O sector do mar gaña a batalla contra a lei de acuicultura no Concello de Ribeira

Aquí un breve resumo do acontecido no Pleno Municipal de Ribeira do mes de xaneiro.Concelleiros do BNG falando antes de que comece o pleno de Ribeira. Fonte: Carmela Queijeiro. La Voz de Galicia

- Moción do BNG esixindo a retirada do anteproxecto de lei de acuicultura: a concelleira e mariscadora Pilar Sampedro fixo un gran traballo describindo as nefastas consecuencias que suporía a entrada en vigor dunha lei feita de costas ao sector do mar. Uns exemplos:

Forma en cuberta de beneficiar a empresas multinacionais en detrimento dunha forma de explotación dos recursos propios de xeito artesanal e colectivo.

As empresas tomarán posesión mediante negociacións forzosas e indemnizacións ridículas, e iso nos casos en onde haxa indemnizacións, porque tamén se podería expropiar.

33.000 postos de traballo en risco no país e os empregos creados pola acuicultura sería só un 2% dos destruídos

A degradación do medio mariño (sedimentos, peixes mortos, químicos, antibióticos…) con estudos ao respecto que se informa que tanto en salubridade como ecoloxicamente tería un impacto negativo (cadea multitrófica ou un mínimo respecto por Rede Natura e outros espazos de interese paisaxístico e ecolóxico por poñer exemplos).

Malia todas estas explicacións, o Partido Popular e o alcalde de Ribeira negaron o seu apoio a todos os traballadores e traballadoras que viven do mar.
A proposta foi aprobada entre aplausos e ledicia cos votos a favor de BNG, PSOE, C’s e IPR

Proposta completa: Retirada do anteproxecto de lei de acuicultura e participación do sector

A vice-responsábel local Elvira Blanco e os edís Luís Pérez e Xosé Vázquez diante do Museo Municipal. Fonte: Chechu López

- Moción do BNG para a creación dunha sala cultural e dinamización do museo municipal: unha proposta consensuada con artistas locais e que tiña como finalidade a creación dunha sala polivalente de uso cultural, coa que contribuiríamos a dinamizar un museo que hoxe non conta con ningún elemento que sexa foco de atracción nin ten un horario axeitado, para conseguir tal sala propoñíase o traslado da colección privada de bonecas. Aclaramos que o BNG non está en contra desta colección mais si propoñemos un traslado co fin de darlle maior protagonismo a este edificio público.

O goberno ribeirense dixo que non podían facer nada sen contar co visto e prace da propietaria da colección privada de bonecas, ante o que o nacionalista Pérez Barral retrucou “parece mentira que a Corporación Municipal elixida democraticamente polo pobo, estando lexitimada para tomar decisións e gobernar, non poida habilitar unha sala cultural nun edificio público por ter unha mostra privada”.
Alén disto había unha segunda proposta que era a de que o departamento de cultura convocase xuntanzas trimestrais abertas para que exista unha maior participación do sector cultural.

A primeira proposta contou co voto a favor do BNG, abstencións de PSOE, e un edil de IPR, os votos en contra do PP, C’s e unha edil de IPR. A segunda proposta foi aprobada por unanimidade.

Proposta completa: Creación dunha sala cultural no museo municipal de Ribeira

- Solicitude do BNG para a aldea de San Pedro: o vial que vai desde a aldea de San Pedro até a subestación de Fenosa de Palmeira carece de beiravías e ten unhas cunetas moi profundas polo que pedimos o seu entubado. Proposta completa: Solicitude aldea San Pedro

- Solicitude do BNG para a Rúa do Norte de Palmeira: nos días de moita chuvia prodúcense desbordamentos causando problemas de asolagamentos en varias casas polo que demandamos que os servizos técnicos estuden unha proposta para rematar cos desbordamentos de auga que existen en dita rúa. Proposta completa: Solicitude Rúa do Norte

- Outros asuntos:

- Aprobación da ordenanza do viveiro de empresas para emprendedoras/es. Un despacho será de 75€/mes. Aprobado por unanimidade
- Que o Concello de Ribeira solicite a limpeza dos ríos preservando o medio natural. Aprobada por unanimidade
- Proposta para que se lle esixa ás empresas a retirada de carteis de obra unha vez finalizadas. Aprobado por unanimidade
- Arranxo da pista deportiva da Tasca de Aguiño, xa solicitado polo BNG en outubro
- Información sobre a vertedura de augas residuais nas rúas Carolinas e Asteleiro. Aprobación dun amaño para esta última

Fotos: Carmela Queijeiro (La Voz de Galicia) e Chechu López

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *