O BNG esixe elementos de seguridade viaria nas Carolinas e en Xarás

Hai uns meses o BNG iniciou unha campaña específica para mellorar a seguridade viaria en Ribeira, tanto para peóns como para condutoras/es, entre as medidas que fomos reclamando están a dotación de beirarrúas en treitos de estrada que carecen delas, melloras no firme e na sinalización vertical como horizontal, etc.

As iniciativas que presentamos hoxe xorden a raíz de propostas que nos fixo chegar a veciñanza e que desde o BNG cremos que se deben levar adiante para evitarmos posíbeis sinistros. O edil Luís Pérez Barral levará a pleno estas cuestións:

Dotación de luces ou reflectores na rotonda das Carolinas:

O concelleiro Luís Pérez defenderá estas iniciativas no pleno de febreiro. BNG Ribeira

A recente construción da rotonda, que previsíbelmente mellorará a fluidez do tráfico rodado á nova lonxa de Ribeira, xa tivo o seu primeiro accidente. Ao BNG chegaron queixas sobre a mala visibilidade que hai desta nova construción polas noites e xa que logo, vemos que esta demanda ten unha sinxela solución.
A instalación dunhas pequenas luces similares ás da rotonda que dá acceso á avenida da Paz (Lidl) e/ou a instalación de reflectores no chan ao longo do seu perímetro contribuirían a mellorar a súa visibilidade e sirvirían como elemento de seguridade para evitar posíbeis sinistros. Esta medida podía ser extensíbel a todas as rotondas do municipio.

Paso de peóns na avenida de Ferrol, preto de Xarás:

A avenida de Ferrol supón un dos dous accesos a Ribeira polo que o volume de tráfico que rexistra é moi elevado. Hai tempo desapareceu o paso de peóns e a súa sinalización no comezo da estrada que se corresponde coa parte alta da avenida e coa zona máis próxima á rotonda que dá acceso á autovía da Barbanza.

Desde o BNG cremos que é necesario dotar a zona dun paso de peóns, que dea servizo ás vivendas que hai na marxe esquerda da estrada (se baixamos desde Xarás cara Ribeira). Actualmente esta banda da estrada carece de beirarrúas e non existe paso habilitado para acceder aos establecementos comerciais que hai na outra beirarrúa ou para ir ao supermercado.

Entendemos que este paso axudaría a mellorar a seguridade viaria para a veciñanza que reside na zona, evitando que se xoguen a vida cada vez que teñen que ir ao supermercado cruzando o acceso á autovía ou queren atravesar os carrís da avenida de Ferrol.

Consulta as solicitudes completas aquí: Solicitudes para mellorar a seguridade viaria

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *