Galiza Nova e BNG presentan campañas contra a violencia machista no Día Mundial da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres

As compañeiras do BNG e da organización xuvenil Galiza Nova da Barbanza resaltaron que a violencia machista é un dos problemas máis graves da nosa sociedade, polo que demandan o recoñecemento lexítimo das vítimas de feminicidio, ante a inefectividade das medidas tomadas até o momento polos gobernos do Partido Popular. Isto fai que o número de vítimas recoñecidas sexa esaxerado: máis de 50 mulleres asasinadas no que vai de ano.Adelina Ces, Severino Romero, Elvira Blanco, Cristina Andrade, Raquel Suárez e Carlos Ansoar. BNG Barbanza. Foto Chechu López

Tamén co gallo do 25 de Novembro, a Asamblea de Mulleres de Galiza Nova vén de publicar o voceiro nacional Activas, co que se pretente visibilizar todas as violencias que oprimen ás mulleres do País. Estas violencias non quedan só na violencia física e sexual, das que se fan eco de vez en cando institucións e medios, senón que abarcan moitas outras formas de agresión coas que este Estado machista, retrógrado e capitalista nos oprime pola nosa condición de mulleres, de mozas e de galegas.

Así, existen outras formas de violencia que non son percibidas como tal pola sociedade. Día tras día enfrontámonos a unha violencia simbólica que nos obriga a actuar dunha forma determinada a través de patróns estereotipados establecidos coa publicidade. A violencia institucional de quen nos impiden o acceso a políticas públicas e regulan leis que atentan contra a liberdade dos nosos corpos, ou á violencia económica, que fai que as mulleres cobremos menos que os homes por igual ou máis horas de traballo. Ata ás formas de violencia máis recoñecidas pola súa gravidade, que son as violencias sexual e física: todas as semanas, mulleres son asasinadas, pasando a converterse nunha mera cifra para o Estado español e para os medios.

Por todo isto, dende Galiza Nova e o BNG consideran que é necesario tanto unha resposta social colectiva como medidas políticas e institucionais que non sexan simplemente a repulsa ou a condena. Ante a magnitude do número de feminicidios, xunto coa a reprodución de todas estas formas de violencia pouco visibilizadas, demandan tamén medidas integrais efectivas que combatan o machismo e defendan un modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.

O BNG da Barbanza mostra o seu apoio á concentración convocada pola asociación Mulleres en Acción o mércores 25 de novembro na praza do Concello de Ribeira e o concello de Rianxo gobernado polo BNG celebrará diversas actividades de concienciación e unha concentración o domingo 29 na praza de Castelao. 

Voceiro “Activas” da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova: Insumisas e rebeldes por unha Galiza feminista!

Video: Galiza Nova e BNG mostran a súa repulsa contra a violencia machista

Fotografías: O BNG apoia as concentracións contra a violencia machista

One Comment on “Galiza Nova e BNG presentan campañas contra a violencia machista no Día Mundial da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *