O BNG rexeita os intentos de manipulación do goberno municipal de Ribeira

Desde o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Ribeira estamos asistindo abraiados ante as acusacións que se están facendo desde o grupo de goberno do Concello de Ribeira, empregando toda clase de estratexias co fin de connotar negativamente unha proposta do BNG presentada no último pleno.

Este goberno intenta perverter o sentido da nosa proposición para a creación dunha sala cultural no Museo Municipal de Ribeira, tentando inxerir na opinión pública que é unha vinganza do BNG contra Dona Magdalena Bringas, a quen respectamos como persoa, presidenta da Asociación de Amas de Casa de Ribeira e tamén como propietaria da colección de bonecas expostas na mencionada instalación pública. Entendemos que as declaracións da señora Bringas son influenciadas polo goberno para defender a súa posición inmobilista.

O BNG só traballa polo ben xeral e por intereses colectivos da veciñanza de Ribeira, xa que logo, non existen faltas de respecto cara a señora Bringas nin contra a súa colección de bonecas, todo o contrario, apreciamos a súa xenerosidade.

O sentido da moción responde ao sentir de boa parte da veciñanza ribeirense e dun bo número de artistas locais que están de acordo con dinamizar o edificio dotándoo dunha sala cultural de usos múltiples (actuación que non se pode facer sen o traslado da colección de bonecas a outro emprazamento adecuado) o que permita tirar un maior rendemento e dinamismo do propio museo aumentando deste xeito o número de visitantes.A vice-responsábel local Elvira Blanco e os edís Luís Pérez e Xosé Vázquez. Fonte: Chechu López

Non debemos deixar no esquecemento un edificio que lle custa a toda a veciñanza ribeirense 89.000€ segundo o orzamento do ano 2015 sen que apenas teña visitas.

Desde o grupo municipal do BNG tamén queremos rexeitar a manipulación do goberno de facer crer que a Corporación Municipal de Ribeira non pode mover as bonecas sen o consentimento da súa propietaria. Neste sentido comunicamos que xa esiximos copia do convenio subscrito entre o Concello de Ribeira e a señora Bringas do cal estamos á espera de que se nos facilite para o seu posterior estudo e revisión.

A proposta do BNG fíxose onde se debe facer, diante dos membros da Corporación Municipal. Lembremos que os cargos públicos da Corporación somos os representantes do pobo elixidos democraticamente e polo tanto, estamos lexitimados para gobernar e tomar decisións que preserven os bens e os intereses colectivos de toda a veciñanza por riba de calquera outro particular.

Comunicado do Grupo Municipal do BNG. Ribeira (Galiza) a 30 xaneiro do 2016 

One Comment on “O BNG rexeita os intentos de manipulación do goberno municipal de Ribeira”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *