O BNG propón crear unha nova sala cultural trasladando as bonecas do museo municipal

Galiza conta cun pobo con grande talento cultural, vivimos nunha nación con cultura e lingua propias, un país onde a creación cultural no seu sentido máis amplo, abrangue todos os estilos, artes e medios. A bisbarra da Barbanza e o Concello de Ribeira non son alleos a isto e podémolo comprobar na creación musical, ou na existencia de artistas consolidadas e consolidados en diversos estilos como poden ser debuxo, pintura, escultura, fotografía, etc.Os concelleiros Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral e a vice-responsábel do BNG no Museo Municipal Ribeira.

No sector cultural da arte plástica concretamente, o Concello de Ribeira deu un grande salto cualitativo ao acoller desde 2001 o Museo do Gravado de Artes, museo de interese cultural de ámbito estatal e nacional galego cunha importante colección. Alén doturas achegas recibe anualmente 29.000€ das arcas municipais.

No 2013 inaugurábamos o Centro Cultural Lustres Rivas, que alberga o departamento de cultura municipal co seu persoal e unha sala de exposicións temporal que vén acollendo de maneira periódica actos culturais, e exposicións variadas.

A pesar destas importantes instalacións, desde o BNG comprobamos que o Museo Municipal de Ribeira ficou no esquecemento, sen actividade nin horario axeitado para visitantes e a propia veciñanza.

Este espazo conta cunha exposición permanente de diversos obxectos arqueolóxicos, instrumentos e maquetas náuticas, armas, pinturas e debuxos, un amplo e diverso contido que se atopa exposto de xeito permanente e polo que non hai ningún elemento dinamizador que contribúa á súa visita.
No segundo andar deste edificio, existe unha colección de bonecas de titularidade privada, segundo a información oficial: “unha exposición permanente sobre o traxe tradicional galego e os costumes populares a través dunha colección de bonecas que recrean escenas e mostran a variedade e riqueza dos traxes de diario e de gala así como oficios, festas populares tanto relixiosas como laicas”.

Desde o BNG contactamos con artistas da localidade e chegamos á conclusión de que esta colección non debería estar no Museo Municipal, o seu lugar sería o Museo Etnográfico de Artes que tamén recibe fondos municipais que ascenden a 12.000€ anuais.

Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral no Museo Municipal Ribeira. BNGCo traslado das bonecas liberaríamos un espazo polivalente para presentacións  e actos culturais, sala de exposicións ou salón de actos, o que suporía un foco de atracción de visitantes e con eles un maior dinamismo do Museo Municipal.

Desde o BNG sabemos que existe un convenio entre a propietaria das bonecas e o Concello de Ribeira por iso propoñemos o seu traslado ao Museo Etnográfico de Artes mais se non quere esta opción existe a posibilidade de que o Concello de Ribeira as custodie noutra instalación pública ou en último caso, a súa devolución á lexítima propietaria.

Finalmente, como a cultura non só é habilitar espazos de exposición e creación artística, propoñemos a creación dunha comisión que dinamice e permita a implicación do tecido cultural na programación que se faga desde o Concello de Ribeira.

Por todo isto, o edil Luís Pérez Barral solicita en nome do BNG, o seguinte:

A) Trasladar a colección de traxe galego da colección de bonecas do Museo Municipal ao Museo Etnográfico de Artes.

B) Habilitar o segundo andar do Museo Municipal de Ribeira como sala de usos múltiples.

C) Crear unha comisión cultural na que se integren artistas ribeirenses que o desexen, o persoal técnico do departamento municipal de cultura e representantes dos grupos políticos da Corporación Municipal. Esta comisión reunirase de maneira trimestral.

Vídeo: O BNG solicita o traslado das bonecas para crear unha nova sala cultural
Moción completa e acordos: Creación dunha nova sala cultural en Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *