A Deputación da Coruña e Festa da Dorna estudan novas vías de colaboración

A responsábel da área de Cultura e vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, xunto coa de Servizos Sociais, Ánxela Franco, mantiveron unha reunión coa directiva da Festa da Dorna para estudar as novas propostas como o apoio á creación artística local ou as medidas para o coidado do medio ambiente.

Xuntanza Festa da Dorna, Deputación da Coruña e BNG RibeiraMalia longa trandición que ten, a Festa da Dorna está a introducir importantes cambios para se converter nunha conmemoración integradora e coidadosa co medio natural. As novidades que se están a introducir fóronlle transmitidas pola directiva da festa ás responsábeis da área de Cultura e Servizos Sociais, as nacionalistas Goretti Sanmartín e Ánxela Franco, nunha xuntanza que se desenvolveu en Ribeira á que asistiu o grupo municipal do BNG.

A directiva da Festa da Dorna transmitiu diversas liñas de traballo que están a desenvolver co fin de explorar novas vías de colaboración coa Deputación. En especial, fixeron fincapé na relevancia da celebración para a promoción turística, cultural e económica do concello. Entre outras, destacaron a promoción de artistas da comarca que integran desde hai anos o cartel da festa así como o seu carácter participativo, mobilizando mozas e mozos na súa organización. A visibilización das mulleres artistas é tamén un dos novos obxectivos da festa que, entre outras novas actuacións, organiza unha feira de artesanía.

Outra das novidades que sorprendeu polo seu resultado foi a conmemoración do “día multicultural”, unha xornada que nace con vontade de integrar a veciñanza de Ribeira de distintas procedencias a través da súa gastronomía e a súa cultura.

A Festa da Dorna está a conseguir tamén, segundo destacaron desde a directiva, unha importante redución de lixo, en especial polo control do uso do plástico. Tanto Goretti Sanmartín coma Ánxela Franco, atenderon as propostas da organización e explicaron as novas liñas de traballo da Deputación da Coruña, encamiñadas a primar os criterios obxectivos no reparto dos fondos públicos das distintas áreas e reducir as subvencións nominativas. Agárdase que poida haber novas vías de colaboración entre a institución e a festa ribeirense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *