PP e IPR deciden que Ribeira manteña 2 rúas e 2 fillos adoptivos franquistas

Nos últimos meses vense demostrando que IPR é a axudante ideal do PP. De maneira sistemática e regular está prestándolle o seu voto para que o alcalde Ruiz Rivas non perda as votacións. Isto evita que se adopten decisións valentes e diferentes para Ribeira.Grupo Municipal do BNG no Pleno Municipal Ribeira. Imaxe de arquivo. Fonte: La Voz de Galicia

Con esta moción conxunta do BNG, PSOE e C’s, os grupos recollían a petición da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMHB) da que forman parte historiadoras/es, veciñanza, vítimas…

Durante anos o PP gobernou Ribeira e sempre votou en contra de cumprir a lei da memoria histórica, e cando algo fixo, foi porque perderon a votación ou lles obrigou a xustiza, isto evidencia que nunca tivo vontade, o PP, de cumprir esta lei. O Partido Popular fala de abrir feridas, mais a ONU dixo que investigar ao franquismo non é outra cousa que indagar nas feridas que aínda están abertas para poder pechalas. Este mesmo organismo internacional lembra que o Estado español é o segundo do mundo con máis vítimas desaparecidas e que aínda non condenou aos represores.

A deputada e voceira do PP Herminia Pouso xustificou que foi falanxista e proclive ao réxime porque ”Miguel Rodríguez Bautista viviu na época que lle tocou vivir”. É indecente que se defenda esa postura cando na ditadura se cometeron crimes contra a humanidade, imperou a represión de todas aquelas persoas que non eran proclives ao réxime ditatorial, asasináronse a milleiros persoas de maneira cruel e moitas tiveron que exiliarse para salvar a vida. Isto é inxustificábel, así si, había xente que foi outra cousa, houbo moitas persoas que loitaron pola paz, a liberdade e a democracia.O ditador Franco acompañado de Miguel Rodríguez Bautista

Miguel Rodríguez Bautista foi posto a dedo polas autoridades do réxime ditatorial sendo alcalde durante 18 anos (os máis duros e represivos da ditadura) e asumiu a xefatura do partido fascista buscando ascenso social até chegar a ser procurador en Cortes de 1949 a 1959. Todo isto confirma a súa adhesión á ditadura e a todos os crimes que nela se cometeron, mais el miraba para outro lado. Demóstrase que empregou a institución para prestixiar a persoas proclives ao réxime ditatorial que cometeron crimes contra a humanidade alén do atraso ético, social, político e económico que sumiron ao Estado español durante 40 anos.

Diego Delicado (presidente da Deputación da Coruña) sen ter unha vinculación coa nosa cidade ten unha rúa en Ribeira grazas a que Rodríguez Bautista moveu fíos por intereses persoais. Os mesmos intereses levaron a M. Rodríguez Bautista a nomear fillos adoptivos de Ribeira a Fernando Suárez de Tanxil conde de Vallellano (alcalde de Madrid durante a ditadura de Primo de Rivera e ministro de Obras Públicas durante a ditadura franquista) e a José María Riveira de Aguilar (subsecretario do Ministerio de Obras Públicas da ditadura franquista).

O BNG entende que a honra de levar o nome dunha rúa correspóndelle a persoas que sexan admirábeis e salienten polo seu labor de concordia, exemplaridade e principios democráticos, Miguel Rodríguez Bautista non cumpre con estes requisitos. Proponse a figura de Xosé Neira Vilas, escritor galego universal e autor de Memorias dun neno labrego, artífice de unir xeracións durante anos arredor da nosa cultura e lingua foi galardoado e distinguido en numerosas ocasións, a derradeira foi a Medalla de ouro de Galiza 2015.

En canto á sentenza da xustiza, non prexulga a cuestión e di que a última palabra é a do pleno da Corporación Municipal, e iso fixeron BNG, PSOE e C’s, levar a cuestión ao órgano competente para o seu debate.
A proposta decaeu con 10 votos a favor de BNG, PSOE e C’s e 11 en contra de IPR e PP.

Moción completa: Moción memoria histórica

Outros temas debatidos:

- Aprobada a solicitude do BNG de instalar un sinal de stop en Aguiño no cruzamento entre rúa Listres e Castelao
- Aprobada a proposta do BNG de pintar a rotonda da est. de bus cando chegue o bo tempo
- Aprobada a propsota do BNG para  retirada do sebe da mediana da avenida das Carolinas para mellorar a visibilidade do paso de peóns que hai diante do comezo do paseo de Coroso
- Aprobada a solicitude do BNG que pedía establecer o dominio .gal como preferente
- Aprobación da ordenanza reguladora para instalación de ramplas en edificios e comercios que melloren a accesbilidade. Aprobada por unanimidade
- Convenio entre Deloa e Concello de Ribeira para mellorar a empregabilidade da mocidade. Aprobado por unanimidade
- Incautarase unha fianza de 60.000€ para facer melloras na Casa da Xuventude
- Proposta para mellorar a limpeza de solares. Aprobada por unanimidade
- Amaño estrada Laxes-Castiñeiras. Aprobado por unanimidade
- Proposta contra o acordo entre a UE-Turquía que trafica coas persoas refuxiadas por intereses económicos. Aprobado por unanimidade
- Cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. A favor BNG, PSOE, IPR e en contra PP, C’s

One Comment on “PP e IPR deciden que Ribeira manteña 2 rúas e 2 fillos adoptivos franquistas”

  1. Viuse nesta sesión plenaria que o franquismo foi máis forte que a democracia…
    Os votos do PP e os “progresistas” de IPR contra os votos de BNG, PSOE e C’s.
    Como ben dixo Castelao: “Moitas veces os mártires crean mundos que os herois nin tan siquera son capaces de concebir. E na Miña Terra complirase a vontade dos mártires.”
    Seguiremos na loita e na defensa das ideas da liberdade, democracia e paz para os pobos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *