse que deben discorrer por ela uns cantos metros en dirección Ribeira para poder salvar a varanda de protección.

O paso fluvial neste punto tamén carece de sinais adecuados cos que informar ás persoas camiñantes por onde deben continuar o seu camiño ben sexa dirección Artes, ben sexa dirección Oleiros.
Segundo o edil, Luís Pérez Barral ” é
 imprescindíbel dotar de beirarrúas neste treito ante o perigo que presenta para os peóns camiñar por unha estrada na que se pode circular a unha elevada velocidade”.

O BNG acadou o apoio unánime para facer 2 pasos soterrados no paseo fluvial do río Artes coas que mellorar a seguridade viaria e tamén mellorar a accesibilidade do paseo, cun novo firme.

Estación de Cangas, modelo que o BNG propón imitar. Foto: Faro de Vigo- Proposta sobre a construción dunha estación de autobuses: a raíz dunha moción (c’s) debatida na sesión plenaria, o BNG fixo a súa valoración e entende que en Ribeira é preciso mellorar o transporte colectivo e as infraestruturas relacionadas el, débese vertebrar o municipio e facilitar a comunicación entre parroquias para reducir o uso do vehículo particular. Foi o BNG o primeiro partido en solicitar a construción dunha estación de autobuses na época en que o noso benquerido compañeiro Plácido Betanzos era voceiro municipal. Tras máis de dúas décadas o PP foi incapaz de facer unha estación, demostrando a súa falla de modelo e de planificación da cidade, o modelo do PP é facer crecer a cidade sen servizos e infraestruturas públicas acordes á poboación.

O BNG propón unha estación intermodal para Ribeira, que contemple unifique o uso do transporte por estrada de autobuses e un futuro transporte marítimo que comunique a comarca da Barbanza coa outra beira da ría de Arousa, semellante ao modelo doutras vilas como Cangas do Morrazo.
O goberno comprometeuse a facer realidade esta decisión e contémplanse ubicala na zona que actualmente ocupan os redeiros nas Carolinas ou ben na zona portuaria diante do Mercado Muncipal.
Esta proposta foi aprobada por unanimidade

Outras temas:

- Mellora do acceso ao Hospital e aumentar os estacionamentos. Aprobado por unanimidade
- Celebrar o centenario das Irmandades da Fala. Aprobado por unanimidade
- Aumentar a limpeza do local de ensaio. Aprobado por unanimidade
- Melloras no barrio de Churriana. Aprobado por unanimidade
- Modificación da Ordenanza do Viveiro de Empresas para que ocupen esta instalación empresas consitutuídas de non máis de 24 meses. Aprobado por unanimidade
- Aumentar a limpeza do barrio do Cochón.
- Traslado duns contedores na Av. da Coruña para mellorar a visibilidade
- Dar conta á Deputación da Coruña para que pinte a estrada Carreira-Xarás

Lembra que podes consultar todas estas iniciativas ao completo no apartado de “transparencia” da nosa web.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *